Castelo de Pambre e Torrentes do Mácara
- Sábado, 11.06.2011.
- Lonxitude da ruta: 12/13 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media (algún tramo rochoso e esvaradizo no río)
Este percorrido pola Ulloa iniciámolo no mesmo Castelo de Pambre, o cal visitamos pois estaba recente a súa apertura ao público por parte da Deputación de Lugo, xa que estivo moitos anos en mans privadas non permitíndose a súa visita.
O Castelo de Pambre está situado no curuto dun pequeno montículo, á beira do río Pambre, que lle fai de defensa natural. Logo de franquear as troneiras, entramos no primeiro recinto fortificado, un espazo irregular no que nos atopamos a que foi igrexa parroquial de San Pedro de Pambre, do século XII, (detrás do hórreo). Na zona norte do patio érguese o castelo propiamente dito. Está formado por catro torres unidas por unha muralla de pedra delimitando un rectángulo de aprox. 100×60 m., no centro do cal se sitúa a torre da homenaxe. Elementos de interese artístico son os canzorros da parte superior das torres, de influencia árabe, así como as saeteiras que hai por toda a muralla.
Ao segundo recinto, o da torre da homenaxe, accédese por unha porta gótica de forma oxival lanceolada, onde se pode apreciar o escudo dos Ulloa. Tamén destaca unha gran cheminea que se asenta en dúas repisas en forma de cabezas de mouro.
Unha vez que nos puxemos a camiñar, un pequeno grupo entretivémonos cunha cerdeira e… despistámonos do resto, indo polo camiño equivocado durante un pequeno treito. Xa co grupo, por camiños empredrados, baixamos ata os torrentes de Mácara no río Ulla. Vimos a parte final dos torrentes, que son un tramo do río formado por rápidos, pequenas fervenzas e pozas. Un sendeiro lateral permitiunos disfrutar dun marabilloso lugar cheo de natureza e vida acuática. A parti de aquí, pódese continuar río arriba, pero se o facemos pódesenos complicar algo a ruta, polo que decidimos voltar ata o inicio do tramo dos torrentes. Dicir que o sendeiro non é chan nin recto, tendo que subir por rochas e esquivando árbores, pero non é perigoso e está ben adaptado, incluso con chanzos de madeira nalgún tramo.
Logo desviámonos ladeira arriba para poder disfrutar tamén das vistas desde a parte alta. Desde logo, paga a pena o esforzo. Máis adiante voltamos ao río para ver o tramo alto dos torrentes e chegar as ruínas do antigo balneario de Frádegas, onde fixemos parada para xantar e descansar. Dende aquí cotinuamos camiño moi cómodo, que fixemos por unha antiga canle de auga, dende o que hai unhas vistas espectaculares, ata chegar á localidade de Ramil (Agolada). Foi moi graciosa a sorpresa que se levaron os viciños ao ver baixar a tanta xente do monte! Dende aquí remontamos o río Ulla novamente por camiños de pescadores ata a súa unión co río Pambre.
Unha boa opción foi parar en Melide para repousar un pouco e dar un paseo pola vila. No centro da vila hai dous monumentos que chaman a atención, o Cruceiro de Melide e a Capela de San Roque. O Cruceiro de Melide é considerado o máis antigo de Galicia (século XIV). No anverso, Cristo sedente e coroado, amosando as chagas da paixón, baixo a flor de lis. No reverso hai un Calvario, Cristo, a Virxe, san Xoán e un doante. O fuste e a base, son obras posteriores. A Capela de San Roque foi construida en 1949 con pezas das demolidas igrexas de San Roque e San Pedro. A fachada é de estilo románico tardío con deseño protogótico. Nunha das arquivoltas hai vieiras en relevo que lembran a tradición xacobea no camiño de Santiago.
Ver Castelo de Pambre e Torrentes de Mácara nun mapa máis grande