Pola serra de Hormas


919 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (2 votos, media: 5,00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo
Esta ruta circular comeza nas proximidades de Riaño, preto do encoro, e pouco a pouco vaise introducindo no val do río Hormas. Ao final do val hai unha forte subida e, a partir de aqu,í o sendeiro cambia de rumbo, xa con escaso desnivel ata a collada Lechugal, onde comeza o descenso tamén entre bosques ata o punto de partida.

A Serra de Hormas, situada ao norte de Riaño, é un aliñamento montañoso antesala dos Picos de Europa, onde se acadan alturas de 2000 m, sendo hoxe en día unha das principais reservas de bosque caducifolio do norte da península, pois son moi chamativas as súas dimensións, onde predominan os carballos.

A visita ao interior deste espazo protexido debe ser solicitada á Sección de Espazos Naturais da Xunta de Castela e León, ou ben, nas casas do Parque de Valdeburón (Lario) ou de Val do Porma (Torreón de Puebla de Lillo).

Estas paraxes manteñen un excelente estado de conservación e, na actualidade, o seu acceso está restrinxido, pois son refuxio de osos, lobos, cervos, corzos, xabaríns, rebecos e especies de aves escasas ou en perigo, como o  peto mediano, a culebreira, ou a pita do monte.

Datos técnicos


Esta ruta circular comezámola nas proximidades de Riaño, preto do encoro, e pouco a pouco vaise introducindo no val do río Hormas, onde predominan os bosques de carballos.

Ao final do val hai unha forte subida durante un quilómetro ata chegar a uns 1700 m de altura. Aquí o sendeiro, cambia de rumbo, xa con escaso desnivel ata a collada Lechugal. Na collada comeza o descenso tamén entre bosques ata o punto de partida.

  • Lonxitude: 17 km
  • Dificultade: media-alta
  • Desnivel: medio-alto

Comezamos a camiñar…

Deixamos atrás o encoro e a estrada onde nos deixou o bus, e comezamos a camiñar por unha boa pista que nos vai ir aproximando á serra de Hormas. Despois de pasar por unha granxa de vacas que saen ao noso paso, chegamos á collada las Vallejas (1205 m), onde, mirando cara atrás, hai unha boa vista do pico Yordas medio tapado polas nubes.

Ao pouco, abandonamos a pista pola que imos e tomamos un carreiro monte abaixo que xa nos leva ao val formado polo río Hormas, introducíndonos no bosque de Hormas.

Avanzamos con tranquilidade e sen armar moito balbordo pois somos conscientes de que ao camiñar por este espazo compre facelo en silencio pois imos por unha zona moi sensible.

O seu bosque é unha magnífica carballeira, con grandes exemplares de carballo albar (Quercus petraea), aínda sen folla, e ascendendo en altitude, mestúrase co carballo melojo (Quercus pyrenaica) e a faia (Fagus sylvatica), formando un bosque mixto onde non faltan, aínda que en menor medida, o acivro, o capudre, a cerdeira ou o bidueiro.

Ao final do val temos que enfrontarnos a unha forte subida durante un quilómetro aproximadamente ata acadar uns 1700 m de altura e chegar á Collada Remuela. Isto obríganos a ir lentos, pero se compensa coas fermosas vistas que temos. Vaia subida! E seica o Víctor fíxoa con neve ata as rodillas cando a veu preparar!

Xa arriba e recuperados do esforzo, mentres nos sobrevoa un alimoche, Carmen comenta que creu escoitar o canto da pita do monte, ante a incredulidade de Xerardo… pois se estamos no seu hábitat como non se vai poder escoitar!

Aquí o sendeiro cambia de rumbo. Asiña comezamos a atoparnos con enormes exemplares de carballos dispersos polo bosque, algúns con troncos tan enormes que son difícilmente abarcables, deixándonos imaxes fermosas: as curiosas formas das árbores, as polas, ata os exemplares mortos son fermosos. O bosque en todo o seu esplendor, coa súa maxia, co canto dos paxaros e as pisadas dos nosos pés sobre as follas secas…

Xa con escaso desnivel dirixímonos cara á Collada Lechugal. As vistas son grandiosas ao ser unha zona clareada de vexetación, pois camiñamos por empedradas e pouco encharcadas pradeiras polas que debería discorrer a auga do desxeo, o que nos permite andar sen dificultade e gozar dunhas espléndidas panorámicas do encoro e a montaña de Riaño a medida que avanzamos.

Na collada Lechugal temos o merecido descanso, que aproveitamos para xantar e seguir gozando da grandiosidade da paisaxe, o Gilbo, Yordas, As Pintas, Llerenes… Como dicía Xerardo, comendo con esta vista panorámica, que máis se pode pedir!

Comezamos o descenso tamén entre bosques de carballo e xa por pista hai que levar coidado, pois nalgún tramo hai forte pendente. Percorremos a case totalidade do cordal de Ridéscaro, empregando a sua aba norte para baixar á collada de Éscaro ata a torreta de vixiancia. Aquí, logo de reagruparnos, imos na busca da Collada Las Vallejas, punto de encontro do percorrido mañanceiro. Só queda pouco máis dun quilómetro para chegar á beira da estrada onde iniciamos a ruta.

Tiña razón o Víctor cando comentou que esta ruta sexa posiblemente a etapa raíña da nosa estadía en Riaño. O esforzo viuse recompensado polas estupendas paisaxes e os marabillosos bosques que cruzamos. Unha ruta longa, moitos quilómetros de disfrute visual e moito tempo mergullados na maxia destes bosques e montañas.



Galería

Pola serra de Hormas


Deixa un comentario

*