Camiño da República
A terceira fin de semana de xuño fomos camiñar ata o concello da Fonsagrada, situado en pleno corazón das serras orientais de Galicia e enmarcado nunhas inmellorables paraxes de montaña que constitúen unha fronteira natural con Asturias, onde fixemos un par de rutas verdadeiramente recomendables. Que pouco coñecemos o interior do noso país!
Estivemos aloxados en réxime de media pensión no Hotel Fonte Sacra, á entrada da vila, un catro estrelas moi asequible para grupos. Altamente recomendable.
Camiño da República
- Sábado, 18/06/2011
- Lonxitude: 11 km aprox.
- Desnivel: medio-baixo
- Dificultade: media-baixa
Anque comezamos un ou dous quilómetros antes, esta ruta comeza na ponte de Vilabol, no val do río Suarna, no concello de A Fonsagrada. O descenso pola pequena estrada que leva a Vilabol permite ir admirando a paixase, a cada paso máis sorprendente. Na Pena do Inferno, en Naraxa, parte a ruta que no seu primeiro tramo será un paseo á beira dos ríos Lamas e Navia. A cada paso, o camiño faise máis fermoso e imos gozando da incomparable beleza da conca do río Lamas. Dende o Camiño, cando a espesura nolo permite, pode apreciando a ladeira por onde discurre o sendeiro e cunha paisaxe espectacular!
Desviámonos un pouco para visitar tamén a Ferrería de Vilar de Cuíña, que tivo actividade ata finais do s. XIX. Despois de deixar este lugar, hoxe convertido en área recreativa, regresamos ao camiño da República acompañados da beleza paisaxística, que para min culmina na confluencia dos ríos Navia e Suarna. Continuamos camiño á beira da canle do río Navia, disfrutando dunha paisaxe fluvial de gran beleza e valor ecolóxico e, polo que parece, non se modificaron substancialmente as condicións iniciais do camiño, acondicionándose unha vía dun enorme valor histórico.
Hai que destacar a calidade da obra realizada fai 80 anos por centos de traballadores, xa que se poden contemplar muros de máis de tres metros de alto en varios puntos do trazado. Xa no tramo final, o camiño discorre pegado á cola do encoro de Grandas de Salime, onde apreciamos escombreiras de vellas minas (creo que da época romana), ata que chegamos á ponte colgante de Ríodeporcos onde rematamos a ruta. Esta aldea, en Asturias, ten as súas comunicacións a través desta ponte. Os veciños deixan os coches deste lado do río e cruzan a ponte para ir ás súas casas.
Bueno, rematamos facendo estiramentos (grazas Rocío!), no Miradoiro de Arexo dende onde se ten unha extraordinaria vista da cola do encoro de Grandas de Salime, e o serpenteo do río Navia aos pés das empinadas ladeiras das montañas que o rodean. Menudo lugar para facer estiramentos!
Xa de regreso á Fonsagrada e unha vez aseados, demos un pequeno paseo pola vila, antes de cear. A sorpresa tivémola despois da cea, pois o Carlos, xunto con Virtu e Manolo, deleitáronos coa gaita, pandeireta e baile! e uns, máis ca outros, fómonos animando coa festa. Isto ten que repetirse na primeira que haxa de fin de semana.
Ver Camiño da República nun mapa máis grande