Pena Trevinca
Tiña unhas gañas terribles de ir ata Pena Trevinca (2127 m), o chamado teito de Galicia, e non desaproveitei a ocasión cando Manolo Bermúdez, do Servicio de Normalización Lingüística da USC, mo propuxo e fun, xunto con Xerardo (que tamén tiña gañas de facelo por quinta vez), e dous profesores de Xeografía, Juanca e Valerià; o motivo era a filmación duns vídeos didácticos para o SNL, e o Xerardo e máis eu íamos en calidade de “axudantes de produción”… Eu, a actividades coma estas, apúntome ás que sexan!
- Lonxitude: 21 km
- Desnivel: Alto
- Dificultade: Media-alta
Logo de chegar a Sobradelo, e de subir ata o porto de Fonte da Cova (1700 m), unha antiga estación de esquí que non prosperou e hoxe reconvertida en hotel, iniciamos a andaina dende a Pizarreira de La Cabrita (1708 m). Dende a subida, a paisaxe está dominada pola explotación de canteiras de pizarra, motor da economía local, pero estas explotacións de lousa producen unha degradadación do medio, incompatible co aproveitamento racional dos recursos naturais… pan para hoxe e fame para mañá.
O intento de bordear a canteira de lousa non foi moi doado e non prosperou, a sensación de ir por baixo non é boa xa que as montañas de cascallos de pizarra son inmensas e parece que se van vir enrriba nosa en calquera momento… e tivemos que volver sobre os nosos pasos ao non encontar camiño, e comezar a camiñar atravesando a canteira na que estaban a traballar, pero sen maiores dificultades.
Subimos ao Alto da Cabrita, e o aspecto montañoso que imos apreciando na subida vese culminado en Pena Surbia que supera os dous mil metros de altitude, que contrasta co val do río Casaio, remansado no encoro de Casaio. O singular bosque de teixos de Casaio é un dos poucos que se conservan en Europa e un auténtico laboratorio natural.
Outro elemento que divisamos no traxecto é a Lagoa do Penedo, unha das poucas lagoas glaciares en Galicia, pois son propias de montañas altas que aquí escasean. Dende o alto, dende o carreiro polo que imos, distinguimos as diferentes cores verdiazuis segundo a maior fondura das augas, máis escuras no centro, coma se houbese unha lagoa dentro doutra. Continuamos ata o Alto das Camperas, onde tomamos, á dereita, un sendeiro ben bonito que nos leva ata a Portela de Portas, ou Portillo de Puertas en castelán, pois imos case sempre polo límite imaxinario entre Ourense e Zamora, a 1993 m.
A imaxe xa é totalmente diferente, pois pasamos dunha paisaxe onde as explotacións de pizarra predominan a ver estas serras marabillosas que xa pensamos non existían no lugar. O contraste é incrible.
Logo descendemos lixeiramente ao Val do Tera (en torno aos 1900 m), que temos que cruzar. O olfato non deixa de apreciar un intenso e grato recendo das carqueixas e piornos. Percorremos un típico val glaciar en forma de U e só nos queda facer a subida final a Pena Trevinca (2127 m). Descoñécese exactamente dende cando hai constancia da súa altitude, contounos Valerià que posiblemente fose un enxeñeiro belga que traballaba nas minas de wolfram de Valborraz (Casaio) quen subiu cun altímero alá polo 1910, polo que sería a primeira persoa que identificou a altura dos 2127 m.
A pesares de que no tramo final tiven uns momentos de debilidade (non sei se debido á dieta que estou a levar, ou a altitude), pasámolo bárbaro e tivemos un día esplendido para camiñar. Un dos profesores, Valerià, un home profundamente didáctico e coñecedor a fondo de todo o que ten que ver cos conceptos xeográfico-botánico-morfolóxicos da alta montaña deleitounos durante todo o percorrido, pois coñece ese entorno como a palma da man. Da gusto ir con xente como ela e da que podes presumir de que pertenzan á USC. De feito, contounos que agora mesmo está a realizar un traballo para caracterizar as zonas alpinas das serras que están en torno a Pena Trevinca e ao Parque de Sanabria en base á existencia dunha especie de enebro, o juniperus juniperus, co que se aromatiza a xenebra, que só medra en zonas alpinas.
A volta xa foi máis doada e cando chegamos á canteira o Xerardo tiña anotado case seis horas de travesía (unha media de 3,46 km/h). Unha paradiña no bar de Fonte da Cova para tomar unhas cervexas e cambiar impresións coroou esta xornada tan especial para min.