Petit Balcon Sud
O Petit Balcon Sud percorre todo o val de Chamonix e permite chegar ata Argentière en Servoz, pero nós quedámonos antes, en Chamonix, e en todos os momentos ofrece fermosas perspectivas sobre o val e a cadea montañosa do Mont-Blanc. Comezamos o percorrido no mesmo hotel Mercure Les Bossons, onde estamos aloxados. É unha ruta circular que nos leva por sendeiros que nos ofrecen excelentes e abraiantes vistas. Poderemos ver a impoñente cara norte do Mont Blanc e algúns dos seus glaciares como o Bossons e o Taconnaz. A ruta vai ata o centro da vila de Chamonix, a cal aproveitaremos para visitar. O regreso ao hotel farémolo camiñando practicamente polo mesmo percorrido.
É un itinerario sen grandes dificultades, con abondosos puntos panorámicos e zonas de bosque (abetos). Os tipos de camiños son variados: hai sendeiros polas zonas máis altas e camiños moi amplos nas zonas máis baixas.
- Lonxitude: 14 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: baixa‐media
Comezamos a camiñar…
Durante unha semana imos camiñar no entorno do macizo do Mont Blanc, un destino de referencia en Europa para a práctica do sendeirismo, ademáis de ser o berce do alpinismo, é o lugar ideal para practicar deportes de inverno como o esquí ou snowboarding. Hoxe fixemos a nosa primeira ruta por Chamonix, o Petit Balcon Sud, unha ruta circular que comezamos e rematamos no propio hotel onde nos aloxamos, en Les Bossons. Non madrugamos moito, pois o non ter que depender de traslados en transporte público e ser unha ruta doada permitiunos que quedáramos un pouco máis na cama e tomar con calma un bo almorzo, cousa que se agradeceu despois da viaxe de onte ata aquí.
Unha vez concentrado o grupo diante da porta do hotel, comezamos a andar pola estrada local que da acceso a campings e casas de turismo construídas case todas en madeira, nun entorno natural moi tranquilo, a pesar de ter a autoestrada a poucos metros. Non tardamos moito en cruzar o río Arve, que percorre todo o val, por unha pontella que nos deixa directamente no sendeiro que temos que percorrer.
Imos río arriba, o entorno non pode ser máis fermoso, e o pouco desnivel permítenos gozar plenamente desta paisaxe que temos diante, pois o sendeiro regálanos fermosas perspectivas sobre o val e a cadea montañosa do Mont-Blanc, destacando nestes primeiros pasos dous dos seus glaciares, o Bossons e o Taconnaz que Víctor nos amosa, e onde podemos apreciar directamente o impacto do cambio climático sobre os glaciares, apreciándose perfectamente na lingua terminal dos mesmos tanto a disminución da súa superficie como a do seu espesor. A pesar da distancia, as dimensións dos glaciares impresionan, pero tamén impresiona o alarmante grao de disminución que se aprecia neles, semellando que en calquera momento pode haber un desprendemento sobre o val.
Logo dun pequeno treito polo sendeiro á beira do río, desviámonos e comezamos a gañar un pouco de altitude zigzagueando e camiñando por un dos moitos carreiros, todos sinalizados, entre o cheiro dos abetos, pondo a proba a resistencia deste primeiro día. Tamén temos tempo de degustar os arandos ou framboesas que hai en abundancia neste marco excepcional.
Sen maiores dificultades cruzamos dúas ou tres torrenteiras, secas nesta época do ano, o que nos dá a idea da forza coa que debe baixar a auga do desxeo por estas pendentes. A fermosura da paisaxe obriga a que fagamos un par de paradas máis. A primeira ao pé dun banco, o que nos permite apreciar un val fortemente urbanizado no que, ademáis do núcleo urban de Chamonix, predominan as casas unifamiliares de pedra e madeira, perfectamente integradas no medio, e sobre elas a gran mole da cadea do Mont Blanc, na que destaca fronte a nós a Aiguille du Midi. Impresionante.
A seguinte parada facémola baixo a liña da telecabina Planpraz que ascende ata os 2000 m, unha apreciada zona de despegue para os parapentes, e o punto de saída de grandes camiñadas clásicas que chegan ata magníficos lagos de montaña. É outra forma de contemplar a cadea montañosa dos Alpes co seu inconfundible Mont Blanc coroando, maxestuoso, a cima. A actividade dos parapentes sobrevoando o val vai ser constante a partir de agora, e un dos nosos, Tato, ten programado para mañá un lanzamento dende Planpraz. Que envexa!
Tamén aproveitamos a parada para dar boa conta dos conguitos que nos mandou Carmen por Xerardo que, anque nolos raciona, están sentando de marabilla. Grazas Carmen! A temperatura comeza a afectar, pois estamos a padecer unha onda de calor nestes días, nos que se están a superar os trinta graos con holgura, pero ao transcurrir o sendeiro a menor altura (entre os 1000 e 1400 metros), atravesa paisaxes máis frondosas repletos de abetos, cipreses e coníferas que ofrecen un aspecto máis fresco e agradable que no val.
Iniciamos paseniñamente o descenso ata o centro de Chamonix, acompañados en todo momento coa visión dos parapentistas en descenso. Lóxico, pois entramos na cidade xustamente á beira dun campo de aterramento destes aparellos.
En Chamonix fixemos unha parada dunhas dúas horas para visitar a vila. Mentres algúns decidiron facer as súas primeiras compras, outros acudimos á Maison de la Montagne, un centro de obrigada visita pois nel infórmante do amplo abano de actividades que se poden facer neste entorno, así como contratar guías para facelas se o precisas. Tamén dispón dun pequeno espazo con paneis que nos informan sobre o clima de montaña, os glaciares, os séracs ou como está a afectar o cambio climático e unha gran maqueta do macizo do Mont Blanc que axuda a situarte neste entorno.
Logo de tomar as pertinentes cervexas na terraza da Brasserie du Rond Point (o persoal nada simpático, por certo), mercar algunha froita e dar un pequeno paseo polo centro, reunímonos de novo para regresar a Les Bossons e rematar a ruta no hotel. Abandonamos Chamonix por varias rúas ata que chegamos ao Lac des Gaillands, un fermoso lago artificial nun lugar que ofrece determinadas actividades deportivas como a escalada e de recreo ou, simplemente, un momento de descanso mentres goza da natureza e da contorna que te rodea.
En nada rematamos na ponte de madeira que cruzamos pola mañá para salvar o Arve, cheo tamén de actividade a esta hora, pasamos baixo a vía do tren e da autoestrada e chegamos a Les Bossons, facendo unha parada no camping Les Cimes antes de chegar ao hotel, que será o noso centro de reposición de líquidos despois de cada andaina. A Aiguille du Midi, e os glaciares Bossons e Taconnaz, van ser as nosas panorámicas dende a terraza do camping.
Sen dúbida unha fermosa primeira ruta como toma de contacto e adaptación a este entorno. Mañá máis!
Uf!!! qué precioso é todo!!!
Desde logo. Nesta ruta tiñámolo fácil, pois as vistas estaban na mesma dirección, pero noutras non sabías para onde mirar!