Ribeira Sacra III. Dúas rutas por Parada de Sil

13-04-2013
Ribeira Sacra III. Dúas rutas por Parada de Sil

Volvemos por terceira vez neste ano á Ribeira Sacra, pero nesta ocasión visitamos a parte sur, a zona de Ourense. Hai uns anos xa estivéramos en Parada de Sil facendo un tramo dunha senda marcada (o PR-G98). Agora fixemos a parte que nos quedou sen facer daquela. É un percorrido circular que comeza en remata mesmo en Parada.

  • Lonxitude da ruta: 10 + 4 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

A historia da Ribeira Sacra abrangue milenios, con vestixios dende a Idade do Bronce ata os nosos días, pero será na Idade Media o momento de privilexio da zona, se reparamos na abundancia de mosteiros alí establecidos. Disque dende a Idade Media recibiu o nome de Rivora Sacrata a zona que se estende pola ribeira meridional do río Sil, dende Castro Caldelas ata a súa desembocadura no Miño, debido precisamente ao asentamento destes mosteiros. O patrimonio natural desta área xeográfica é de moito atractivo e ata con evidentes rasgos de singularidade. As paisaxes que nos brinan estas terras abrangue dende os bancais de viño sobre a Ribeira ás pendentes rochosas da garganta do Sil, pasando polos bosques caducifolios autóctonos dos ríos e as matogueiras das serras.

Saímos dende a praza do concello, praza da feira, deixando un pouco máis adiante á dereita a do Barquilleiro de Parada, para coller pronto camiño por unha “Carrioza” entre soutos de castiñeiros. Os pasos de xeracións enteiras fixeron as carriozas. Por estes sendeiros circulaban xente hacia os seus soutos e leiras. As estreitas carriozas separaban as propiedades e facilitaban o paso do gando para non causar dano nas fincas veciñas.

Xa queda pouquiño para chegar aos impresionantes miradoiros ou Balcóns dos Mouros, Miradoiros dos Torgás, tamén coñecidos como miradoiros de Madrid. O nome de Balcóns de Madrid provén de que antigamente desde este punto as familias despedían a os que se marchaban como barquilleiros a Madrid ou á sega a Castela, case sempre pasando por Madrid, de aí a xeneralización de Madrid. Vían alonxarse as barcas que os levaban para cruzar cara a estación de tren de Monforte. No fondo do canón, as augas flúen encaixadas entre paredes rochosas case verticais. Desde aquí podemos ver o Santuario de Cadeiras, na marxe lucense da Ribeira Sacra, ao lonxe Monforte, o Courel…  As vistas son espectaculares!

Despois, logo dun forte descenso chegamos a unha zona de viñedos e ó rego do Batán, dende onde comezamos o ascenso río arriba, e que nos vai acompañar co son constante das súas augas ata chegar ao lugar de Entrambosríos, onde vimos muíños restaurados e un souto espectacular. Dende aquí alcanzamos a aldea de Sardela, xa moi preto de Parada, onde rematamos o noso primeiro circuito.

Son 10 quilómetros de pura paisaxe!

Pola tarde collemos o bus para desprazarnos ata o río Mao e poder gozar da increíble beleza do seu canón. A primavera en todo o seu esplendor!

O río Mao achega auga ao Sil dende a serra de San Mamede. Foron o seu gran caudal e o desnivel que salva os que erosionaron este canón. A forza da auga, que esgazou bloques da dura rocha granítica e labrou coas súas turbulencias dondas formas no fondo, aínda se nos impón: en 2001, nun inverno de fortes chuvias, a riada esnaquizou a ponte onde nos deixou o bus, cortando a comunicación pola estrada… e, onde está agora a auga? Retida nos encoros de Leboreiro, Praducelos, e no seu tributario no encoro da Edrada, descende canalizada ata a nova central hidroeléctrica, pero a testemucha da súa enerxía aínda nos impresiona.

Así, nun percorrido de 4 quilómetros, fomos pola escarpada beira do río Mao ata a súa desembocadura no Sil, que comezamos na ponte sobre o río, onde nos deixou Urbano (grande Urbano!), e descendemos un pequeno tramo pola estrada que conduce ata a Fábrica da Luz, onde comeza o tramo da pasarela de madeira, moi sólida e segura, o que nos permitiu obter unhas vistas abraiantes de todo o val, ata chegar a Barxacova, curioso e chamativo lugar. Por camiños entre pataos (socalcos), e en ascenso, evidencia de sacrificios pasados para dispor de novas terras cultivables, chegamos ao final da ruta, onde nos agarda Urbano, que nos levará de novo ata Parada e poder tomar alí un merecido descanso, antes de emprender camiño para Santiago.

Os dous percorridos feitos teñen unha grande e extraordinaria riqueza, tanto a nivel paisaxístico e natural como cultural e etnográfico. Altamente recomendable!

 


Ver Ruta de Parada de Sil nun mapa máis grande


Ver Ruta do río Mao nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

6 comentarios sobre “Ribeira Sacra III. Dúas rutas por Parada de Sil”

  1. Día espléndido de benvida á primavera, as fotos falan por si mesmas…ata as miligochas, brillantes coma acibeche, nos acompañaban na busca das primeiras raiolas de abril.

    1. A foto da miligocha non a puxen porque saiume case tan negra coma ela! En cambio fixen un feixe delas nas que saes tí, que che irei pasando ao longo da semana.

  2. Como siempre: espectaculares!!!
    En todas las ocasiones hago 2 veces la ruta, una caminando y otra viendo tus fotos. Gracias.

    1. Grazas Raquel. A verdade é que desta vez había unha luz e un ánimo distinto ao dalgunha outra ruta, o que non varía é o bo ambiente que levamos sempre!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio