Mirva e Rabanal

14-04-2017
Mirva e Rabanal
Facemos en sentido contrario o PR-LE 21, comezando a camiñar polo val de Rabanal e rematando na área recreativa de Mirva. A pesares de comezar nun val e rematar noutro, podemos considerala de tipo circular, pois hai moi pouca distancia entre eles; goza dun alto interese paisaxístico e natural.

O segundo día vainos deparar a que “posiblemente sexa a ruta máis bucólica de todas as que fagamos” segundo nos comenta o Víctor, e abofé que o foi, pois chaman a atención os fabulosos bosques de faias polos que imos camiñar.

Non houbo moito que madrugar, pois entre o cansos que estabamos do día anterior e o almorzo que nos deron, a cousa non estaba para présas. Aínda así saimos ás 9:15 no bus cara a Burón por unha fermosa estrada pegada ao encoro, que a esta hora nos deixaba uns fermosos reflexos dos montes na auga.

Datos técnicos

  • Lonxitude: 13 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio (335 m)

Facemos en sentido contrario o PR-LE 21, comezando a camiñar polo val de Rabanal e rematando na área recreativa de Mirva un tipo de percorido liñal que nos levará facelo unhas cinco horas aproximadamente. A pesares de comezar nun val e rematar noutro, podemos considerala de tipo circular, pois hai moi pouca distancia entre eles; goza dun alto interese paisaxístico e natural.

Ademais houbo opción de acadar o cumio de Parme dende Prao Llao, o que incrementou de xeito notable a dificultade da ruta, xa que implica facer uns 5 quilómetros a maiores e un desnivel de 500 m, tanto de subida como de baixada.

Comezamos a camiñar…

A ruta comezámola en Burón, situado nunha das colas do encoro de Riaño. Ainda que uns poucos metros por riba da cota dos 1100 m salvárono de quedar anegado, a igrexa e outros edificios como a escola tiveron que ser trasladados para non quedar baixo as augas.

Mirva e Rabanal

Logo de deixar Burón camiñamos aproximadamente un quilómetro pola estrada ata o val de Rabanal, comezámolo a percorrer por unha cómoda pista de terra nunha ampla e verde pradeira, acompañados por vacas e cabalos que nin se inmutan coa nosa presenza, que se vai estreitando a medida que nos imos adentrando nel. Ao chegar ao fondo do val, xa por sendeiro, comezamos o ascenso en zig zag cunha forte pendente ata o alto de la Giesta. Imos por un inmenso e mesto faial que imaxino coas cores do outono, debe ser espectacular, pois a penas se notan os primeiros brotes primaverais.

Mirva e Rabanal

No Alto da Giesta temos un merecido descanso pola forte subida que acabamos de facer, mentres nos reagrupamos e facemos unhas fotos cos Picos de Europa de fondo e os voitres ou alimoches (non sei distinguilos a simple vista), que andan enriba de nós dende que nos escoitaron… As vistas son moi fermosas.

Mirva e Rabanal

Mirva e Rabanal

Continuamos picando un pouco cara arriba. A subida é suave e culmina pronto nunha pista que nos conduce por unha ladeira de monte baixo o que nos permite ir vendo un fermoso e recollido val, ata que chegamos a unha encrucillada. Cara abaixo iríamos ata o pobo de Retuerto.

Mirva e Rabanal

Mirva e Rabanal

Continuamos camiño cara arriba, de novo baixo un bosque umbrío, pois hai que chegar ata o Prao Llao, onde gozamos de novo dunhas vistas que se abren a unhas excepcionais panorámicas dos macizos central e occidental dos Picos de Europa. O contrapunto dánolo o fondo do val onde está asentado Retuerto, no que apreciamos que aínda ten unha arquitectura de montaña ben conservada.

Mirva e Rabanal

Son impresionantes os exemplares de faia atopamos. Ata o Jaime e o Antón enredan por culpa deles!
– Antón! sácame unha foto entre estes dous fabulosos exemplares de faia… e que se vexa ben o seu maxestuoso porte! E ao Antón non lle chegou toda a pantalla da cámara… no curso de fotografía debeu quedar, segundo Jaime, no capítulo de “como sacar unha instantánea sen que se vexa enteiro o que queres contar”…  A pesares do balbordo que facemos, conseguimos escoitar ao peto (supoño que é o picamaderos negro que describen os paneis que hai pola ruta).

Mirva e Rabanal

Como o día está para camiñar e imos ben de tempo, pouco máis da metade do grupo anímase a intentar acadar o cumio do Parme (1914 m); o resto quedamos vendo como evoluciona a súa marcha dende Prao Llao, ao pé da torreta de vixiancia ou de posta, pois coido que por estas terras a caza é un recurso económico importante.

Mirva e Rabanal

Logo de xantar e estar un bo tempo vendo como ascenden ata o Parme entre neveiros, iniciamos o descenso polo val de Mirva. Boa parte do descenso discorre polo interior dun fermoso faial con algún exemplar impresionante. Os faiais encóntranse normalmente nas umbrías, indiferentes ao sustrato e dominados pola faia (Fagus sylvatica), con outros acompañantes como as sorbeiras (Sorbus aria) ou os capudres (Sorbus aucuparia). Tamén abundan algunhas especies de folla perenne, como o acivro (Quercus ilex) e algúns exemplares de teixo (Taxus baccata).

Mirva e Rabanal

Xa no val, continuamos por pradeiras rodeados de montes cubertos de bosques de faias. O andar é lento, pois baixamos agardando que o outro grupo nos alcance, polo que a sensación de placidez e as gañas de que isto non remate, fanme lembrar nas acertadas palabras de Víctor de que posiblemente sexa a ruta máis bucólica de todas as que fagamos. Unha marabilla!

Os caleiros de Burón

Ao chegar á área recreativa de Mirva, final deste fermoso percorrido, detéñome a ler un panel que ilustra un oficio pouco coñecido, a actividade dos caleiros, pois na mesma área hai restos de fornos que se utilizaban para fabricar cal. Os caleiros eran grandes fornos de pedra nos que se obtiña o cal mediante un proceso de combustión lenta da rocha caliza. Os fornos podían adoptar diferentes formas, e os de Burón semellan unha especie de cheminea, contruída en arenisca, material capaz de soportar as altas temperaturas que requería este proceso de transformación química co que se obtén o cal vivo.

O cal, disolto en auga e mezclado con area foi o morteiro utilizado na construción ata a chegada do cemento e o formigón, ademais de utilizarse para blanquear paredes ou enlucir fachadas, e incluso como desinfectante. A xeneralización do uso dos novos materiais a mediados do século pasado fixo economicamente inviable o mantemento destes caleiros artesanais, que foron abandonados progresivamente ata caer no esquecemento.

Mirva e Rabanal

Casa do Parque “Valdeburón”

Xa reagrupados en Burón, decidimos ir ata Lario a visitar a Casa do Parque Valdeburón, un dos centros de interpretación do Parque Regional de los Picos de Europa onde, a través de paneis e vídeos, nos ofrecen unha breve descrición deste espazo natural, cunha superficie superior ás 120.000 ha que se estende pola vertente meridional da Cordilleira Cantábrica, acollendo os cumes e relevos máis escarpados dela (Torre Cerredo, 2650 m), xunto coas cotas máis baixas de Castela-León, como a Ponte dos Papos, na garganta do Cares, a 320 m de altitude.

Informámonos da vexetación, onde conviven especies como a faia e o carballo, tipicamente atlánticas, con outras más mediterráneas como a aciñeira. Isto permite que albergue un tesouro faunístico de primeira orde: oso pardo, pita do monte (Tetrao urogallus), rebeco ou o lobo. Todo isto sen esquecerse do patrimonio social e cultural. Desde logo, é unha visita moi recomendable se queremos ter unha visión ampla deste parque rexional.

Ruta do val do río Aviouga

6 comentarios sobre “Mirva e Rabanal”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio