Ruta de Sellaño ao collado de Semeldón

24-03-2016
Ruta de Sellaño ao collado de Semeldón
No collado de Semeldón

Estes días de vacacións imos ao Parque Natural de Ponga (Asturias), no concello do mesmo nome. O Parque Natural de Ponga, que ocupa a totalidade do concello de Ponga, sitúase na montaña centro-oriental de Asturias, entre o Parque Nacional dos Picos de Europa e o Parque Natural de Redes.

O Parque caracterízase por un forte relevo no que destacan cordais rochosos e encaixados desfiladeiros, podendo organizarse para a súa descrición en tres unidades paisaxísticas principais. O bordo meridional forma parte do dominio da Cordilleira Cantábrica, destacando entre todos o pico Pena Ten, de máis de 2100 m de altura. Os dous terzos occidentais do Parque organízanse en torno ao val do río Ponga, delimitado no seu bordo Oeste polo Cordal de Ponga que fai de límite co territorio veciño do Parque Natural de Redes. O terzo oriental do Parque organízase en torno ao val do Sella. Alí, os duros rochedos calcáreos son cortados limpamente pola canle do Sella, dando lugar ao desfiladeiro de Los Beyos, de incomparable beleza.

Antes de chegarmos a Ponga, fixemos parada en Valdés (Luarca), onde Trastoy e Pere nos sorprenderon cunha tarta de queixo boísima. O conto era celebrar os dez anos de andainas do grupo de sendeirismo da USC e ata apagamos vela e todo! tamén aproveitamos para darlle os parabéns a Elena, unha das poucas sobrevivintes daqueles inicios, que xa leva nos pés 225 rutas. Parabéns, e a por outros dez anos máis polo menos!

  • Lonxitude da ruta: 11 km aprox.
  • Desnivel: medio-baixo
  • Dificultade: media-alta

A de Sellañu será a primeira ruta que fixemos no parque natural de Ponga. A ruta segue, en parte, un antigo trazado ferroviario dunha explotación madeireira. Comeza o percorrido subindo ao pobo de Cazo, moi ben conservado e con numerosas mostras de arquitectura tradicional, onde podemos observar a súa igrexa do s. XVIII, Nuestra Señora de las Nieves, con dúas capelas e pinturas orixinais no interior, e a Torre de orixe medieval,un dos edificios civís máis antigos de Asturias.

Logo, por pista asfaltada, chegamos ao lugar de Ambingue, onde pasamos por un hórreo moi antigo, pois nun dos seus pés pode lerse ” añode 1689y zocosm gonza lezeste orio”.

A partir de aquí, a ruta é sinxelamente espectacular. Comezamos o descenso ao río Moro pola aba do monte por zona boscosa, e continuamos río arriba ata chegar ao Collado de Semeldón. Musgo e abeleiras no faltan na ribeira do río.

O último treito polo río é un pouco complicado, xa que cruza zonas rochosas e esvaradías onde pode ser preciso ás veces axudarse coas mans. Vellas faias reviradas e castiñeiros centenarios acompáñannos ata o collado. Ao regreso en vez de facer a subida de volta a Ambingue, optamos cruzar o río por unha ponte un tanto vertixinosa que compre facelo con coidado, para seguir a senda que nos leva a Sellañu de xeito máis directo.

Pouco a pouco imos entrando en Sellañu, onde nos agarda o bus, que nos despraza río Ponga arriba ata a Casona de Mestas, o hotel onde estivemos aloxados estes días. Aínda houbo tempo, antes da cea, de que algún de nós se estreara nos baños termais dos que dispón, anque a temperatura da auga non animara moito a facelo… eu creo que o vou deixar para outro día.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio