Ruta pola Lagoa de Antela e os Montes de Cerredelo


4.252 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (Non hai valoracións)
Loading...
Na Torre de Sandiás, ou do Castro
Como xa comentei no roteiro de onte, estamos na Limia Alta, ao sur da provincia de Ourense, onde había ata finais dos anos 50 a máis extensa lagoa de auga doce (42 km²) da Península Ibérica, a Lagoa de Antela, a 611 m sobre o nivel do mar. Coñecida tamén como Lago Beón, en referencia ao xunco do mesmo nome que medraba naquelas augas e servía de cama nas cortes e de esterco nos labradíos. Estamos nas terras que inspiraron os traballos de Murguía, de Marcelo Macías, de Xesús Taboada Chivite, de Antonio Rodríguez Colmenero entre outros grandes estudosos, polos que sabemos que se atoparon embarcacións con forma de tronco cun oco no medio, restos de construcións palafíticas, de industria lítica pulimentada, canais de época romana, estelas, aras… importantísimos restos arqueolóxicos que, de non seren arrasados polas escavadoras, hoxe arroxarían luz sobre un pasado unicamente lendario.

Despois do consistente almorzo e de deixar o hotel de Xinzo, desprazámonos ata o corazón da Antela, ao concello veciño de Sandiás, onde comezamos a xornada visitando as ruínas do castelo da vila, así como a súa igrexa e as súas estupendas rúas restauradas.

A Torre de Sandiás, coñecida polos veciños como a Torre do Castro, pois está ubicada sobre os vestixios dun castro, sufriu o asalto e destrución do duque de Lancaster, que pretendía a coroa de Castela, en 1386. No século XV pasa a mans de Alonso Pimentel, conde de Benavente e en 1436 é derrubada polos Irmandiños. Na guerra hispano‐lusa do século XVIII foi punto de concentración de tropas para a súa posterior distribución a diferentes puntos da fronteira durante un episodio da Guerra de Sucesión Española (1704‐1715). Hoxendía consérvase parte da torre da Homenaxe, en estado de ruina consolidada e cuns muros de case 4 metros de grosor. Constaba, ademais de soto, de 3 pisos e terraza superior. A tradición dí que o castelo do Castro, en Sandiás, e o castelo da Pena foron construidos polos mouros, que tamén habilitaron un camiño subterráneo para comunicar ambas as duas fortalezas. Dende ela pódese ver unha fermosa panorámica da Limia Alta e da desecada Lagoa de Antela, anque nós non disfrutamos dese pracer pois a néboa mañanceira impediunolo.
Dende a torre fomos camiñando ata a igrexa de San Estebo de Sandiás (século XVI), que é a igrexa máis emblemática do concello. Trátase dunha igrexa tardo-gótica, un estilo difícil de atopar en Galicia. No seu exterior destaca a súa portada de estilo manuelino e no interior, que non pudemos visitar (non se pode madrugar tanto!), o seu retablo maior é de grande importancia polo seu significado na arte ourensá do século XVII, no que traballou o escultor Francisco de Moure, un dos mellores artistas galegos do primeiro terzo deste século.
Tamén foi posible visitar A Casa da Lagoa de Antela, interesante centro de interpretación da lagoa de Antela, que tenta transmitir a súa relevancia, así como a historia e formas de vida dos habitantes das súas ribeiras, xa que conserva materiais etnográficos de gran interés. Quero agradecer publicamente as atencións recibidas por parte de Xavier. Moitas grazas! e tamén quero animar a visitar esta zona máis polo miúdo, hai que sair da A59 en Sandiás!
Despois de camiñar polas rúas de Sandiás e de visitar a Casa da Lagoa de Antela, o bus levounos ata as aforas de Vilariño das Poldras, onde comezamos a ruta facendo un pequeno percorrido entre as lagoas, as areeiras. A explotación de áridos no concello de Sandiás, onde están situadas a práctica totalidade das explotacións areeiras da Limia, creou posteriormente pequenas lagoas que, unha vez cesada a extracción, eran abandonadas. A través de procesos naturais, algunhas destas lagoas fóronse convertendo en refuxios para a fauna. Logo, por iniciativa da antiga Consellería de Agricultura, Gandería e Montes establecéuse un plan global de restauración da zona, que supla en parte a desaparición da antiga lagoa de Antela.
A andaina por esta paraxe en domingo é unha auténtica gozada para todos os sentidos, pois pola semana hai unha actividade frenética de camións das areeiras, polo que volvo recomendar a súa visita. Desde logo, a primavera é a mellor estación do ano para gozar da natureza das areeiras. Co Inverno, moitas aves do norte de Europa chegan ata  aquí escapando do frío. Dende os observatorios pódese observar en especial ás anátidas que nadan nas charcas. Parte dos elementos do antigo ecosistema húmido mantéñense na actualidade na mesma chaira que no seu día ocupou a lagoa de Antela. Cecais nun futuro estas pezas dispersas poidan volver configurar un novo humidal herdeiro do xa mítico lago Beón.
Abandonamos as areeiras cara a aldea de Vilariño das Poldras logo de visitar os seus famosos miliarios pertencentes á Via Nova, que tamén pasa por este concello e da que xa disfrutamos na Ruta da Vía Nova en Trives, unha das vías romanas de máis importancia do noroeste da península que unía as cidades de Bracara (Braga) e Asturica (Astorga), as cidades máis populosas do noroeste da Hispania. O de maior tamaño está adicado ao Emperador Maximino e ao seu fillo Máximo (235-238 d.C.).
Logo de pasar por Vilariño das Poldras collemos cara ao monte camiño da Ermida de San Bieito de Uceira, non sen antes ser advertidos polas veciñas de Cerredelo de que á Ermida váise millor pola carretera e chégase antes! A primitiva ermida foi construída no ano 1766, posteriormente sería reconstruída e ampliada. Dende o adro vense unhas marabillosas paisaxes da Limia Alta. Tódolos luns de Pascua e o segundo domingo de xullo realízase unha romaría dunha gran tradición en toda a Limia.
Estamos xa preto de Sandiás, final do percorrido, e final dunha xornada na que tivemos de todo! Natureza, paisaxe, historia, etnografía… o dito, saída na 202 da A52.


Ver Ruta pola lagoa de Antela e os montes de Cerredelo nun mapa máis grande



Galería

Ruta pola Lagoa de Antela e os Montes de Cerredelo


1 comentario en “Ruta pola Lagoa de Antela e os Montes de Cerredelo”

  1. Dende logo, Sandiás foi todo un descubrimento..¡
    En xeral toda a zona de Antela ten un altísimo potencial, polo que puidemos ver.
    E da gusto atoparse con sitios como A Casa da Lagoa, todo un exemplo a seguir.

    Moitas grazas, Fran, por compartir con nós estas fotos

    Vémonos pronto

Deixa un comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.