Ribeira Sacra do Sil. A Teixeira

05-04-2025
Val do río Mao, Barxacova e canón do Sil
Val do río Mao, Barxacova e canón do Sil dende Cristosende

Imos facer polo concello da Teixeira o percorrido da senda homologada PR G 224 e máis as impresionantes pasarelas do canón do río Mao, instaladas no concello veciño de Parada de Sil.

A ruta sae da poboación da Teixeira, situada na liña divisoria de dous vales nos que os viñedos caracterizan a paisaxe. Comezaremos ascendo levemente por un antigo camiño para introducirnos nun bosque autóctono de carballos e outras especies. Posteriormente comezaremos a descender e chegaremos a aldea de Cristosende, onde os viñedos gañan protagonismo. Transitaremos a través deles por camiños rodeados de muros de mamposteria e baixaremos gozando dunhas impresionantes vistas do canón do río Mao e do río Sil. Chegaremos máis abaixo a un punto no que o camiño se converte nunha ancha pista, e aquí seguiremos descendendo ata o río Mao o cal cruzaremos para facer o percorrido de ida e volta polas súas pasarelas. Logo regresaremos á pista e introducirémonos en pleno canón do Sil, aínda que nesta zona non é a parte máis pechada e escarpada do mesmo. Iremos descubrindo distintos puntos dende os que observar unha boa parte da extensión do canón. Máis adiante abandonarémolo e volveremos a ascender para pasar de novo entre varios viñedos e chegar á Teixeira, onde finaliza a ruta. O percorrido máis aló do desnivel non ten maiores dificultades. Predominan os camiños cómodos e amplos.

MIDE

  • Horario: 5:30 h
  • Desnivel de subida: 707 m
  • Desnivel de baixada: 707 m
  • Distancia horizontal: 16,2 Km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 2
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Hoxe houbo que madrugar de novo para achegarnos ata A Teixeira, en plena Ribeira Sacra do Sil, pola beira ourensá. Antes de chegar, aínda tivemos tempo de tomar un café (con bica) en Valilongo, en plena estrada que conduce a Castrocaldelas e Trives, pois é posible que no mesmo núcleo da Teixeira non haxa ningún bar aberto desta hora.

Xa preparados para camiñar, dirixímonos cara un lavadoiro, punto onde está marcado o inicio da ruta, con panel explicativo do percorrido, xunto con outras rutas que se poden facer polo concello. Avanzamos por camiños entre muros de pedra e rodeados por especies vexetais autóctonas, coma castiñeiros e carballos. Sen chegar ao quilómetro andado, unha vez cruzada a OU-0605 que nos trouxo dende Valilongo, comezamos a descender camiño de Cristosende. Estamos entrando na primavera e xa podemos apreciar unha gran cantidade de cores verdes, grazas ao clima tan peculiar desta zona.

A Teixeira dende o punto de inicio da ruta
As árbores comezan a cubrirse de verde
Unha pequena subida inicial, case toda entre muros
Bos exemplares de castiñeiros chaman a nosa atención

Reagrupámonos antes de entrar na poboación e imos admirando a súa arquitectura. Hai casas practicamente en ruinas, pero hai outras restauradas adicadas ao turismo rural, que semella ser unha fonte de ingresos importante. Cristosende está ubicado nun punto espectacular para gozar das vistas do val do Sil e, por fin, chegamos a unha zona aberta desde onde podemos gozar da beleza do canón. Apreciamos como as ladeiras que reciben máis horas de sol, están aproveitadas ata o máximo con viñedos. A paisaxe é auténtica da Ribeira Sacra, viñas e viñas polas que pasaremos, case todas moi coidadas e nas que comezan a aparecer os primeiros gromos. Mágoa non percorrelo no outono cando estean xa co froito e as follas comezen a ter esas cores tan rechamantes… pero a paisaxe non deixa de ser espectacular, pois a cambio, as árbores en flor salpican todo o val.

Baixamos cara ás pasarelas do río Mao, un dos atractivos da Ribeira Sacra, por un mar de viñedos. Impresionante! O piso de terra supera os intervalos sobre asfalto, pero son pistas con moi pouco tráfico (supoño que na época da vendima haberá un rebulir de vehículos para arriba e para abaixo!), e aprovéitase todo o espazo posible para chantar un pé de viña. Comeza o descenso e continuamos polo mar de viñas.

Ruando por Cristosende
Pequeno detalle decorativo nunca casa en estado de abandono
Saíndo de Cristosende comezamos a gozar das vistas
O río Mao, entre paredes graníticas, descende abruptamente formando un impresionante canón

Á nosa dereita, tapado pola frondosidade, distínguese o canón do río Mao, que nace na Serra de San Mamede e diríxese cara ao Sil neste punto. Despois de empantanar as augas no Encoro de Leboreiro, polo que pasamos á mañá, o val encáixase formando unha espectacular paisaxe antes da unión co Sil en Barxacova en plena Ribeira Sacra. Neste último treito, o río discorre serpeante, encaixado entre paredes graníticas, descendendo abruptamente desde os 800 aos 220 m de altitude formando este impresionante canón.

Unha pequena ponte permítenos cruzar á marxe esquerda do Mao e, logo de comprobar que as madeiras non están esvaradías, percorremos a pasarela toda ata a Fábrica da Luz. Un paseo dun quilómetro de lonxitude construído en madeira e que conta con ramplas, escaleiras e miradoiro para o goce do estreito val do Mao e da súa magnífica natureza. Aínda que é cedo, decidimos parar a xantar pois hai espazo suficiente para sentarnos, a pesar de que o entorno semella un pouco descoidado.

Aldea de Barxacova, na marxe esquerda do Mao
O río Mao desembocando no Sil
A pasarela discorre pola marxe esquerda do Mao, e une a Fábrica da Luz co antigo camiño de Barxacova
Cara atrás vemos como a chuvia avanza cara a nós

Mentres xantamos no entorno do albergue, falamos das dúas ocasións que estivemos de andaina polo Mao, unha na súa parte baixa, dende a Fábrica da Luz ata a súa desembocadura no Sil, e outra pola súa canle alta, coñecendo a necrópole de San Vítor, en 2013 e 2014… xa choveu!

Logo deste descanso, volvemos pola pasarela para retomar o PR-G 224 e, ao cruzar de novo o Mao pola mesma ponte, enfilamos o canón do Sil para ir subindo aos poucos. Este tramo do sendeiro, duns cinco quilómetros, amplo e sen un desnivel forte, permítenos ir descubrindo distintos puntos dende os que observar unha boa parte da extensión do canón do Sil e, sobre todo, a outra beira do río na que podemos apreciar a verticalidade dos socalcos de Amandi e de Doade, no concello de Sober.

O tramo do sendeiro polo Sil é amplo e sen un desnivel forte
Os socalcos da outra beira do Sil teñen moita verticalidade
O miradoiro da Pena do Castelo sobre unha aba chea de socalcos

Cara atrás vemos como a chuvia está caendo e como avanza cara a nós. Pouco a pouco o ceo vaise cubrindo e non tarda en descargar, aínda que por relativamente pouco tempo, o que non nos impide seguir gozando da paisaxe, aínda que esta zona non é a parte máis pechada e escarpada do canón.

Avanzamos e podemos distinguir nun outeiro a adega de Regina Viarum chantada sobre unha aba chea de socalcos que se cortan pola estrada que comunica Doade con Castro Caldelas, pero que continúan ata o Sil. Un pouco máis adiante temos á vista o miradoiro da Pena do Castelo, dende onde se ten unha das imaxes míticas da Ribeira Sacra coa pequena capela e todos os socalcos aos seus pés.

No último tramo imos por canellas que atravesan os viñedos da zona
O val do Edo e a Abeleda está espectacular de fermoso
Cruceiro da Cruz

Iniciamos o ascenso á parte alta do canón, moi levadeiro, e facemos unha pequena parada na fonte e lavadoiro abrigados por un impresionante castiñeiro, no desvío que leva ao miradoiro natural da Pena do Corvo, onde se pode admirar a confluencia dos ríos Edo e Sil.

No último tramo de subida, a ruta continúa por camiños estreitos ou canellas que atravesan os viñedos da zona, ata chegar á poboación da Cruz, onde pasamos polo Cruceiro, que data do século XVIII. Desde aquí só nos queda ascender o último tramo que leva de volta A Teixeira. Mentres imos gozando das fermosas vistas que hai do val do Edo coa vila de Castro Caldelas no alto. Accedemos á estrada que conduce ao val e damos cun pequeno miradoiro con bancos dos que poder gozar deste espectáculo. En todo o percorrido, as cerdeiras silvestres salpicadas por todo o entorno están no seu esplendor floral, o que axuda a gozar moito das vistas.

Fermosa vista do val do Edo coa vila de Castro Caldelas no alto
Praza coa capela de Santa Catarina e A Augadora na Teixeira
Unha última foto antes de marchar…

Superamos a estrada á altura da Galería, un peculiar e curioso “museo” de arte, moi persoal, ao aire libre, dun dos veciños, e ascendemos por outra canella pegada á casa que nos conduce á entrada do núcleo de A Teixeira. Ruamos e rematamos na praza que presiden a capela de Santa Catarina e A Augadora, unha fermosa fonte cunha columna coroada pola pequena figura dunha augadora.

Moi fermosa a ruta de hoxe, que percorre unha bonita parte do Canón do Sil, para moitos unha das máis bonitas de provincia de Ourense. Hai que vir comprobalo!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio