Ruta de Sobrado (Pobra de Trives)


2.962 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 4.50 de 5)
Loading...

Nesta fin de semana viaxamos ás terras de Trives. A Pobra de Trives está situada na zona interior da provincia de Ourense, na alta montaña. O seu territorio presenta grandes contrastes e está dominado polos cumes de Manzaneda. Trátase dun terreo escarpado con cumes de ata 1500 metros polo sur, na Serra de Queixa; estas montañas van baixando ata a ribeira do Bibei, afluente do Sil, un val estreito e con fortes desniveis.

Despois dunha viaxe un tanto accidentada polo despiste do chófer que se perdeu por Ourense e dunha paradiña en Castro Caldelas para estirar as pernas, chegamos á Pobra de Trives, aloxándonos no hotel As Maceiras, que está a 3 km do núcleo urbano.

Unha vez instalados, desprazámonos ata o comezo da ruta na mesma vila de Trives, diante da Casa do Concello, e fomos camiñando ata a aldea de Sobrado, de onde toma o nome a ruta, por camiños e corredoiras entre soutos, pasando por aldeíñas e sitios de interese como a ponte Cabalar, de orixe romana e reconstruída no século XIX.

En Sobrado de Trives poidemos admirar o mosteiro de San Salvador, fermoso exemplar do románico rural da provincia. A Igrexa Románica de San Salvador, século XII, é un regalo! Antigamente pertenceu a un mosteiro de monxas bieitas e a partires do século XVI pasou a depender do de San Paio de Antealtares de Santiago, sendo “famosa” a súa última abadesa dona Inés de Quiroga pola súa vida escandalosa. Na súa fachada destaca o pórtico oxival. Os capiteis, teñen decoración animal e vexetal, e o seus fermosísimos canzorros, na ábsida da igrexa, con figuras moralizantes, e o cruceiro do século XVI. Tamén destaca a torre de campás de edificación exenta, do século XVI.

Seguimos camiñando entre impresionantes soutos ata chegarmos á vila de Manzaneda, onde aproveitamos para xantar e descansar un pouco, xa que a partir de aquí comezamos a parte máis dura da ruta, pois fomos ascendendo pouco a pouco ata chegar a aldea de Somoza, punto máis alto do itinerario. Aos poucos quilómetros rematamos a ruta, xusto no noso hotel.

Logo dunha merecida e desconcertante ducha, pois pasaba da auga fría ata case ferver amén das billas que funcionaban ao revés, (outros optaron polo baño na piscina do hotel), baixamos ata Trives a fornecernos de Bicas e dar un paseo pola vila ben abrigadiños porque o descenso de temperatura notouse de raio! Imprescindible entrar en Caneda ou Luciano para levarse a famosa bica feita a base de ovos, fariña, manteiga de vaca, limón, azucre e canela. Logo ao hotel a cear e disfrutar dunha compaña inmellorable.

 


Ver Ruta de Sobrado (Pobra de Trives) nun mapa máis grande



Galería

Ruta de Sobrado (Pobra de Trives)


Deixa un comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.