Camiño de San Rosendo II. De Celanova a Bande

11-05-2013
Camiño de San Rosendo II. De Celanova a Bande

Este sábado desprazámonos de novo ata a Baixa Limia, e fomos percorrer a segunda parte do Camiño de San Rosendo que iniciáramos no mes de febreiro. Nesta ocasión fixemos o tramo á inversa, de Celanova ata Bande, pois tiñamos visita concertada ao Mosteiro de Celanova pola mañá.

  • Lonxitude da ruta: 18 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Celanova, a Coelia nova romana, entre outras moitas, é coñecida polo seu alto valor patrimonial, histórico, literario e natural. É considerada a Vila dos poetas, xa que deu autores como Castor Elices, Manuel Curros Enríquez, Celso Emilio Ferreiro ou o propio Xosé Luis Méndez Ferrín, que ten unha relación moi fonda con esta vila.

Do alto valor patrimonial e histórico dan boa conta o Mosteiro de Celanova e a Capela mozárabe de San Miguel, que  fomos visitar antes de comezar a camiñar (que patrimonio temos!). O mosteiro é o eixo da vida comercial e social da comarca e centro de educación e cultura, e expresa na súa fábrica as épocas de maior esplendor da arquitectura monástica galega. Conformado pola igrexa de San Salvador, máximo expoñente do barroco galego, con planta de cruz latina, con tres naves de tres tramos cada unha, e unha transversal para formar cruceiro, conta ademais con senllos claustros arredor dos que se distribúen toda as dependencias. Orixinario do s. X, o que observamos é o terceiro edificio dende os tempos do fundador e foi empezado a mediados do século XVI, aínda que o groso da edificación data do século XVII.

Na horta do noviciado está a Capela de San Miguel que, rematada no ano 942, é o único elemento arquitectónico que se conserva da época do fundador. Construída con perfectos sillares de granito, mide 8,5 m. de longo por 6 m. de alto; ocupando unha planta de 22 m². Tanto polas súas dimensións como pola singular configuración arquitectónica que a identifica, constitúe un exemplar único na Península Ibérica.

Despois de admirar delongadamente o singular monumento, comezamos a camiñar dende o mesmo mosteiro, na Praza Maior, percorrendo esta fermosa vila, Botica, Praza do Mediodía, Rúa Abaixo… ata chegar á Capela da Encarnación, onde tivemos que cruzar a estrada OU-540 para dirixirnos a aldea de Cañón. Neste tramo faise patente a importancia da agua, xa que temos que cruzar varias desviacións de auga e vemos presas que se utilizan para almacenala para regar.

Seguimos camiño a través dos montes cara a Gontán. Á saída podemos ver a Igrexa parroquial de Santo André e xusto enfronte, á beira do Camiño, atopámonos cun magnifico peto de ánimas. Da actividade agrícola que se desenvolveu nesta zona dan boa mostra as eiras de hórreos que atopamos en cada aldea, algunha con boa conservación do núcleo, pero maioritariamente atopamos moitas casas e hórreos en ruina. Unha mágoa.

Practicamente a totalidade do camiño, dende que comezamos, é en ascenso, e despois dunha pequena subida podemos distinguir a silueta da Ermida de Santa Eulalia a uns 100 metros. Sen embargo, o noso camiño sigue, pois xa son horas de repoñer forzas e antes de chegar a Vieiro atopamos á esquerda un cruceiro que nos sirve como lugar para descansar e xantar.

Logo de ter unha breve pero intensa sesión de relaxación levada polo gran Manchi, retomamos o camiño. Entramos xa no concello de Verea. Pasamos polo Alto do Vieiro, Monte Calvo e os montes de O Castro. O percorrido goza dun interese paisaxístico e natural espectaculares. Quédanos chegar a Sarreaus e finalmente, a Bande.

Ao rematar a ruta fomos visitar o campamento romano Aquis Querquennis, que non puderamos ver na primeira etapa feita en febreiro, pois estaba anegado polo encoro. Do que non pudemos disfrutar foi dun baño nas termas naturais que hai no lugar dos Baños (ollo! a xente de tensión baixa debe ter precaución), xa que o nivel do encoro non permitiu acceder a elas. Queda para outra andaina por estas terras!

 


Ver Camiño de San Rosendo II (Celanova-Bande) nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Camiño de San Rosendo II. De Celanova a Bande”

  1. Que ruta máis boa…… Toda unha sorpresa o mosteiro de Celanova, vaia tesouro ¡¡ creo que non tardaremos en voltar a estas terras.

    Grazas, Fran

    1. Grazas a tí e claro que haberá que voltar! a ver se á terceira vai a vencida e podemos desfrutar das termas de Baños (outra das cousas inexplicables deste país, que se prime o aproveitamento da auga sobre a preservación do rico patrimonio que hai á beira do encoro, pois imaxino que as crecidas afectarán ás excavacións e consolidacións feitas no xacemento do Aquis Querquennis). Apertas

      1. Alguén comentaba por ahí, que o feito de que esas ruínas do campamento romano esté parte do ano baixo as augas, axuda á súa conservación….

        Saúdos ¡

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio