Ruta pola senda do Arcediano
Para hoxe tiñamos programado un itinerario percorrendo dende Les Bedules á collada Pumerín e regreso á collada Llomena, un dos lugares estratéxicos do parque natural en canto a paisaxe se refire, xa que vai por zonas moi altas entre sitios ben fermosos. Pero, segundo nos informou Elisa no Centro de Interpretación o día anterior, a ruta tiña moita neve, e neve moi branda. Incluso o pequeno aparcadoiro que hai en Llomena, onde o bus debería dar a volta, está cuberto de neve.
Isto é consecuencia destes temporais tardíos de neve, xa que nestas épocas do ano quizais o normal sería que a neve aparecese en cotas máis altas.
- Lonxitude da ruta: 12,6 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media-baixa (sempre e cando non haxa neve, o que incrementa a dificultade)
Cómpre buscar unha alternativa. O certo é que xa había unha pensada, moi preto de Sellaño, onde fixemos a ruta do primeiro día, pero… os monitores deciden finalmente desprazarse ao pobo de Amieva, situado noutro val, á outra beira do Sella e facer dende alí un treito da Senda do Arcediano.
Antes de comezar a xornada, como o día amañecía tan bó, decidir ir dar unha volta polos arredores do hotel antes de almorzar… e vaites! dou cunha cabra ao pé da estrada que ao verme veu cara a min, non sei con que intencións, polo que decidín protexerme detrás dun sinal de tráfico e do quitamedos da estrada, e alí agardei (sentinme un urbanita total), ata que se aburriu de min e volveu por onde veu e eu funme cara o hotel, non fora ser.
Déixome de andrómenas e vou ao conto. Dende Amieva collemos a pista de cemento que leva ata ao collado de Angón, e polo camiño vemos como catro sendeiristas van subindo cara unhas paredes do macizo de Cornión por un sendeiro de impresión; ata o collado de Angón son case 3 quilómetros cunhas vistas abraiantes. No collado hai dúas opcións: a primeira é baixar cara o río Dobra e a presa de La Jocica, seguindo a pista cementada. Este é o PR PNPE 7, e a segunda é subir pola senda do Arcediano, que é a opción que tomamos.
A senda do Arcediano é un sendeiro de longo percorrido que une o porto do Pontón, coa ponte Dobra, onde este río se une ao Sella. Nós iremos ata onde a neve nolo permita. Aos mil metros de altitude a capa de neve xa ten un grosor considerable e a partir de aquí o timo é máis lento. As vistas sobre o desfiladeiro do Dobra son impresionantes e pódense albiscar algúns dos cumios máis altos do macizo occidental dos Picos de Europa, cubertos de neve e xeo, que xunto coas súas escarpadas ladeiras lle confire certo carácter alpino.
Polo camiño María vainos amosando moitos conxuntos de prantas e flores descoñecidas para nós. Vemos nas llamargas (pozas ou zonas húmidas), como están brotando os rabos de cabalo (Equisetum arvense), tamén chamados en Galicia chifre, herba estañeira, canuda e xestela, unha pranta moi primitiva que estivo relacionada cos fentos e con moitas propiedades terapéuticas. Ten dous tipos de tallos. Os tallos fértiles brotan a principios da primavera e miden entre 10 e 20 cm. Os tallos infértiles son os que teñen propiedades curativas e brotan entre os meses abril e maio, chegando a medir ata 60 cm. Tamén vimos moitísimas primaveras ou flores de San José, as que nós lles chamamos panqueixo ou, en cotas máis baixas, os campos tapizados de margaritas e dentes de león… toda unha lección de etnobotánica!
Como a previsión do tempo di que a media tarde comezará a chover con forza, ao acadar os 1100 m, xusto ao chegar a un estupendo miradoiro natural onde temos como fondo o pico Cotalba, aproveitamos para facer unha foto de grupo con forte vento, e decidimos dar a volta, para non arriscarnos a coller unha boa molladura; ademais a capa de neve vai en aumento a medida que avanzamos e cada vez faise máis dificultoso camiñar pola neve.
Desfacemos o camiño percorrido ata Angón e un pouco máis adiante, voltando a Amieva, desviámonos para achegarnos ata o miradoiro de La Collada dende onde podemos observar o val de Amieva e a parte suroeste do macizo de Cornión, e ter así outra perspectiva da paisaxe.
Para min a estrutura do miradoiro sobra, pois é un mazacote que non se integra para nada na paisaxe, e anque avancemos dez metros máis e esteamos pendurados no vacío non melloran para nada as vistas sobre o val. Eu creo que hai impresionantes terrazas naturais no alto das montañas nas que se sinte a brisa fresca e se contemplan espectaculares panorámicas máis fermosas que esta, e dame a impresión que esta estrutura é outra acción máis destes politiquiños que non saben en que gastar os cartos de todos… e non sigo porque me encendo, como diría o Víctor.
Finalmente baixamos a Amieva, pero antes de regresar a Ponga no bus, tomamos un merecido refrixerio na única taberna do pobo, na que máis dun aproveitou para mercar chourizos que che tiñan moi boa pinta!