Ruta do Castelo da Pena e o Mosteiro do Bon Xesús
Fin de semana en Xinzo de Limia! Unha fin de semana para andar polas terras de A Limia e facer dúas interesantes rutas de sendeirismo nas que disfrutamos tanto de elementos naturais como culturais. Como me gustan estas escapadas de fin de semana!
“A Limia é unha terra que ten leenda, tanta leenda que hastra din qu’hai elí unha lagoa… A min xa me poden vir con contos, inda que sexa do FORUM LIMICORUM. Eu vin ós limiaos, c’unhos grandes chapeus de palla, guiando unhos inmensos carros d’herba que van cantando por unhas estradas dereitas como fusos, antre ringleiras de negrillos. Vin o gando mouro vir á noite do monte, pola ponte das Poldras, y‐as ovellas apretuxadas tras d’il. Vin as patacas sementadas nas leiras, y‐o centeo segado, e vin‐o mallar pol‐a raxeira do sol. Vin ós cás sair a ladraren ó camiño – porqu‐eu percorrín a Limia n‐un coche de cabalos, esa cousa anacróneca que xa non sirve mais que para ir recoller ós viaxeiros n‐as estaciós do camiño de ferro e levalos ás fondas ‐ e hastra vin brincar un sapo d’entras rodas, n‐unha noite de luar, vindo por unha d’esas estradas dereitas com’as que din qu’atravesaban o lago de Tezcuco en México, e qu’atravesan esta xa hipotética lagoa Antela, que non veredes anque vaidas a Limia; como non traigades no fardel o Coello ou o Fontán…”. Vicente Risco (La Zarpa , 02/06/1921).
- Lonxitude da rota: 25 km aprox. (os últimos 7 quilómetros non os fixemos pola calor)
- Desnivel: medio
- Dificultade: media-alta (pola lonxitude total da ruta)
Unha vez instalados no Hotel Xinzo e feitas unhas poucas compras, iniciamos o percorrido no mesmo Xinzo. Esta ruta destaca polas amplas panorámicas e tamén polos seus altos valores culturais, xa que pasamos por moitas zonas de carballeiras, e zonas altas cubertas de uces, toxos, xestas e carqueixas que aínda están en flor. Os camiños en xeral son moi bos. Ah! fomos acompañados en todo momento por un amiguiño pesado, pesado, pesado: os mosquitos dos que, parafraseando a Risco, hai o demo deles!
Un dos fitos da ruta é a Torre da Pena que, xunto coas de Porqueira, Sandiás e Celme constituiron un conxunto estratéxico de defensa construido entre os séculos XI e XII, fronte ás tentativas invasoras de Afonso Henriques de Portugal (futuro Afonso I de Portugal) dos territorios de Alfonso VII de Castela e León. No século XVIII a fortaleza foi abandonada e destruida, e na actualidade somentes se conserva a antiga torre da homenaxe. A torre vai estar presente durante gran parte do noso percorrido, e dende ela pódese apreciar en toda a súa extensión tanto a depresión da Limia como a de Sarreaus.
O claustro, cuadrangular, presenta arcos conopiais ‐obra do mestre canteiro Bartolomé de Nosendo‐ que se apoian en columnas de fuste moldurado e rematadas en capiteis sinxelos pero elegantes con sobria decoración vexetal ou animal, de modelo similar ao utilizado nas misericordias de coros da mesma cronoloxía. O interior do templo, que non visitamos, custodia imaxes de Cornelius de Holanda e a fachada é de estilo prateresco con influencias de Juan de Egas e do estilo manuelino.
De 1824 a 1827, acolleu ao coengo‐cardeal e futuro bispo de Ourense, D. Juan Manuel Bedoya, onde foi desterrado polas súas ideas liberais. A finais do século XVIII, chegan a refuxiarse neste mosteiro cregos procedentes da Francia revolucionaria. Hoxendía, o mosteiro, atópase en estado ruinoso con partes consolidadas.
Reiniciamos andaina e sobre a marcha decidimos acortar o percorrido, rematándoo en Pidre, dado a calor abafante que estabamos a pasar. Deixamos de facer os últimos sete quilómetros pois discorrían todos a pleno sol, sen ningunha sombra, pospoñendo para despois de cear os que quixemos facer en plan paseo nocturno o último tramo do río Limia que coincide co tramo final do roteiro.
O río Limia, que nace a 975 m de altitude, no monte Talariño (parroquia de Paradiña‐Sarreaus), recorre 41 km pasando por Xinzo e continúa outros 67 km en terras portuguesas, bordeando a Serra da Peneda, regando Ponte de Lima e vertendo as súas augas no Atlántico, en Viana do Castelo.
Como a noite e a compaña era tan agradable, e non apetecía deitarse, algúns aínda lle fomos tomar a penúltima nas terrazas da Praza Maior, chea de ambiente… pero hai que deixalo que mañá agárdanos outro día intenso.
Ver Ruta do Castelo da Pena e o Mosteiro do Bon Xesús nun mapa máis grande
Fran, excelentes as fotos e tamén excelente a narración introdutoria!. Fixéchesme revivir as sensacións de antonte outra vez. Os mosquitos no xantar, a calor, as marabillosas vistas, as uces e xestas en flor, o sorprendente mosteiro (quen imaxinaba semellante construcción aló agochada), sen esquecer as rás no paseo nocturno polo río. O refrixerio á noite na Praza Maior de Xinzo merecía continuidade, pero xa virán outras!.
Hola Fran; menudo finde tan espectacular. Ruta fantástica, buen ambiente, calorcito, y la penúltima…………. jejeje.
Buena entrada. Un abrazo, nos vemos en el camino
Grazas Toni! Xa había tempo que non nos viamos no camiño. Eu, neste mes de maio aínda teño unha por Becerreá e outra polas Cíes…