Praia do Rostro
Como actividade especial da fin de tempada do sendeirismo da USC, imos ata Sardiñeiro a facer un percorrido polo concello de Fisterra, un treito de 8 quilómetros que comeza no alto do Caribio.
- Lonxitude da ruta: 8 km
- Dificultade: Baixa
- Desnivel: Baixo
Alegroume ver a compañeiros e compañeiras que había tempo que non viñan camiñar, pero a alegría foi inmensa ao ver a Ana, despois de case un ano de baixa obrigada. A primeira parada fixémola en Sardiñeiro, onde recollemos a Suso, Carmen e Jesu, e, dende alí, o bus levounos ata o comezo da ruta no alto do Caribio; en descenso pasamos polas aldeas de O Sisto e Castrexe, pequenos núcleos habitados onde se poden observar elementos de arquitectura tradicional. No Sisto hai un hórreo que sempre me chamou a atención pola súa feitura e sempre aproveito para sacarlle algunha foto. O mesmo pásame en Castrexe con dous pequenos e toscos hórreos que teñen como fondo o mar batido de Rostro.
Logo imos á praia de Rostro, unha das praias máis fermosas de toda a Costa da Morte e que se atopa nun bo estado de conservación. O acceso temos que facelo a través do seu sistema dunar, moi sensible, polo que procuramos non sair do carreiro que nos leva ata a praia. Neste entorno haita unha ave endémica, a píllara papuda ou píllara das dunas (Charadrius alexandrinus), unha pequena ave limícola ameazada de extinción debido á alteración do seu hábitat, e da que só quedan sobre unhas oitenta parellas ao longo da costa galega.
O percorrido pola praia é fantástico; coa marea subindo, a maioría aproveitamos para refrescarnos os pés ata chegar á punta de Rostro. Lémbrame Suso, ao ir polo areal que estamos sobre os restos do Silva Gouveia, un mercante portugués afundido no 1927, desareado polo Cristina, un dos temporais do 2014; logo no 2015 volveuse tapar ata hoxe. O seu amigo Pepe de Leghario, o gran entendido en naufraxios da Costa da Morte, afirma que á beira mesmo do Silva Gouveia, atópase o Nouveau Conseil, un mercante francés varado en 1921 cando ía cargado de conservas.
Despois de secarnos, calzarnos e fotografar a inmensa praia, observamos os impresionantes cantís desta costa dende a Punta do Rostro, onde aproveitamos para facérmonos unha foto de grupo. Cantís, carrizos, furnas enormes… un dos tramos máis virxes da costa galega, e cara ao sur, ao fondo, a Punta Castelo, e o Castelo, ou o castro, porque tamén se lle chama o Castromiñán, un promontorio adentrándose no mar, con dous enormes parapetos de terra perceptibles dende a distancia.
Achegámonos ata alí, ata a Punta Castelo. A combinación entre a fortificación e a marabillosa paisaxe converte a este lugar nun dos tesouros de Galicia, e que moi pouca xente coñece. Nesta punta tamén nos lembramos doutro suceso relativamente recente, pois en 1987 producírase unha catástrofe da que todos vos lembraredes: os estouridos do Casón, o que provocou que máis de 15000 persoas de Fisterra, Camariñas, Muxía, Cee e Corcubión fuxiran dunha suposta nube tóxica… seguro que aínda queda algún anaco no fondo. Rematamos a andaina no lugar de Castromiñán, con este bo sabor de boca de ver os impresionantes restos castrexos e a fermosa praia de Arnela.
Logo fomos comer a Casa Lestón, en Sardiñeiro, que nos ofreceu un xantar sinxelo pero contundente (hai que probar as fabas con polbo!), unha das casas de comidas con máis sona da Costa da Morte e con máis de cen anos de actividade!
- Empanada de millo (de sardiñas)
- Croquetas caseiras de xamón e de cecina con queixo San Simón.
- Pementos
- Fabas con polbo
- Tarta de queixo
Finalizamos a xornada achegándonos ata a praia de Langosteira, onde moitos se atreveron co baño, pois a auga estaba fría de raio! e outros decidimos dar un paseo ou aproveitar para desfrutar dunha boa sesta! Un acerto de actividade para despedir a tempada de andainas da USC. Feliz verán a todas e todos!
Gracias Fran, por tus magníficos reportajes, durante todo el curso. Todo el mundo cuando se olvida la cámara dice- No importa están las fotos de Fran.
Buen verano a todos!
Grazas a tí Rocío. Que pases un bó verán!
Bicos
Ao ver tan fermosas fotos, aínda sinto máis non ter podido acompañarvos!! Eu quedei sozinha na Praia do Sardiñeiro, que tampouco está tan mal!! Pero, en fin, xa tiña bastante pena, pero agora moita máis, cachis!! Espero recuperarme axiña, para poder estar nas fotos que fagamos na illa de A Palma e por suposto nas do curso vindeiro!!
Bo verán a todos e especialmente a ti, Fran!! Sen ti non podería disfrutar destas paisaxes que non puiden contemplar en vivo e en directo… Un bico
Moitas grazas polos parabéns! Cando esteas ben para camiñar, imos facela pola nosa conta pois xa lle dixen a Xerardo que me sorprendera moi gratamente o tramo pola Punta de Rostro ata o castro, e recupérate para a illa da Palma!
Bicos e feliz verán!
Un sitio ben fermoso, sen dúbida. Algo máxico ten esa costa…¡
Unha boa descripción e unhas boas fotos, qué máis se pode pedir?
Só nos queda a actividade de La Palma, como fin de festa… e pronto chega setembro e hai que volver a empezar¡
Bo verán e fortes apertas ¡
Moitas grazas Víctor!
Agardo que vaia todo ven pola Palma… xa contaredes!
Bo verán e fortes apertas para tí, e por extensión a todos os participantes nestas andainas e roteiros, pois nos propós sempre unhas rutas marabillosas!