Roteiro polo Tambre. Da ponte de Portomouro a Lens

24-05-2012
Roteiro polo Tambre. Da ponte de Portomouro a Lens

Continuamos coñecendo o río Tambre, e fomos ata onde o deixamos o mes pasado, Portomouro. O primeiro tramo do camiño non foi pola mesma beira do río, pero fomos disfrutando da paisaxe agraria ampla e sempre co río moi perto.

A segunda parte do percorrido xa foi acompañando as augas río abaixo. Neste tramo, o río goza duns altos valores naturais e paisaxísticos, como en todo o seu curso. Paramos pola capela de María Madalena, coa súa fonte milagreira para a gorxa e eccemas, antes de írmonos ata área recreativa de Tapia, ateigada xa de bañistas e de xente disfrutando da tarde, pois a calor era importante (na farmacia de Galeras o termómetro marcaba ás catro 33,5º). Por certo, na capela abordounos o sr. cura, que veu dende a outra beira do río crendo que éramos peregrinos perdidos camiño de Fisterra! Falando de peregrinos e ao fío desta anécdota, contounos Víctor que preparando a ruta se atopara cun alemán de 65 anos, de Stuttgart creo, que xa levaba percorridos máis de 2000 km en bici…

Fixemos parada para repoñer forzas un pouco máis abaixo, co agasallo de Víctor dunhas cereixas que sabían a gloria. Está claro que estes roteiros teñen o seu aquel, polo que insisto en que participedes neles. Deixamos aquilo sementado de caruñas e igual se volvemos dentro duns aniños mesmo nos atopamos con algunha cerdeira por alí.

A ruta lévanos río abaixo ata a parroquia de Lens, no concello de Ames. Precioso lugar, de verdade, cos seus lavadeiros, fontes, hórreos, casas restauradas, pazos… unha auténtica descuberta e preparádevos que no próximo pasamos pola Ponte Maceira!
  • Lonxitude: 11 km aprox.
  • Dificultade: baixa
  • Desnivel: baixo

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Roteiro polo Tambre. Da ponte de Portomouro a Lens”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio