Ruta do desfiladeiro de Bustelín

12-06-2016
Cruzando a longa ponte colgante peatonal, para chegar a Río de Porcos
Cruzando a longa ponte colgante peatonal, para chegar a Río de Porcos

Despois da homenaxe que nos demos co copioso almorzo no Hotel Cecos dispoñémonos un día máis a realizar unha fermosa ruta, un impresionante percorrido por un interesantísimo e agreste val do norte do concello de Ibias. A ruta require un certo esforzo físico pero coa vantaxe de que vai ser recompensado pola satisfacción de ir por sendeiros de gran beleza.

  • Lonxitude: 19 km aprox.
  • Desnivel: alto (moi forte nalgúns puntos)
  • Dificultade: alta

Comeza a ruta na cola do encoro de Salime, na ponte do Boadil, onde nos deixa o bus, e imos por unha pista sen asfaltar paralela ao encoro ata que nos encontramos cunha longa e estable ponte colgante peonil, que cruzamos para chegar a Río de Porcos, illado por estrada desde a construción do encoro en 1956, tendo as súas comunicacións a través desta ponte, pois os veciños deixan os coches da outra beira do río Navia e crúzana para ir ás súas casas. Esta ponte fora o final de etapa dunha das rutas que lembro con moito agarimo, o Camiño da República, pois foi a primeira de fin de semana que fixen coa USC.

Cruzamos o pequeno núcleo de Río de Porcos, onde aínda se conservan emparrados que suxeitan viñas centenarias que cubren a maior parte das casas e rueiros da aldea. O seu camiño de lousas condúcenos á parte alta, dende onde comezampos a camiñar ata o fondo do val. Deixamos á esquerda un fermoso bosque de sobreiras (sufreiras), cuxo tronco é aproveitado para a fabricación de colmeas (trobos), que eran ubicadas na gran cantidade de albarizas que atoparemos ao longo do percorrido.

O camiño vai pouco a pouco remontando o val de Bustelín, por camiños e sendeiros estreitos… cun profundo desfiladeiro á nosa esquerda e que ten como primeira parada Bustelín, un pobo abandonado que está situado a 350 m de altitude, lugar ao que o une o estreito carreiro tallado na roca polo que imos e que explica, en gran parte, a razón do seu abandono. As poucas casas que quedan en pé son utilizadas como cortes. O paso por estas aldeas abandonadas sempre me impresiona e deixa certa emoción ao reflexionar sobre as xentes que as poboaron. Continuamos camiño cara o fondo do val en busca do río Bustelín por un espectacular bosque de ribeira a pe do río, no que abundan os castiñeiros, os érbedos ou o espectacular fento real ou dentabrún.

Ao cruzar a pontella de madeira sobre o río Bustelín, temos dúas opcións, ou ir cara a Busto ou cara a Penedela, pois aquí o roteiro faise circular para rodear por completo a Pena da Aiga, e chégase a este mesmo punto. Nós optamos pola subida ata Busto, realmente dura nalgúns tramos pero que se amosa impresionante pola rotundidade do desfiladeiro e a presenza impoñente da Pena Forcada e do Alto dos Visos.

Xa no alto, a chegada a Busto fálanos dun lugar habitado, pois os agros vense traballados (oito habitantes no ano 2000 que, creo, aínda se manteñen!). De primeiras aparece a antiga capela popular, pequena, coas imaxes do Santo Ildefonso, patrón, do Santo Antonio de Padua e do San Bieito de Palermo. A lenda conta que na ara do altar facíanse tres cruces para espantar as tormentas “cando o pan estaba madurando”.

Ao pasarmos Busto, e logo doutra breve subida ata coroar a Serra de Busto, comeza a baixada ata Peneda, na que tamén hai unha ermida parecida á de Busto, adicada a Santa Eufemia. Aquí decidimos parar e repoñer as calorías perdidas na subida; ademáis comezou a chuviscar polo que aproveitamos para sacar as roupas de auga… e eu gardar a cámara, que mágoa!

Continuamos por unha pista que baixa ata Penedela, sen outro interese que ollar entre a bruma os cultivos nas abas da montaña, ás veces en socalcos, e moitas albarizas. Na contorna estaban as antigas explotacións mineiras, que non visitamos pero que se intúen porque aínda se albiscan zonas de cascallos. Outra curta subida, que se fai máis longa polo cansazo, e chegamos ata a Cova da Osa, aínda que a cavidade non impresiona moito malia a súa denominación.

Cova do Oso ou Cova da Osa -coñecida por ambos nomes- onde se dí que un oso matou a un xeque musulmán que habitaba nestes lugares, pero parece ser que son restos dunha mina de ferro, pois viñamos de deixar atrás as minas que fornecían ás ferrerías de Fornaza e Vilar da Cuiña.

A paisaxe é abraiante e variada durante toda a baixada, e o sendeiro ten algúns puntos que poden ser vertixinosos, e que supero coa axuda dos compañeiros sen maior problema. Seguimos a gozar dos abundantes exemplares de érbedo e cun rápido e pronunciado descenso polo val do Bustelín chegamos ata a beira do río. O tramo pola beira do río é fermoso e aínda se poden ollar ouriceiras (corripas chámanlle nestas terras), construcións circulares de pedra, onde se gardaban os ourizos, ata desprendérense, e daquela encher as sacas de castañas.

Superada a rústica ponte de madeira, só nos queda desfacer o camiño andado no primeiro tramo, percorrendo o desfiladeiro a través do camiño que cruza o río Bustelín, salvar o desnivel de acceso ao pobo de mesmo nome e, logo de coroar a pequena subida, descender cara a Río de Porcos.

En fin, fin de semana na que andivemos por paraxes polos que paga a pena -e moito- facer case catro horas de autobús para camiñar 19 km en algo menos de seis horas, esforzo físico que é recompensado pola satisfacción de percorrer sendeiros de gran beleza. Impresionante… deixou bo sabor de boca (a pesares do “ataque” das violentas gramíneas que algúns padeceron)… e aínda tivemos tempo a baixar unhas cervexas na Fonsagrada!

Unha fin de semana magnífica, en todos os sentidos.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio