Porto de Horcadas

13-04-2017
Porto de Horcadas

Regresamos de novo a León, pero desta vez imos ás montañas do Alto Esla, na zona de Riaño, un dos lugares da Cordilleira Cantábrica máis fermosos para a práctica do sendeirismo. Considerada como unha das portas de acceso aos Picos de Europa pola súa proximidade, destacan as paisaxes dos seus vales, os bosques e os seus cumios. Anteriormente, o grupo de sendeirismo da USC xa estivera nesta zona leonesa, en Posada de Valdeón, pero desta volta visitamos a antesala dos Picos.

Hai que madrugar, pois temos por diante unhas seis horas de viaxe, pero coido que paga a pena xa que imos con moitas gañas de facer rutas de sendeirismo pola zona. En principio, a idea que temos é facer catro rutas, todas elas cun alto interese natural e paisaxístico. Estivemos aloxados en Riaño, no hostal Sainz, en réxime de media pensión, polo que ceamos e almorzamos no hostal.

Antes de instalarnos no hostal, fixemos unha parada en Horcadas, enclavado dentro do Parque Regional de Picos de Europa, que ocupa a parte occidental deste macizo montañoso. Logo de xantar na sua área recreativa as empanadas que encargou o Jaime aproveitamos para facer o PR-LE 25 Puerto de Horcadas, cun par de variantes, facéndoa ao revés de como está deseñada e ascendendo tamén ata o Pico Hato.

Datos técnicos


A ruta pódese considerar de dificultade media, aínda así hai que ter en conta que Riaño é unha zona montañosa, polo que hai que ter un bo estado de forma e estar habituado á práctica do sendeirismo.

  • Lonxitude: 7 km
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Comezamos a camiñar…

A ruta comeza na mesma área recreativa de Horcadas (1125 m). É un percorrido de tipo circular que nos leva ata os portos da zona, que goza de fermosas paisaxes e un alto interese natural. Despois de pasar por un túnel baixo a estrada que conduce a Riaño, iniciamos pouco a pouco o ascenso tendo a primeira parada en La Retuerta, dende onde xa temos unhas vistas moi fermosas das serras calizas do entorno de Riaño.

Porto de Horcadas

O duro comeza agora. A subida pola Hoz de los Escalones discorre por un terreo empinado e irregular que vai forzando os nosos nocellos. O percorrido por este escabrosa Hoz discorre entre xestas enormes, bidueiros, salgueiros, capudres e, a pesares destas agradecidas sombras, algún acórdase da empanada que tomou hai pouco… e a calor fai o resto. Hai que tomalo con calma.

Porto de Horcadas

Ao final desta empinada costa, atopámonos coa primeira das tres fontes que veremos ao longo do percorrido, a fonte de La Prada. Mentres nos reagrupamos e tomamos o necesario descanso volvemos gozar de excepcionais vistas panorámicas do pobo de Horcadas e o Gilbo ao fondo.

Porto de Horcadas

Xa queda pouco para chegar ao alto do porto de Horcadas, dende onde se domina unha vista impresionante de Peñas Pintas e das características serras calizas. Coroando o porto chaman a nosa atención varios picachos de rocha vermella que xurden no medio do verde pastizal, son os Picos del Diablo, cara a onde nos diriximos co fin de coroar o Pico Hato, de 1749 m de altitude.

Porto de Horcadas

Coméntanos Víctor que a ascensión está sendo moito máis sinxela nestas datas que cando veu el a preparala, pois ao non haber neve nin xeadas pódese subir facilmente. Na ladeira do Hato, sen sendeiro claro, cada un vai ascendendo por onde mellor o ve, pero sen ningunha dificultade.

No último treito para coroar o Hato o Víctor ten que botarme unha man, polos meus problemas de vertixe, pero esta decisión de subir compensa con creces pois as vistas son inmellorables.

Porto de Horcadas

 

Porto de Horcadas

O día non é moi claro pero, a pesares da pequena altitude en comparación con outros picos da zona, dende o Hato gozamos de boas panorámicas. Podemos distinguir perfectamente Carande, o pobo e o encoro de Riaño, picos tales como Peñas Pintas, Yordas ao norte, xunto cos primeiros cumios de Picos, máis lonxe os tres grandes da montaña palentina como son o Espigüete, Curavacas e Peña Prieta, así como o Jano e Jaido máis ao sur.

Porto de Horcadas

Esta ascensión ao Hato aumenta o grao de dificultade da ruta marcada no PR-LE 25, xa que implica facer uns 3 quilómetros a maiores e subir uns 200 m mais de desnivel (tanto de subida como de baixada).

Tras un pequeno descanso no cumio reanudamos a marcha. Na baixada, seguimos a gozar da paisaxe, vemos os Portos de Horcadas, por onde acabamos de pasar e ao fondo pódese ver algo do encoro de Riaño e boa parte da Cordilleira cos seus cumios algo nevados.

Porto de Horcadas

Especial interese ten o tramo de descenso e regreso ao pobo; primeiramente podemos ver restos de dous chozos e os seus respectivos redís de pedra; eran infraestruturas colectivas que utilizaban os pastores de Horcadas cando subían durante o verán para atender e vixiar o gando, pois este foi un pobo gandeiro que utilizaba esta zona do porto como pasto para o gando vacún entre xuño e mediados de agosto, cando era reemprazado por ovellas ata mediados de setembro.

Porto de Horcadas

Unha vez pasado o restaurado Chozo del Valle, mostra de como no pasado estes vales estaban máis frecuentados por gando e pastores, pero que na actualidade chega a ser complicado seguir polo que foron sendas de acceso, pois a falta de uso e a vexetación que as invade dificulta o paso, cruzamos xa pola Hoz Oscura, moi interesante dende o punto de vista xeolóxico.

Porto de Horcadas

A Hoz Oscura é un impresionante desfiladeiro oradado ao longo do tempo polo arroyo de Horcadas; de curto tramo, paso estreito e encaixonado entre elevadas paredes de rocha cuarcita… a verdade é que resulta moi agradable pasar por ela e, case sen dacatarnos, estamos xa nas Barcinielllas.

Porto de Horcadas

Porto de Horcadas

Non queda máis que seguir este bo camiño descendendo o val ata chegar a Horcadas, que cruzamos admirando o ben restaurado que está, sendo unha boa mostra de arquitectura popular, ata chegar á súa área recreativa onde finalizamosesta entretida ruta, unha ruta curta, pero intensa en canto a paisaxe.

Porto de Horcadas

Agora toca chegar a Riaño, instalarnos e tomarlle unha cervexa antes de ir cear. Isto promete!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Porto de Horcadas”

    1. Pois si. A verdade é que levamos roupa para calquera eventualidade (ata paraugas), pero o tempo que tivemos estivo de cine. Mágoa ver todo tan seco, pois comentáronnos que este non foi un inverno típico desta zona con chuvias e nevaradas.
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio