Ruta do Val de Ponga

25-03-2016
Ruta do Val de Ponga
Visita ao Centro de Interpretación do Parque Natural

O segundo día achegámonos a San Xuan de Beleño (Beleñu), capital do concello de Ponga, para visitar o Centro de Interpretación do Parque Natural e, deste xeito, coñecer un pouco mellor os valores naturais, paisaxísticos e culturais destas terras… e non entendemos como hai partidos que se opoñen a que sexa declarado reserva da biosfera.

Quedamos encantados coa visita. A guía do centro, Elisa, é unha moza que nos transmite un sentimento polo entorno no que vive, que é de agradecer na súa exposición durante a visita. Chegounos moi fondo a historia do Herminio, o avó dos Beyos, un home de 101 anos que vive só en Casielles, e non quere marchar coa filla para Xixón pois, como dí, “árbol transplantau no da buen resultau, filla”, o que nos amosa perfectamente o vínculo desta xente coa terra… Ogallá moitos centros de interpretación tiveran tan boa representación como o de Ponga.

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: medio-alto
  • Dificultade: media-alta

Despois de hora e media de explicación e da ambientación que lle deu o Jaime cos sons do urogallo, oso, rebeco e demáis, preparámonos para percorrer unha das rutas máis fermosas do parque, que comeza alí mesmo e une os pobos de San Xuan, Sobrefoz e Abiegos a través de camiños e corredoiras marabillosas onde o bosque e a biodiversidade son os principais protagonistas. É unha ruta circular e non ten maiores dificultades, excepto a lama que nos atopamos polos camiños.

Comezamos a camiñar, pois, cara o río Ponga cun forte descenso e, como na andaina de onte, indo por vales (foces) moi estreitos e protexidos sempre por cumios nevados que debuxan unha paisaxe impoñente. O treito polo río é dunha vitalidade sobrecolledora, tanto pola fermosura das súas augas, de cor turquesa nalgúns tramos, como polo constante atronar que non che deixa abstraerte. Este treito hai que andalo con moito coidado polo esvaradío das pedras polas que andamos… e xa enfiamos camiño de Sobrefoz

Ao chegar ao pobo de Sobrefoz facémoslle unha extra cun pequeno percorrido circular fóra do itinerario oficial. Unha “parede” de forte desnivel con 1200 m de percorrido de subida que nos deixou abaneando, pero cunhas vistas de Sobrefoz e do val que pagaron a pena. Tras un breve descanso repoñendo forzas e observando a paisaxe e a un par de buitres agardando por se alguén quedaba desfalecido… pero non houbo opción. Se a subida foi dura, a baixada non quedou atrás, pois o desnivel nalgún tramo deixounos os cuádriceps tocados.

Unha volta por Sobrefoz, fermoso como todos os pobos polos que estamos pasando, e iniciamos o camiño de regreso a Beleño, repetindo o treito polo río e subindo ata Abiegos. Este último tramo da andaina foi especialmente duro, tanto a baixada dende Abiegos ata o río Ponga como o ascenso ata Beleño, que nos deixou exhaustos e con gañas de rematar e tomar unha cervexa, que pagou a pena pois sentámonos nunha terraza cunhas vistas de todo o val de Ponga e o vixía Tiatordos protexéndoo.

Logo, chegada á Casona de Mestas, termas (algúns) e cea reparadora, con sobremesa moi animada, como todas as noites.

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Ruta do Val de Ponga”

    1. Non deixa de ser unha zona deprimida que ten a súa saída neste tipo de turismo (do que se pode vivir alí perfectamente). As paisaxes están coidadas sí, pero respectadas… xa teño as miñas dúbidas; hai estes días unha polémica por declarar a zona reserva da biosfera, e quen se opón? a dereita! esgrimindo desculpas e infundios como que xa non van poder facer nas súas terras o que lles pete, etc., etc. Os de Foro Asturias locais din: “nos quieren expoliar el concejo para convertirlo en un foco paisajístico dejando de lado a quienes residen y trabajan aquí”… como aquí, vaia!
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio