Illa de Ons

20-08-2016
Illa de Ons
A ruta permite percorrer case todo o perímetro da illa, visitando os puntos de maior interese, con extraordinarias paixases dunha singular beleza.

En Galicia hai unha serie de lugares que hai que coñecer si ou si, e visitalos de cando en vez, e a illa de Ons, sen dúbida, é un deles. Había case cinco anos que non percorría a illa, no Parque Nacional das Illas Atlánticas, único espazo desta categoría en toda Galicia, declaradas Parque Nacional no ano 2002 como unha das mellores mostras dos ecosistemas propios das costas e fondos mariños atlánticos españois.

  • Lonxitude da ruta: 15 km aprox.
  • Desnivel: baixo
  • Dificultade: media-baixa

O percorrido que fixemos baseámolo no tríptico que nos facilitaron no punto de información do Parque, e que me serve para describir esta andaina; foi unir basicamente as catro rutas que se poden facer por Ons. Desta vez comezamos a camiñar cara ao norte da illa, percorrendo primeiro parte da Ruta do Castelo (1,1 km), unha ruta sinxela e curta que sae dende o Centro de información do Parque, na Praia das Dornas, por un pequeno carreiro que nos achega ata o miradoiro do Castelo, ruinas dunha antiga fortificación defensiva. Dende o miradoiro temos unha estupenda visión da parte oriental da illa, e tamén xa comezamos a ver grupos de corvos mariños cristados secando a súa plumaxe ao sol, unha constante ao longo do percorrido.

De ahí regresamos ao camiño principal e enlazamos coa Ruta Norte (8,1 km), a ruta máis longa e que percorre a parte norte da illa. Seguimos pola parte oriental ata acadar a fermosa praia de Melide, que milagreiramente atopamos valeira de bañistas… debe ser aínda moi cedo! Logo chegamos ata o miradoiro da punta Centolo, onde fixemos unha pequena parada pois paga a pena deterse e admirar tanto a costa da illa como a costa que temos fronte a nós, con Sálvora, a costa arousana e o característico perfil irregular da Serra do Barbanza detrás, a península do Grove, A Lanzada, a ría de Pontevedra… está todo tan a man!

Continuamos camiño, xa polo bordo occidental máis abrupto, onde domina a paisaxe atlántica, coa fermosa enseada da Pociña, limitada pola Punta Xubenco, ata onde nos achegamos por un carreiro, o que nos permitiu observar multitude de gaivotas patiamarelas que, xunto co corvo mariño, son as dúas especies de aves mariñas máis representativas do Parque Nacional, onde hai unha das maiores colonias mundiais desta gaivota Larus michahellis. Aquí, no seu hábitat, a súa vida depende dos recursos que a natureza lles ofrece: alimento, zonas de aniñadoiro e refuxio. Hai que insistir que cando nos adentremos nestes territorios de gaivotas, temos que respectar o seu modo de vida e gozar da súa presenza!

Desviámonos un pouco para tomar a Ruta do Faro (4 km), que nos leva ata o emblemático faro de Ons (128 m), dominando a paisaxe sobre a ría. É esta a ruta máis frecuentada, e nótase, polo que regresamos á zona occidental da illa ata chegar á enseada de Caniveliñas, onde enlazamos xa coa Ruta Sur (6,2 km), admirando os abruptos cantís da cara oeste, sen esquecernos de achegarnos ata o mítico Buraco do Inferno modelado pola forza do Atlántico, onde os habitantes da illa crian que o burato chegaba ata as mesmas portas do inferno e que dende dentro chegaba o son do lamento das almas que alí se atopaban.

Outro punto obrigado nesta ruta é o miradoiro de Fedorentos, dende onde temos unhas fermosas vistas de Onza e das illas Cíes ao sur. Obrigado tamén é facerse unhas fotos con esta paisaxe tan abraiante. Estamos no punto máis meridional do percorrido e só queda andar uns tres quilómetros para rematalo, que xa facemos  pola parte interior da illa, onde volvemos ver as suaves praias que miran cara a ría, como Canexol, co seu fráxil sistema dunar, ou Area dos Cans.

E chegamos ao núcleo de Curro, punto de partida onde demos boa conta do polbo encebolado, fritura de peixe, churrasco e fideos con ameixas, e todo con abundantes cervexas, pois viñamos sedentos despois dunha xornada ben calurosa! Logo da sobremesa, baño na Area dos Cans e sesión gintonic no seu chiringuito, agardando tranquilamente que chegara a hora de embarcar cara a Bueu. Que mágoa da marchar, pero que día máis fermoso tivemos!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio