Camiño de San Salvador 4. Bendueños – Mieres del Camín

En Santa Cristina de Lena, outra xoia que se pode admirar no Camiño do Salvador
En Santa Cristina de Lena, outra xoia que se pode admirar no Camiño do Salvador. Foto de Jaime Arcay

Logo da fermosa e dura etapa do día de onte, hoxe tocounos unha máis cómoda e curta, picando sempre para abaixo, pero con algún pequeno repeito. Mágoa da gran cantidade de quilómetros por asfalto que hai que andar!

  • Lonxitude: 24 km (4,6 km/h)
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media

Ás 7:30 da mañá a hospitaleira Sandra presentouse coma un cravo para achegarnos no seu coche dende o albergue de Bendueños ata Heras. As súas rúas recíbennos envoltas nun leve manto de néboa, que imos rompendo pouco a pouco, a medida que iniciamos o pronunciado descenso ata Campomanes (coma sempre, eu atrás e moi lentamente); imos por un sendeiro abrigado por carballos e castiñeiros.

Paso a paso a floresta vai desaparecendo, xunto coa néboa, para chegar a Campomanes xa cun ceo cuberto que facía moi cómoda a andaina, camiñamos uns 3 km por un paseo á beira do río Lena. Logo de pasar baixo un pequeno túnel do ferrocarril, temos o primeiro ascenso que nos depara a xornada de hoxe, e que resulta menos duro do que parecía ao comezar a subir pois, antes de decatarnos, non tardamos nin medio suspiro en vernos xunto á ábsida da xoia prerrománica de Santa Cristina de Lena. Impresionante. Mágoa que a atopáramos pechada por ser luns, pero o tela só para nós foi o auténtico agasallo do día, axudado polo entorno pois está totalmente illada e rodeada dunha paisaxe de gran beleza. Logo de baixar e deixar á nosa esquerda o centro de interpretación do prerrománico na fermosa estación da Cobertoria, continuamos camiño ata chegar a Pola de Lena.

Ao chegar a La Pola fixemos un alto para tomar uns pequenos bocatas con sidrina no bar La Faya (que ben me sentou!), atopándonos no local con Pibe, o albergueiro de La Pola que, moi amable, selounos as credenciais (ese sí que é un selo de albergue!), mentres nós lle atacábamos á sidra. Debe ser un bó hospitaleiro este padronés, pois foi todo atencións.

Continuamos logo ata Uxo practicamente todo por estrada sen beiravías, unha estrada animada pola cantidade de ciclistas que a percorrían en solitario ou en grupos, e íamonos animando mutuamente o que fixo que este tramo fose máis levadeiro. En Uxo tivemos a oportunidade de visitar a súa igrexa románica de Santa Eulalia (Santolaya d’Uxo), moi fermosa e, onde o cura párroco, un home xa maior pero moi agradable, selounos tamén as credenciais.

Dende Uxo ata Mieres del Camín imos polo longo paseo fluvial do río Caudal. A verdade é que despois das xornadas anteriores, só gozado cos sons da Natureza, percorrer o paseo entre autoestradas, estradas, vías do tren… sumérxenos nunha situación nada placenteira; mágoa tamén que o paseo sexa de asfalto e non se lle ocurra ás autoridades convertelo nun sendeiro, pois así sufrirían menos os nosos castigados pés.

Mieres figurou desde a Idade Media na Ruta Xacobea, sendo un importante lugar de paso para os peregrinos que se dirixían cara a Santiago de Compostela facendo parada en Oviedo. De ahí o nome da súa capital: Mieres del Camín. Ao entrar a Mieres, despois de pasar a ponte peatonal de La Perra, preguntamos aos veciños onde poder xantar e recomendáronnos L’Albar (en temas de comida, a min gústame preguntar máis ca buscar información por internet). Mentres íamos cara alí, notei unha localidade que aínda hoxe conserva parte dese aire histórico de pequena cidade industrial, como se pode ver na pequena praza do concello, onde se sitúa a Casa d’Albar, magnífico restaurante no que, cunha atención exquisita, nos desquitamos do xexún do día anterior (Día de xexún, véspera de santo, aquí o refrán acertou!).

Non puido ser máis acaida a recomendación, pois desde o servizo ata o menú do día, que foi o que pedimos, estivo de dez. Xa nos gustou a gran variedade que nos ofertaron de primeiros e segundos pratos, sen ter claro que elixir, pois eran todos moi suxerentes, pero a maioría optou pola fabada, fabes con almejas ou salpicón, de primeiro prato; e polos rolos de bonito, linguado recheo ou pescada á mariñeira, de segundo. Espectacular! Como colofón, a casa, ao ver que eramos foráneos, ofreceunos unha selección de sobremesas para degustar, que non puido ser máis acertado!

Logo, para o albergue que está en La Peña, nas antigas escolas á beira da igrexa, onde nos agarda Paulino, o albergueiro, e onde nos volvemos atopar cos colegas de camiño. Ducha, descanso e unha tarde de conversa e música do máis placenteiro. O Pedro cóntanos que está facendo o camiño cargando con máis de catro kilos de acordeón e, pedímoslle, case o obrigamos, a que nos toque unhas pezas! un músico excepcional e mellor persoa.

Esta vai ser a última noite que esteamos os nove xuntos. Ernest, unha vez que remate mañá o camiño, achegaráse ata A Coruña para completar dúas etapas que lle quedan por facer do Camiño Inglés, e Manu e Pedro teñen intención de continuar ata Santiago polo Camiño Primitivo, xa xunto coas mozas que os están a agardar en Oviedo. Mentres Pedro lle da ao acordeón, reparo entón en que hai só catro días que coñezo a esta xente, sen apenas datos das súas vidas, pero xa emprego con eles a mesma confianza como se leváramos varios anos tratándonos.

Completamos a xornada voltando a Mieres, a tomarlle unhas tapas con sidrina pola Plaza del Requexu, a praza do escanciador. Xa temos na caluga que o camiño está feito, pois case son as once da noite e aínda estamos a pé… mañá só queda chegar a Oviedo de mañá. Como pasou o tempo!

Por certo, no albergue escribín, xunto cos meus datos, unha queixa/suxestión relativa á etapa, pola grande cantidade de quilómetros que hai que percorrer por asfalto, o que fai que sexa a peor etapa do Salvador con diferenza, e outra relativa ao albergue, pois as liteiras que hai están pensadas para nenos, e non para adultos, vencendo os listóns dos somieres, provocando que o Jaime e Ernest decidiran durmir sobre o colchón no chan…

Mañá continuaremos camiñando cara ao norte, ao norte, ao norte, pase o que pase, sempre, sempre, sempre ao norte, e chegaremos a Oviedo e remataremos o Camiño do Salvador.

 

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio