Ruta de Quintá-Río Donsal
A ruta transcorre integramente polo concello de Becerreá e foi sinalizada e preparada pola Asociación Castaño y Nogal. O seu itinerario está sinalizado, eu diría que de máis, polo que non é necesario dispor de GPS para percorrela, anque sempre é unha axuda.
- Lonxitude da ruta: 16 km aprox.
- Desnivel: medio (principalmente de baixada)
- Dificultade: media (pode haber zonas esvaradias e con lama)
Que gozada! Sempre que imos polo oriente galego non paro de tirar fotos! Esta ruta é sen dúbida un auténtico tesouro etnográfico, natural e paisaxístico pouco coñecido, e cunhas fermosas vistas sobre a zona dos Ancares. Destacan as carballeiras e os soutos centenarios, asi como os ríos ben conservados.
Comezamos a camiñar no alto, na aldea de Couso (840 m), e fomos descendendo por soutos ata chegar ao rego da Machuca, que logo abandonamos para chegar ao lugar de Quintá. A fraga de Baliñas é espectacular; é un pequeno percorrido de ida e volta que hai que facer sí ou sí: Fonte dos Corzos, Souto de Valiña, Uriceiras… con soutos, prados, carballos, especies silvestres como uces, toxo, xestas, carqueixas… nun entorno de silencio absoluto, como atractivo complementario, cunha orografía en pendente e zonas de desfiladeiro.
Máis adiante seguimos o río de Souto e aproveitamos un fermoso souto para facer o descanso e repoñer forzas. O lugar é espectacular pero retomamos a ruta cun pequeno ascenso e pasamos pola aldea de Sevane, onde nos atopamos coa chuvia e cun fermosos hórreo de madeira, unha riqueza etnográfica que espero que se manteña. O horreo é de tipo asturiano, de planta cadrada, os pes son troncopiramidais de madeira cunha altura que deixa un espazo debaixo para a leña, ou os apeiros (ou os coches, pois sirve de garaxe). Os tornarratos son circulares de pedra de lousas de xisto. A cámara composta por unha grade formada por catro trabes de considerable sección. A cuberta é de colmo cunha estrutura de armazón de madeira.
Dende Sevane descendemos ata o río Donsal, afluente do Navia. Con muiños abandonados, por efectos da erosión e crecemento de maleza, propiciada polo progresivo despoboamento das aldeas do entorno. Despois dun pequeno ascenso chegamos ao lugar de Buisán, dende onde disfrutamos dunhas marabillosas vistas do val do río Abelleiras.
Agora só nos queda descender polo tramo da Arroxiña ata o río Navia; na súa ponte demos por finalizada a ruta cos estiramentos reparadores, para logo subir ata Cabana (407 m), onde a rematamos formalmente. Logo de recollernos o bus, parada na vila de Becerreá para desfrutar da merecida cervexa!
Ver Ruta de Quintá-Río Donsal nun mapa máis grande