Ruta pola Serra Martiñá. Cea
- Lonxitude: 18 km
- Dificultade: media
- Desnivel: medio
Comezamos a xornada en San Cristovo de Cea, tomando un café no Vaticano e dando un paseo pola vila antes de iniciar a andaina; perviamente fixemos unha parada para ir visitar o Forno de Ana e aprovisionarnos dunha peza de pan de Cea. Algo debe ter o pan, cando está incluído no “padrenuestro”, e seguro que un dos mellores cócese en Cea! E que segredo ten este pan, única Indicación Xeográfica Protexida de Europa, que se coce dende hai séculos? Pois fariña do país, auga de Cea… a elaboración, co seu amasado, repouso, a división da masa, o reamasado, o enfornado, a cocción e o rever, permiten facer pezas ou “podias” de 1/1,2 kg de peso, ou medias pezas, “moletes”, en torno aos 500/600 gr.
A ruta propiamente dita comeza en Covas, preto de Cea, na igrexa de Santa María, que visitamos. O edificio relixioso, adicado a Nosa Señora na advocación da Asunción, presenta unha sobranceira torre sobre fachada barroca, das mellores da contorna. A estatua de Santiago dá fe da relación co camiño cara a Compostela.
O desnivel do camiño é case inapreciable, salvo no ascenso final á Serra por cortalumes, pistas forestais e algo de monte a través, dun quilómetro aproximadamente, levadeiro e que salvamos sen maior dificultade; xa no alto, no xeado punto xeodéxico, comezou a nevar e a ventear, polo que as fermosas vistas cara ao val de Oseira medio as intuimos, pois iniciamos o descenso de contado pola cara que da ao val de Ricovelo.
Estamos no alto da Serra Martiñá, que preside as terras de Cea desde os seus 1039 metros, sendo o punto máis alto do municipio. O Suso mediu aquí pouco máis de 0 graos e -12 de sensación térmica! Este monte é lembrado por Otero Pedrayo desde a súa Trasalba, pois é visible dende as Terras de Amoeiro.
Paramos a xantar no mesmo camiño, por riba da aldea de A Martiñá, e tendo O Picouto (895 m) como acaparador das nosas miradas, aproveitando un momento de sol ao abrigo da montaña, que foi visto e non visto pois o tempo variou de novo inesperadamente, “regalándonos” primeiro saraiba e logo folerpas de neve cando cruzamos A Martiñá o que nos permitiu divisar unha paisaxe totalmente diferente. Ás consabidas dificultades que trae consigo a neve, tamén nos deixa estampas que son un verdadeiro agasallo da natureza… e seguimos descendendo para regresar a Covas, pasando de novo por camiños agricolas, abandoados alguns, que son verdadeiros ríos e que temos que salvar nalgún caso con moita imaxinación, con chuvia, neve e vento ata o final!
Gran parte do percorrido, que non está sinalizado, transcorre polo Lugar de Interese Comunitario Pena Veidosa, polo que a ruta ten un alto interese paisaxístico, natural e cultural.
Foi unha ruta das que non se esquecen… con este tempo de auga, xa dende Covas, os camiños están con moita auga e difíciles de andar. Polo demáis… moi, moi boa andaina na que tivemos de todo! Sol, vento, chuvia, saraiba, neve, frío, trebóns… Unha ruta moi completa!
Xa na casa, e logo de poñerme cómodo, o primeiro que fixen foi cortar un anaco de queixo e chourizo tomalo co pan de Cea. Boísimo!
Pois sí, para ben ou para mal, esta ruta tardaremos en esquencela. A dificultade sen dúbida foi maior da esperada. E os momentos de nevaradas antes e despois de comer, foron….. auténticos¡ Cando menos…
Agora xa pensando na do Xistral, pero sin perder de vista a evolución meteorolóxica esta semana… que promete.
Moitas grazas, Fran, pola crónica
Grazas Víctor,
Pois mira se me gustou que tirei máis de 250 fotos! E, en canto á dificultade, estiven dubidando se cambiar o grao e poñelo medio-alto, pero ao final considerei circunstancial o do tempo, e deixeina como a clasificaches tí.
Unha mágoa que a ruta non estea sinalizada para recomendar a afeccionados ao sendeirismo, pois non é difícil de camiñar… anque atopei na rede bastantes tracks de biciclistas, polo que debe ser bastante frecuentada dende Ourense.
Unha aperta e ata o sábado!