Monte Pindo
Hoxe, máis cunha crónica de andaina vou derivar a unha crónica máis persoal, pois ás veces o camiño dáche xente dunha calidade humana extraordinaria. Creo que a idea de Otero Pedrayo de que “Moitos amigos son paisaxe ó facérense terra e luz. Non hai camiño galego sen o ecoar de pasos amigos” é moi acaida nesta ocasión.
- Lonxitude da ruta: 9,6 km
- Desnivel: alto, tanto de subida como e baixada
- Dificultade: media-alta
Resulta que Marga e Xerardo andiveron estes días facendo algunha das etapas do Camiño dos Faros (algún dos tramos con moi pouco mantemento, por certo), xunto cunha serie de amigos seus, e deixaron unha xornada para coñecer o Pindo e subir ata a Moa, lugar no que xa estiveran anos atrás pero con moi mala meteoroloxía e non poideron desfrutar do día. É de xustiza presentarvos a estes personaxes:
Daniel, Dani, un ponteareán que leva 32 anos residindo en Esteiro e que se sinte coma un esteirán máis. Exerceu de mestre e na actualidade está xubilado. Admírame o seu gusto pola Natureza, en todas as súas expresións, vendo a un home que analiza todo, todo e todo mil veces.
Merchi, de Caldas de Reis pero xa leva anos vivindo en Esteiro. Xerardo coñeceuna a traves de Dani e a súa muller e, segundo nos contou ela no Lestón, fai unhas tartas de queixo que quitan o sentido!
O triplete vasco. En realidade vasco so é Jose, o máis discreto, Jesús, médico de profesión e que arrastra un mieloma dende hai anos, é orixinario de Zamora, aínda que está afincado en Barakaldo, onde estaban os seus pais emigrados. Miguel, historiador e catedrático de instituto xubilado, un home cunha gran sensibilidade nos temas sociais. Participou na flotilla da liberdade que se dirixiu a Gaza e que fora apreixada polos israelís. Tamén, coa súa charanga soriana, participa en diferentes encontros, recitais… polos Balcáns, para favorecer o reencontro dos habitantes daquelas terras. No xantar entereime de que tamén é novelista e está a piques de presentar en Soria e en Madrid a súa terceira novela, así como da súa activa participación no tradicional paso do lume de San Pedro Manrique, rito que acontece na noite de San Xoán, e que consiste no paso sobre as ascuas prendidas, só ou levando unha carga enriba.
E como non, subimos acompañados dun gran namorado deste monte e desta terra e do que sempre botamos man, Suso, que xa case coñece o Pindo como a palma da man, e que nos foi contando, xa desde Quilmas, lendas, anécdotas, puntos xeográficos… un privilexio levalo de cicerone.
Deixo para o final, a compaña por primeira vez nunha andaina da miña filla Cata, que coido que quedou encantada con todo, cos meus compañeiros de rutas, cos visitantes, co esforzo e coa paisaxe! Para min que xa ten o formiguiño do sendeirismo no corpo…
Subir desde Quilmas permite ir saboreando pouco a pouco a amplitude da paisaxe, Onde se Adora, o Pedrullo, as Lobeiras e o Cabo Fisterra, o bautizado por Suso Paso de Cervantes, o Chan de Lourenzo (500 m de altitude), coas consabidas fotos diante do guerreiro (xigante, frade… ), e a Moa (635 m).
Sobre a Moa, non me canso de dicilo cada vez que subo, o escenario non pode ser máis grandioso (aínda segue a inscrición de JATuñas, que como o pesque vaise enterar!): cara ao oeste, o cabo de Fisterra, co Atlántico baixo un sol ardente que se deitará nel nunhas horas, ao noso carón a vila de Carnota e a impresionante praia, redonda coma unha vieira, e cara ao interior non desmerece en absoluto, pois abranguemos unha paisaxe rica, o Penafiel, o encoro de Santa Uxía, as terras da parroquia de Arcos e os montes da Ruña… e ata divisamos o Pico Sacro, pois o día agasallounos cunha visibilidade espléndida.
Como nos conta Suso dende a Moa, hai tanta maxia e beleza no Pedreghal que, cada vez que vai, namórase máis e non cansa nunca (creo que este sábado vai volver cos amigos do Sisto). Ao amosarnos onde está a pequena cala de Gures, aproveita para falarnos da factoría baleeira de Caneliñas, que divisamos dende o alto, comentándonos como, segundo a “lenda da fecundidade”, as baleas se achegaban ata Fisterra para aparearse, ou cómo na época de despece das baleas, lembraba como o fedor e o sangue chegaba ata Sardiñeiro. A foto, fíxoa en Caneliñas nos anos 1960 e, coma se pode ver é dunha balea de moi bo tamaño! Estaba decorando a porta dunha das dependencias da factoría.
Xa na baixada, cuzámonos con pequenos grupos que ían cara á Moa, o que corrobora que este monte non perdeu o seu poder de sedución, e Suso e mais Marga aínda deron con novas figuras pétreas que decidiron chamalas “hiposerea alada” e “quenlla”.
Tamén comeza a ser tradición (bendita tradición!), rematar a xornada cun bo xantar na de Lestón, en Sardiñeiro, e a verdade é que pasámolo moi ben con todos, sobre todo con Jesús do que non deixo de admirar a súa fortaleza de espiritu para seguir loitando cun mieloma que lle ten xenerado tantos e tantos problemas… e o home aínda foi quen de ir darse un baño a Rostro! Admirable!
Remato de volver da miña terra e disfruto agora da vosa preciosa ruta, alégrome moito do disfrute da paisaxe, preciosa!!! e do disfrute da estupenda compaña!!!. Fermosas fotografía, coma sempre Fran. Bicos á filla e ó pai, moitos bicos