Camiño de San Salvador 1. León – La Robla

01-07-2016
Camiño de San Salvador 1. León - La Robla
Preparándonos para iniciar o Camiño de San Salvador diante do Hostal de San Marcos. Foto de Jaime Arcay
  • Lonxitude: 28,5 km (4,7 km/h)
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media-alta

Estes primeiros días de xullo fun facer o camiño de San Salvador, 123 Km de camiños e carreiros que separan as catedrais de León, a “Pulchra Leonina” e a Santa Igrexa Basílica Catedral Metropolitana de San Salvador de Oviedo “Sancta Ovetensis“, para o que empregamos cinco xornadas.

Fun na compaña de Chus, Fina, María, Xerardo e Jaime, polo que a intención vai ser, máis ca unha guía do camiño, relatar a convivencia ou as experiencias que nos aconteceron nestes cinco días de andaina, pois a verdadeira guía está moi ben elaborada polo gran mantedor desta ruta José Antonio Cuñarro, a quen lle quero transmitir dende aquí os nosos parabéns!

Despois da chegada no día de onte a León, instalarnos, facer unha visita á catedral, ir mercar a Salvadorana ao mosteiro das bieitas “Carbajalas”, San Isidoro, pasear polo Barrio Húmedo… e tomar uns petiscos no Picos de Europa (moi recomendable), que nos serviron de cea, hoxe tocaba iniciar o Camiño de San Salvador.

Erguémonos cedo, ás seis, porque a calor vai ser moita e canto máis andemos coa fresca, moito mellor. Aínda así, comezamos a camiñar un pouco tarde, pois onde tiñamos pensado almorzar, fallounos e alongóusenos un pouco a saída. A pesares de ser venres non se aprecia demasiado movemento na cidade, como se xa se estiveran delatando as preguizas estivais.

Comezamos diante do Hostal de San Marcos, onde vemos os primeiros peregrinos… que van todos cara a Santiago! pero nós, cargados coas respectivas mochilas e animados polo propósito de írmonos ao norte, ao norte, ao norte, pase o que pase, sempre, sempre, sempre ao norte (adapto esta frase de Miguel Barrero en Las tierras del fin del mundo). En realidade, penso se serei quen de acabalo, pois é a primeira vez que fago un camiño dun tirón.

Seguimos o rio Bernesga nun agradable paseo urbano, anque un pouco monótono ao ir, superada a cidade, de urbanización en urbanización, ata que pasamos por Carbajal de la Legua, onde facemos a primeira parada no Central e estampamos o primeiro selo nas nosas credenciais. Aquí cruzámonos co primeiro peregrino co que o azar nos fará coincidir na nosa andaina, Ernest, un catalán de Figueres bregado nos camiños e co que compartiremos liteira nos próximos días. En Carbajal, unha vez superado o monumento ao peregrino, adentrámonos xa por camiño e onde a paisaxe, ampla, comeza a sorprendernos: pobos sementados á beira do Bernesga, río que nos acompañará ata La Robla.

As mochilas van cargadas a rebosar, pero aos poucos Km de comezar a andar, xa nin te lembras dela. Un día de moita calor. A primeira hora da mañá andivemos moi cómodos, pero enseguida o sol fixo acto de presenza. En La Seca, a tentación foi para Chus inevitable e non parou ata meter os pés no Bernesga; alí descobre un cangrexo e trata de pescalo co seu gorro. O cangrexo, moi listo, fuxiu, pero Chus refrescouse e divertímonos coa súa pesca…

Logo de cruzar Cascantes, cunha fonte con auga fresquiña que entra nas nosas gorxas como unha bendición, na súa última casa podemos coller un camiño que nos leva a Llanos de Alba, co que evitaremos a estrada pero non veremos nin a ermida de Celada nin a porta e a man do peregrino. Nós optamos por esta última solución, e coido que acertamos, pois Ernest contounos que debe ser un camiño moito máis longo que o que pon, cinco quilómetros, pois a él levoulle case dúas horas percorrelos.

Entramos en La Robla pola ermida de Celada coa central térmica que a acompaña coma unha dor; logo de pasar por un túnel e cruzar as vías do tren por un paso elevado que nos leva á rúa principal, chegamos á praza do concello na que os feirantes xa están recollendo e vemos asombrados os 36º que marca o termómetro da farmacia. Toca xantar, e imos ata o restaurante la Bogadera, antes de que abran o albergue, e despois descansar. Todo está limpo e en condicións perfectas para o descanso. A ducha mitiga en parte os estragos desta primeira xornada.

O paseo da tardiña para mercar froita e algo para cear, un par de cañas ben merecidas, e volta ao albergue, que se encontra ao final da longa vila, para ter unha cea frugal a base de mexillóns e sardiñas en escabeche, xamón york e froita. Na mesa do lado séntanse Manu e Pedro, peregrinos coma nós, xente cunha historia que se inicia no momento no que iniciamos o camiño e que só se pechará cando este remate… e a deitarse, que mañá temos que erguernos cedo!

 

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio