Xeoparque da Costa Vasca
Os Xeoparques son territorios que apostan por unha estratexia de desenvolvemento sostible baseado nos seus valores naturais e culturais. O Xeoparque da Costa Vasca, o primeiro en Euskadi e en todo o Cantábrico, nace co espírito de levar á práctica esas ideas nos municipios de Zumaia, Deba e Mutriku. Os 13 quilómetros de cantís deste tramo de costa gardan unha espectacular formación de capas de rochas chamadas Flysch que, a modo de gran enciclopedia, nos amosan máis de 60 millóns de anos da historia do planeta.
A nosa ruta comeza en Zumaia. É un tramo do sendeiro homologado GR121 que nos leva ata Deba. As vistas durante todo o percorrido son impresionantes. A orografía do terreo fai que a ruta sexa un continuo sube e baixa, aproveitando sendeiros e pistas, o que lle confire certa dificultade. O regreso a Zumaia facémolo nun barco, cunha guía do Xeoparque, que nos irá explicando as distintas formacións rochosas do cantil dende o mar.
- Lonxitude: 14 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a camiñar…
Logo de deixarnos o bus na parte nova de Zumaia, iniciamos a andaina mesmo na ponte que cruza o río Narrondo. Camiñamos pola beira do mesmo e nas marxes vemos pequenas embarcacións en seco, penduradas por mor da baixamar.
No paso polo casco antigo cara á parte alta da vila destaca a igrexa de San Pedro, unha igrexa gótica do século XIII de sólida construción con aspecto de fortaleza, como todas as que estamos a ver por estas vilas mariñeiras.
No alto onde se asenta a Ermida de San Telmo temos a primeira visión das praias, cantís, cabos, promontorios e enseadas que constitúen este tramo de costa. A baixamar é ideal para a saborear a andaina de hoxe. Esta pequena ermida de pedra encalada, dedicada ao patrón dos mariñeiros, chama a atención pola súa localización no bordo dun alto cantil que dá directamente sobre a Praia de Itzurun. Desde o seu enclave pódese gozar das vistas e da accidentada costa así como das formas xeológicas dos Flysch cando se atopan co mar. O edificio non ten interese arquitectónico e como anécdota dicir que a ermida aparece na película 8 apelidos vascos.
Segundo leo nos paneis explicativos que hai ao longo da ruta, un Flysch é unha formación de capas rochosas de orixe sedimentaria, na que se alternan capas de rochas duras (calizas, pizarras ou areniscas) con capas de materiais brandos (margas e arxilas) de modo que a erosión desgasta máis facilmente as capas brandas e deixa expostas as capas duras. Así, ao longo de millóns de anos formáronse estas capas de materiais de diferente densidade no fondo oceánico, de forma laminar, que por determinados fenómenos xeológicos afloraron á superficie, onde son erosionadas. Os estratos do Flysch aparecen verticais pola deformación sufrida durante a Oroxenia Alpina, a causa do choque da placa Ibérica coa Europea.
Esta paisaxe de capas rochosas, a modo de milfollas, é a que domina nesta ruta costeira que vai desde Zumaia a Deba, mesturándose co verde dos pastos e o terreo agrario da zona cando o camiño nos leva un pouco cara ao seu interior. A importancia científica e paisaxística dos Flysch provocou que formen parte do Xeoparque da Costa Vasca e que en 2009 se declarase a zona de Deba-Zumaia como biotopo litoral protexido.
A praia de Itzurun en si non é moi grande cando sobe a marea pero o seu cantil conta con dous “cravos de ouro” de referencia xeolóxica mundial de primeira orde, definidos como estratotipos, dous límites do tempo que, segundo os científicos, revelan un cambio de era: o primeiro hai 61 millóns de anos, que coincide cun brusco descenso global do nivel do mar e outro de hai 58 millóns de anos, que coincide cunha inversión repentina do campo magnético terrestre. Nesta praia rodouse parte do primeiro capítulo da sétima tempada de Xogo de tronos, unha anécdota fronte á importancia xeolóxica do lugar.
Deixamos a atalaia da igrexa e avanzamos ata un pequeno mirador sobre o cantil. Estamos diante da pequena cala de Algorri, onde se identificou unha fina capa negra que sinala a gran catástrofe cando se extinguiu máis do 70% das especies do planeta. Esta gran extinción semella estar relacionada co impacto dun gran meteorito na península de Yucatán. Coa marea baixa, podemos ver a rasa mareal que se estende e penetra no mar centos de metros, anque en total, esta de Zumaia chega a acadar os 5 km de extensión, o que a converte, segundo os expertos, na maior de toda Europa. O lugar impresiona pois temos diante todo o percorrido que imos facer por esta costa tan escarpada. Unha paisaxe tan espectacular e fermosa non podemos deixala sen facernos unha foto de grupo, e este é un lugar inmellorable!
Continuamos camiño separándonos pouco a pouco da costa, e imos saboreando longamente esta primeira visión da mesma; semella imposible describir montaña, auga, praia, xeoloxía, ermida… todo nun, para min que estamos nun deses lugares máxicos que nos regala a Natureza.
Ademais de camiñar polo tramo do sendeiro homologado GR121, esta incursión polo interior coincide cun pequeno treito do Camiño da Costa cara a Compostela, mesmo algún nos confunde con peregrinos cando facemos a primeira parada na área de descanso en Elorriaga. Non nos esquecemos que estamos nun Xeoparque, e dentro del segue a vivir un bo número de baserritarras, que son os grandes responsables de que o entorno polo que andamos e a paisaxe se atope en tan bo estado de conservación. Os caseríos co gando e os pastos que utilizan, os cultivos, as viñas de txakoli compoñen unha paisaxe incriblemente verde.
Seguimos avanzando e o carreiro volve cara ao litoral, a un punto de referencia, a Praia de Sakoneta, pero primeiro detémonos no Miradoiro de Portutxiki para poder ver cara atrás a liña de costa que vimos percorrendo e onde se aprecia estupendamente a rasa mareal e os materiais desprendidos ao pé dos cantís, que aumentan o poder de erosión do oleaxe. Na Praia de Sakoneta é obrigado facer unha parada. Aquí é frecuente ver á xente pasear xunto ás formacións do flysch, e nós aproveitamos para baixar e camiñar pola rasa e facer fotos e fotos. Se a vista dende os cantís é única, a súa beleza medra a pé de praia. Esta praia de grandes dimensións está protexida por dous cabos que lle confiren unha forma de media lúa, e o retroceso dos cantís é aquí máis evidente que en calquera outro lugar, xa que aos seus pés esténdese a rasa mareal máis espectacular de todo o biotopo. Aínda que hoxe pareza incrible, na década de 1970 neste lugar proxectouse a construción dunha central nuclear…
Deixamos atrás a Praia de Sakoneta, e mentres ascendemos polo sendeiro pegado ao cantil e superamos o desnivel que hai que salvar penso no fermoso que é todo isto! Anque o camiño segue a ser un sube e baixa, a partir de agora xa non se volve a baixar á praia e todas as vistas son desde o alto dos cantís.
Decidimos facer a segunda parada do día. A abafante calor fai que busquemos a sombra e poder comer placidamente. A maioría achegámonos ata o mirador de Mendatagaina, un mirador excepcional situado entre os dous grandes dominios do biotopo. Estamos case na Punta Aitzuri, a impoñente formación rochosa estratificada que corta o mar como coitelas formando unha parede calcárea lisa que desde o alto do monte cae cara o mar. Dende Mendatagaina vemos a liña de costa que está fermosa dende calquera punto, coa praia de Mendata e punta Sakoneta en primeiro termo. As capas do Flysch dispóñense de forma perpendicular á liña dos cantís, provocando unha erosión diferencial, que produce cabos nas zonas con capas máis duras e pequenas calas protexidas onde os estratos son mais brandos. Facémonos fotos sen parar con esta paisaxe de fondo, paga a pena!
Logo de camiñar un pequeno treito por unha senda, e ir polo antigo trazado do ferrocarril, unha nova baixada lévanos á depuradora de Arranomendi e outra vez en ascenso chegamos á estrada da costa, que superamos por unha pasarela de madeira, e outra vez en forte ascenso nos deixa na ermida de Santa Catarina.
En Santa Catarina volvemos ter unhas fermosas vistas da costa e xa divisamos Deba. Reagrupámonos e descansamos mentres admiramos as belas panorámicas que nos ofrece este lugar, ben merecidas despois da subida, pois a humidade está a facer mella en nós; o Víctor bótalle unha man a unha peregrina estranxeira que anda perdida e sen auga, e un pouco agobiada, pois coida que non vai atopar sitio para esta noite no albergue. Dámoslle auga e Víctor adiántase ao grupo acompañándoa ata a entrada de Deba. A baixada ata Deba polo camiño de San Roque é moi empinada polo que hai que poñer moito coidado. Xa na vila, vemos á rapaza moito máis relaxada camiño da oficina de turismo.
Mentres agardamos a que a marea estea alta, e poder embarcar sobre as cinco da tarde, temos tempo para dar unha volta pola vila e poder admirar a Igrexa de Santa María de Deba, Monumento Nacional desde o ano 1931 e considerada como unha das mellores obras da arquitectura relixiosa vasca, auténtica xoia do gótico e renacemento en Gipuzkoa. Non hai que deixarse enganar pola fachada exterior, pois trala mesma escóndese un pórtico policromado de pedra espectacular, onde están representados os apóstolos e esceas da vida de Cristo. No interior hai un gran retablo renacentista.
Pouco antes das cinco desprazámonos ata o pantalán do porto, cheo de rapazada que disfruta do baño, para embarcar e facer a travesía en barco ata Zumaia, onde finalizará a visita guiada realizada por persoal do Xeoparque, que nos irá amosando dende o mar os puntos máis importantes e singulares, como o flysch negro de Deba ou as covas de Aitzuri, e admiraremos a beleza dos cantís do Flysch neste tramo da costa, calas recónditas e unha das maiores rasas mareis de Europa.
A verdade é que é unha excelente opción de retorno para aquelas persoas que desexen realizar o trekking da costa GR Talaia entre Zumaia e Deba. Se dende terra impresiona camiñar por esta costa, dende o mar é unha auténtica pasada! Ao longo do percorrido fomos recibindo explicacións sobre os principais trazos do Flysch e sobre as formas de vida e tradicións que outrora foron máis importantes nesta terra: a construción naval en Zumaia, o comercio en Deba… moitas grazas ao persoal do Xeoparque e a Naiara! Eskerrik asko!
Quedei encantado coa ruta de hoxe e, anque lera algo sobre o Flysch e a entretida obra de María Belmonte, Los senderos del mar, percorrendo a costa vasca, non imaxinei que me atoparía con algo tan espectacular! Ver o lugar e, sobre todo percorrelo, superou a idea que tiña, e máis aínda, as sensacións, ao saber da importancia que ten este lugar, no que tés diante túa algúns dos capítulos da historia biolóxica e xeológica da Terra.
Precioso roteiro, tiven ocasión de facelo hai un ano e pico, pero en coche, e aínda que admirei o flysch non puden facelo con tanto detalle coma vós; comimos en Zumaia moi ben por certo e é todo tan fermoso, está todo tan “niquelado”que só falta rogar porque non cambien nin un chisco no seu aprecio pola sua paisaxe e a súa contorna, temos moito que aprender aínda ¿non sí?.
Claro que temos que aprender! Por exemplo, temos toda a comarca do Ortegal na que se quere facer un Xeoparque, pero está case todo por facer. Ademáis do interés xeolóxico evidente, hai elementos de interese cultural (vilas mariñeiras, San Andrés de Teixido, castelos de Moeche e San Sadurniño… ) e natural (cantís da Capelada, Costa de Loiba… ). Agardemos que vaia adiante e non se demore moito, pero isto é Galicia…
Bicos