Camiño de San Salvador 5. Mieres – Oviedo

05-07-2016
Na praza de Afonso II El Casto, presidida pola catedral de San Salvador
Na praza de Afonso II El Casto, presidida pola catedral de San Salvador, fin do noso camiño, do que é testemuña a Regenta. Foto de Jaime Arcay

Malia que para estes cinco días non levei a cámara fotográfica (saqueina a última hora da mochila) e, como mal menor, usei a do teléfono móbil para fotografar estas paraxes, ademais de aproveitarme das fotos que tira o Jaime, gardarei sempre un grato recordo deste Camiño, o meu primeiro Camiño.

  • Lonxitude: 18 km (4,4 km/h)
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

Iniciamos a xornada erguéndonos ás sete da mañá e, coma sempre, despois de que o fagan os nosos compañeiros de albergue destes días. Logo de tomar un café mañanceiro, iniciamos a ruta subindo o Padrún. O ascenso é todo por estrada, o que me fai pensar que imos ter unha ruta como a de onte, pero nada de eso; vai ser unha ruta con tramos moi fermosos.  Deixamos ás nosas costas unhas fermosas vistas de Mieres e do val do Caudal.

No alto do Padrún, entramos no val do Nalón e, o Camiño de Santiago non seguía pola antiga estrada de Castela trazada por Jovellanos senón por un camiño que sae á dereita do porto cara ao pobo de Casares. Camiño de costas máis pronunciadas, pero máis curto e con menos curvas que a estrada. Nós pretendemos tomar o camiño, pero está tan esvaradío que decidimos continuar pola estrada, non vaiamos mancarnos o último día!

Logo baixamos a Olloniego, onde aproveitamos para tomar un refresco en Casa Lucía. María comproba a bonoloto que selamos en León, pero seguimos sen ser afortunados no xogo, polo que acordamos volver apostar, a ver se o conseguimos. A saída de Olloniego permitiunos ollar a torre Muñiz, o Palacio Quirós e a súa ponte medieval (unha fermosura que debería ter máis coidado o entorno). Nada máis atravesar a ponte do Portazgo sobre o Nalón, vemos á esquerda a casa do Portazgo, un fielato ou aduana, e atopámonos co leguario que nos indica que estamos a tan só legua e media de Oviedo.

Hai gañas de chegar. Xusto aquí, comeza unha fermosa subida, que nos fai suar pois hai moita humidade no ambiente, que nos conduce a Manzaneda. Acadamos a entrada do caserío de Picullanza, desde onde comezamos a albiscar Oviedo e algunhas das súas edificacións como o Palacio de Exposicións e Congresos do famoso Calatrava, e a posterior baixada xa nos introduce nas rúas de Oviedo. A catedral aínda non se deixa ver, pero xa comezamos a notar xúbilo ao atopármonos próximos ao final da viaxe.

Entramos en Oviedo polo barrio de San Lázaro, como tamén o fan os peregrinos ao entrar en Compostela. Logo de pasar polo albergue de Oviedo na rúa Leopoldo Alas, chegamos ás portas do casco histórico, ao que accedemos pola rúa Magdalena. As cunchas do chan indícannos o camiño a seguir. Baixo o arco do Concello enlazamos de fronte coas rúas Cimadevilla e da Rúa, e chegamos á fermosa praza de Afonso II El Casto, presidida pola catedral gótica de San Salvador, fin do noso camiño.

Logo das fotos de rigor para inmortalizar a chegada, fixemos unha visita xeral con especial parada na Cámara Santa, que presuntamente foi capela palatina nas súas orixes e acabouse convertendo nun admirado e concorrido relicario, percorremos a presa as salas do museo da Igrexa e demorámonos uns minutos admirando o seu claustro gótico, por onde accedemos á tenda de agasallos para obter a Salvadorana, que nos facilita un mozo fraco e pálido como unha aparición, previo pagamento de catro euros. Despedímonos do Salvador en silencio avanzando pola escura nave meridional ata a porta de saída.

Xa no exterior, fixemos unha foto ao pé da estatua de Afonso II o Casto, como a que hai en Santiago  na Travesa da Universidade (non sei cal é a réplica), do que se dí que xamais mantivo relacións carnais nin coa súa dona nin con muller algunha, pero ao que se lle recoñece que fixo de Oviedo un dos lugares máis importantes do seu tempo e, por suposto, o fito que supuxo o seu desprazamento dende Oviedo ao campus stellae, inaugurando o que dende entón veu en considerarse unha das principais vías de peregrinación.

Gozamos do bo ambiente que respira esta cidade e xantamos pola zona vella con tempo para, aseármonos e mudármonos de calzado, antes de ir ata a estación de autobuses e coller o bus para Santiago.

Mañá volvemos á nosa vida convencional. Parabéns para os meus compañeiros de viaxe cara ao norte, ao norte, ao norte, pase o que pase, sempre, sempre, sempre ao norte: María, Chus, Fina, Jaime e Xerardo. Foi un placer compartir esta experiencia con todos vós. Ata a próxima!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio