Parque Natural de Pagoeta
Situado moi preto de Zarautz é unha variante de paisaxe humanizada de campiña e caseríos co seu centro no monte Pagoeta. O Parque natural desenvolve unha función formativa e recreativa moi importante. Destaca tamén polos seus bosques e elementos etnográficos como a ferrería de Agorregi e as neveiras, que amosan as antigas técnicas de conservación por frío.
Antes de nada visitamos o centro de interpretación do parque natural. Logo fixemos dous percorridos: O primeiro sae directamente do centro de interpretación e lévanos ata a ferrería de Agorregi, a cal visitamos e vemos en funcionamento. A ruta transcorre entre bosques e ribeiras por camiños cómodos e algún tramo de asfalto. Ten un alto interese natural e cultural.
- Lonxitude: 3,5 km
- Dificultade: baixa
- Desnivel: baixo
O segundo tramo comeza na capital do concello, en Aia. É un percorrido circular que nos leva ao cumio do parque natural, o Pagoeta, a 714 m de altitude. A ruta pasa por zonas boscosas de alto interese, e outras de pasteiros de altura. Tamén tivemos ocasión de ver unha antiga“neveira”. Goza dunhas vistas excepcionais.
- Lonxitude: 10 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Para facer a última andaina por estas terras non nos desprazamos moi lonxe dende a nosa base en Zarautz, pois en pouco máis de quince minutos o bus deixounos no aparcadoiro ás portas do Iturraran Parketxea, o centro de interpretación do parque de Pagoeta que é a mellor opción para comezar a coñecelo. No mesmo entorno e, antes de que abriran, demos unha volta polo Xardín Botánico de Iturraran, un fermoso lugar con gran variedade de plantas e árbores, tanto de vexetación autóctona como de diferentes lugares do mundo, que son a maioría, contando tamén cunha colección de plantas ameazadas do País Vasco.
O caserío de Iturraran é espectacular e moi fermoso. Construído no século XVIII, mantén a súa estrutura orixinal de madeira e, ademais de ser o centro de acollida de visitantes e o centro de Interpretación do Parque Natural de Pagoeta, amosa unha exposición permanente que versa sobre o medio físico e etnográfico desta zona, que nos ilustra sobre o equilibrio existente entre a natureza e as actividades humanas. Salienta o apartado adicado ao mundo das abellas, no que se ofrecen talleres didácticos e varios soportes interactivos. Unha mágoa que non poida asistir a unha actividade de esmelgado programada para última hora da mañá!
Temos que deixar o caserío, pois hai que chegar á ferrería de Agorregi antes das 11:30, hora na que está concertada a visita, co fin de poder ver en funcionamento este enxeño hidráulico preindustrial. A ferrería e os muiños de Agorregi atópanse moi preto do Iturraran Parketxea, e para chegar a este complexo baixamos pola senda que parte dende o mesmo caserío. A chuvia xa é constante o que está a converter o camiño moi esvaradío.
Xa na ferrería e dándonos unha tregua a chuvia, a guía coméntanos a historia da fundición destas instalacións construídas no século XVIII, e a sua recuperación pola Deputación Foral de Gipuzkoa, actual propietaria. As ferrerías eran enxeños para extraer lingotes de ferro do mineral, cuxa enerxía motriz era a forza hidráulica. Era unha ferrería maior onde se conseguían os tochos de ferro que logo se levaban ás ferrerías menores onde os forxaban. As materias primas para conseguir o ferro eran: o mineral de ferro, o carbón vexetal e a auga dos ríos.
No percorrido polas instalacións, salienta a nosa guía que a orixinalidade de Agorregi reside no aproveitamento da auga. Os primeiros datos sitúan a ferrería a comezos do século XV, e na renovación efectuada no século XVIII os depósitos de auga están situados a distintos niveis, conseguindo que esta sexa utilizada unha e outra vez, e así poder paliar o problema da escaseza de caudal.
Tras a invención do forno alto, de maior rendemento, e a chegada da revolución industrial, este tipo de ferrerías abandonouse ou fóronse transformando en fraguas ou muíños, ata caer en desuso e no abandono.
Despois de ver funcionar o inxenio, deixamos a ferrería e imos na procura do bus que quedou no aparcadoiro de Iturraran. Xantamos e desprazámonos ata Aia para facer a segunda actividade da xornada, un percorrido circular que parte da mesma capital municipal.
Sorprende o fermosas e coidadas que están as vilas e pobos, e o de Aia non é menos. Ten moito encanto. Antes de iniciar o percorrido botámoslle unha ollada ao Humilladoiro da Cruz, co que nos atopamos nada máis baixar do bus. O templete alberga un calvario coas tres cruces sendo a do centro, a máis grande, unha cruz barroca onde están labrados os símbolos da Paixón de Cristo. O paso pola vila permítenos admirar os edificios restaurados, conservando a estrutura constructiva típica da zona.
Singular é o caserío Garagorrienea, construído no s. XVII, un exemplo destacado de caserío convertido a edificio urbano. Esta mixtura entre rural e urbano resulta sobresaínte, destacando a súa fachada principal: as paredes laterais, os longos balcóns tallados en madeira, os aleiros… e María repara na porta que ten unha fermosa talla de Carlina acanthifolia, colgada como chamada á boa sorte e protección, e flanqueada por dous manoxos de freixo para reforzar esa protección, e lémbrase do anónimo portugués Flor da murta, cantado por Luís Cília, ao ver as cruces de freixo nas portas.
En nada gañamos altura o que nos permite ter unhas vistas sobre Aia moi fermosas. Pero isto non vai durar moito, pois cando nos adentramos no bosque vainos sorprender a chuvia, facéndose cada vez máis intensa e, sobre todo, a néboa. Estes dous elementos vannos condicionar moito a andaina, pero non impedirán que disfrutemos camiñando polo interior do bosque. É unha chulada andar por aquí!
A chuvia arrecia e facemos unha pequena parada na falla de Azkorteaitza, que divide o monte cunha profunda fenda, para poder acubillarnos un pouco da que está a caer. A parada non é moi longa pois o abrigo non é moi efectivo, pero ainda así é un lugar do percorrido con moito encanto, máxico.
Tamén pasamos por unha ben conservada neveira, un pozo excavado na terra no que en tempos se introducía a neve coa finalidade de conservala para podela usar posteriormente, cando, doutro xeito, a neve xa estaría derretida. A progresiva implantación de fábricas de xeo no século pasado foi deixando de lado estes neveiros artificiais que aproveitaban un recurso natural de xeito sostible, aínda que dependente do clima, o que daba épocas de escaseza de xeo fronte a outras de grandes nevadas.
Parámonos ante a Árbore Singular chamada “El Tejo de Aia“, un fermoso exemplar de teixo agachado no medio do bosque mixto polo que andamos, con especies como a faia e o bidueiro ou o ciprés e o alerce. A súa copa é tan grande que non consigo fotografalo enteiro. Leo no panel instalado á súa beira que ningún individuo supera a este en tamaño e probablemente tampouco en idade, xa que conta con máis de 200 anos.
Logo dunha boa camiñada, baixo a insistente choiva e con moita néboa, desistimos de chegar ao alto do Pagoeta, e disfrutar da paixase ao pé da cruz. Non paga a pena. Quedamos en Lizarra, fronte a un panel que describe a Estación megalítica de Pagoeta. Mentres regresamos, trato de asumir o consello do escritor británico George Meredith de que o camiñante debe aceptar con gusto todos os cambios de tempo e facer da choiva, por moi intensa que sexa, unha vivaz compañeira. E así o facemos.
Houbo que replantexar o regreso a Aia desde o collado e fixémolo atravesando todo o bosque pola aba norte do Pagoeta por pistas e sendas enlamadas e moi esvaradías… pero cando acadamos o claro o día abriu de contado! Foi como unha aparición! As vistas cara o val, fermosas, e semella que en Zarautz non debeu chover nada. Aproveitamos para facérmonos unhas fotos con este día tan espléndido que quedou e continuamos baixando cara a Aia, que xa está a tiro de pedra.
Mañá emprendemos o regreso a Santiago, e coa andaina de hoxe damos por finalizada a estadía por Euskadi, que se nos fixo curta e da que levamos unha manchea de bos recordos… e Idiazabal, txakoli, anchoas… (deixamos o posto de Zabala no mercado de Zarautz case sen existencias!).
Aínda que hoxe non tivemos sorte co tempo, a calor e a temperatura foron boas, a climatoloxía deparounos días de néboa, nubes baixas, orballo, sol e humidade… un pouco de todo para que non haxa queixa. Sen dúbida un bonito colofón á nosa estadía, na que gozamos coma ananos. Hai que volver. Eskerrik Asko!
Toda a viaxe estupenda, xa se pode ver, noraboa polo relato preciso e precioso. Pero, pero, en Getaria faltou que fixerades unha visita ao precioso Museo Balenciaga, pode parecer frivolidade da miña parte, ¡¡¡pero non!!!, paga verdadeiramente a pena visitalo, ademais está no alto dunha costiña, así que xustificaría a visita doblemente. Bicos, bicos, e a agardar o seguinte relato