Ruta da Fraga do Barragán

27-04-2013
Ruta da Fraga do Barragán

A senda da Fraga de Barragán é un auténtico tesouro natural no interior de Pontevedra. O percorrido que fixemos é un sendeiro sinalizado e homologado, o PR-G164. A paisaxe é moi variada con zonas de monte, río, aldeas, aínda que predomina a zona de fraga.

  • Lonxitude da ruta: 18 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Logo de tomar o mañanceiro café en Pazos, desprazámonos ata o lugar de Xunqueiras para comezar esta fermosa ruta, que é circular. Proba desta fermosura son as máis de 350 fotos que fixen ao longo do percorrido! Non me vou parar moito na descrición do mesmo pois ven estupendamente detallado na web dos promotores da senda, que vos animo a visitar: http://www.sendadobarragan.com/

A senda é un tesouro non só pola súa importancia natural, tamén polo seu patrimonio cultural, etnográfico e tamén o seu patrimonio inmaterial: lendas, cantigas… un percorrido vencellado á auga e ao seu aproveitamento.

Como din na web da Senda, se o camiñas, gozarás dunha fantástica fraga con carballos centenarios, en mestura con outras especies creando un espazo cheo de vida, que pode considerarse o máis importante bosque oceánico da provincia de Pontevedra. Poderás camiñar sobre pontes, pontellóns, pasos, levadas… ou traer o cereal para facer unha miuñada nalgún dos doce muíños recuperados. Sentirás un mundo máxico, poboado de seres fantásticos, que se manifestan nas numerosas lendas e cantigas que se foron transmitindo ao longo do tempo de xeración en xeración, ou converterte nun habitante do monte da Cidade, un poboado agrogandeiro do século XVII. Recomendámosche que veñas e que sintas…

Ah! A pesares das baixas de última hora, houbo bastante xente nova, e outra que había tempo que non viña, desexando seguilos vendo noutros roteiros. De volta xa en Xunqueira agardaba por nós Urbano, e logo de facer os estiramentos e parada en Moscoso, con recordo do campionato de tute local, voltamos a Santiago. Gran día!

 


Ver Fraga de Barragán nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Ruta da Fraga do Barragán”

  1. Con tanto detalle nos pés das fotos e as imaxes non me dá tanta pena non ter ido, fágome unha idea pasiño a pasiño, pero a ver se a repetimos ;)…contar co teu blog é un luxo Fran. Que sorte temos!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio