Ruta por Fisterra
Carballo verde, loureiro,
carballo verde, loureiro:
na terra donde me encontro
é a parroquia de Sardiñeiro!
- Sábado, 12/11/2011
- Lonxitude da ruta: 21,5 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media (a dificultade ven dada pola lonxitude da ruta e o desnivel)
A ruta comezou en Sardiñeiro, terra natal de Suso, onde ao baixar do autocar atopámonos co seu irmán Pepe, que andaba a pasear cunha preciosa cadeliña Basset Azul de Gascuña. A todos nos chamou a atención o seu parecido sen saber que eran irmáns e xemelgos!
Coma en todas as rutas, previamente tomamos uns cafés repartidos entre o Lestón e o Cabanel (restaurantes altamente recomendables os dous) que, como curiosidade, colgan nas súas paredes planos feitos por Pepe de Olegario, que marcou cada barco naufragado na plataforma continental desde Estaca de Bares ata a Guarda: “Non creo que se me escape ningún naufraxio dos que houbo en Galicia” ten dito, e creo que con razón.
Collemos rumbo cara á praia de Langosteira tomando a ruta que levan os peregrinos que van ata o faro e, seguindo a mesma, chegamos á vila de Fisterra, onde pasamos polo porto, coa súa impresionante lonxa, e polo castelo de San Carlos, hoxendía de museo do mar que paga a pena visitar, quedarán contentos co museo e cos comentarios do guía.
Logo, fixemos un pequeno descanso no adro da igrexa de Santa María das Areas, onde é venerada a talla do Santo Cristo, desde onde proseguimos para acadar o monte de San Guillerme. Neste alto están os restos da Ermida de San Guillerme e ofrece unhas fermosas vistas sobre a vila e o interior da ría. O vento que nos fixo era impresionante, case non se podían facer as fotos. Na ermida de San Guillerme conflúen os ritos ancestrais das celebracións arredor da Ara Solis como lugar de transmigración das almas cara ao máis alá do solpor, xunto con ritos da fecundidade que as parellas practican na chamada Cama do Santo para propiciar os embarazos.
A seguir continuamos cara ao monte do Facho e, rodeando toda a península do cabo Fisterra, achegámonos ás contornas da praia de Mar de Fóra onde paramos a xantar e descansar no seu merendeiro. Preciosa praia virxe, rodeada de cantís, situada entre a península de Fisterra e o Cabo da Nave. Os amantes do sendeirismo atoparán aqui un auténtico paradiso. Unha auténtica gozada!
Máis adiante, despois de pasar pola parroquia de San Martiño de Duio comezamos unha segunda ascensión ata o Monte de Seoane, onde as vistas tamén son moi amplas. Xa no cumio, iniciamos o descenso, retornando a Sardiñeiro, onde rematamos a xornada.
Un agradecemento moi especial a Suso pola dedicación que nos prestou en todo momento. Coido que foi a ruta na que menos fotos fixo… e na que máis falou. Moitas grazas!
Ver Fisterra nun mapa máis grande