De Santiago a Padrón
Este sábado tiñamos programado coa USC unha ruta pola Serra do Xistral, pero como o tempo non deu tregua ata o final, decidiuse aprazar para maís adiante… e como algúns xa tiñamos o sábado “pillado” pois decidimos improvisar unha ruta, e optamos por facer a última etapa do Camiño Portugués, pero ao revés, de Santiago ata Padrón. Esta ruta xa a fixera en decembro con Jaime, que a ten mallada de ir máis veces coa bici.
Quedamos os dez (Carmen, Jesu, Jóhanna, Helmut, Placer, Marga, Xerardo, Antón, Jaime e eu), para o sábado, e faltounos Suso que ao pouco de empezar o camiño chamounos para dicirnos que xa eran un máis na familia! Marco, o seu terceiro netiño! Parabéns! A nosa idea era pasar a mañá camiñando e alí, en Padrón, parada para o xantar na Pulpería Rial, e despois volta para casa placidamente no tren.
Un percorrido de máis de 25 km na súa maioría por asfalto e sen ningunha dificultade que destacar, salvo a distancia, e que se pode realizar desfrutando do entorno e de boa conversa cuneteando polas aldeas, como diría Xaime, para chegar antes das tres da tarde a Padrón, hora para a que tiñamos reservado na de Rial.
O camiño é feo, para que negalo, pois pasar polo Milladoiro ou a Picaraña pola N-550 non ten ningún aliciente. Aínda así, ten lugares moi fermosos e dignos de visitar como Francos, famoso pola súa carballeira onde se celebra a centenaria feira cabalar de San Martiño cada once de novembro. En San Martiño está tamén un cruceiro de formas arcaicas, considerado dos máis antigos do país, que describe Castelao nas “Cruces de Pedra na Galiza” como unha imitación popular dos cruceiros góticos; érguese sobre un penedo só coa imaxe única do crucificado e atópase xunto á capela de Francos e diante da escola construída na II República, grazas ao seu plan de educación.
Moi perto, a 500 m, está a Ponte da Paradela, ponte medieval dun só arco sobre o río Tinto, que era por onde pasaba realmente o camiño a Santiago, comunicando Francos (Teo) con Xinzo (Brión).
E qué dicir da maxestuosidade do santuario da Escravitude, ou de Iria Flavia, enclave urbano romano, polo que pasaba a Vía XIX, de Braga a Lugo. En Iria destacan as Casas dos Coengos (finais do s. XVIII), onde ten a sede a Fundación C.J. Cela que, xunto coa Colexiata de Santa María de Adina, forman parte do conxunto histórico-artístico de Iria Flavia, declarado BIC en 1975. No seu cemiterio encóntrase a tumba do Premio Nobel, e unha lápida lembra que foi o lugar onde, orixinalmente, xaceron os restos de Rosalía de Castro, antes do seu traslado ao Panteón de Galegos Ilustres en San Domingos de Bonaval, en Santiago.
E final da andaina en Padrón. Ás tres coma un cravo no Rial: empanada de millo con bacallau con pasas, polbo á feira, raxo e queixo con marmelo… e o cocido deixámolo para outro día. Unha vez descansados e ben alimentados fomos coller o tren na abandonada e destartalada estación de Padrón (os baños daban noxo), total quédanlle dous telediarios! Que mágoa!
Ah! Non podiamos abandonar Padrón sen visitar a Casa da Matanza, museo de Rosalía, e levei a Jóhanna a toda presa para que a vira, antes de subir ao tren, facéndolle un par de fotos no seu xardín. Como se empapan estes islandeses do noso, que gozada!
Tomo prestada a suxestión do meu Rabudpuntocom para adicarlle a Jóhanna A Rosalía de Curros Enríquez, na versión de Luis Emilio Batallán. ¡Ai dos que levan na frente unha estrela, hai dos que levan no bico un cantar!
Xa sei que non chovía, máis acórdaseme:
Miña casiña, meu lar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!
Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,…..
Precioso o roteiro e as fotos primo.
Grazas Marisa! A verdade é que non vai ser todo camiñar entre a Natureza… tamén hai que ter momentos para visitar espazos literarios, e este é inmellorable, que nos leven á reflexión, lecturas…