Bellevue. Bionnassay

Bellevue. Bionnassay

Para facer este percorrido temos que ir ata a localidade de Les Houches e para iso fixemos uso do transporte público (tren). Unha vez en Les Houches tomamos o teleférico que nos leva ata Bellevue, a 1800 m de altitude. A ruta comeza en descenso durante algo menos de dous quilómetros ata Le Planet (1550 m). Dende este punto faremos  un camiño de ida e volta ata a morrena do glaciar de Bionnassay (1750 m). Dende aquí temos moi boas vistas sobre o val do mesmo nome.

Voltamos a Le Planet e seguimos o noso camiño cara Pont des Places (1413 m) e L´Ormey. Aquí faremos outra derivación ata Le Champel (1200 m), por un camiño moi cómodo para gozar das vistas sobre o val de Montjoie. Regresamos a L´Ormey e cruzamos o río para achegarnos ao fermoso lugariño de Bionnassay (1326 m). Neste punto só nos queda regresar a Bellevue para coller o teleférico que nos leva de volta a Les Houches, e dende aquí o tren de volta ata Taconnaz, parada do noso hotel.

A ruta acumula un desnivel de máis de 800 m positivos e outros tantos negativos, polo que se require unha boa condición física. A paisaxe é espectacular durante todo o percorrido, e alterna zonas de bosque con aldeíñas, praderías e zonas máis altas. Os camiños son bos en xeral, predominando os camiños amplos, aínda que tamén hai sendas estreitas.

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: medio‐alto
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Bellevue. Bionnassay

Na segunda ruta da nosa estadía polos Alpes franceses tocou madrugar (ás cinco e media da mañá), e esa vai ser a tónica xeral no resto dos días por dous motivos: o ter que desprazarnos en transporte público obríganos a estar pendentes dos horarios e, fundamentalmente, para fuxir da onda de calor que estamos a padecer nestes días, procurando que nos afecte o menos posible comezando a andar cedo.

Bellevue. Bionnassay

Logo do copioso almorzo que nos metemos, achegámonos ata cercana estación de Taconnaz, onde collemos o tren que nos trasladou ata Les Houches, nun dos extremos do val de Chamonix. Desde esta vila, accedemos ao teleférico que nos deixa en pouco tempo a media montaña, Bellevue (1801 m), dende onde temos unha fermosa vista de Les Houches, e cara ao Macizo do Mont Blanc. Con nós sube máis xente pois dende este punto poden realizarse moitas rutas de sendeirismo.

Bellevue. Bionnassay

Logo de reagruparnos e de explicarnos o Víctor as características da ruta de hoxe, comezamos a camiñar pasando primeiramente sobre a vía do tren cremalleira, o tren de cremalleira máis alto de Francia, que sube ata Nid d’Aigle, e proporciona unhas vistas únicas sobre as Aiguilles de Chamonix e os Dômes de Miage. Seica este tren, inaugurado en 1913, tivo como obxectivo chegar ao Mont Blanc.

Bellevue. Bionnassay

Dende aquí, e en forte baixada, chegamos a Le Planet, un espazo de prados aberto no medio do bosque con dúas ou tres cabanas, onde fixemos unha derivación de ida e volta para ver de cerca a morrena do glaciar de Bionnassay. A medida que ascendemos (agora toca unha curta pero dura subida), adentrámonos de novo en zona boscosa, ainda que nos permite que teñamos nalgún momento unhas vistas impresionantes sobre o val de Bionnassay. Saimos do bosque e descubrimos o glaciar de Bionnassay. Impresionante.

Bellevue. Bionnassay

O de Bionnassay é un glaciar da vertente francesa do macizo do Mont Blanc. Atópase ao pé da ladeira norte da Aiguille de Bionnassay (4052 m), e baixa cara ao noroeste desde unha altitude de 4000 m ata 1800 m. É accesible subindo no tranvía do Mont Blanc ata a súa última parada, o Nid d’Aigle, e camiñando unhas 5 horas por un sendeiro bastante escarpado.

Bellevue. Bionnassay

Estou a ter un inicio de ruta un tanto frouxo e decido non descender co resto ata a ponte colgante (a pendente é bastante pronunciada), desde onde disfrutan da fervenza e torrente de auga produto da fundición do glaciar de Bionnasay.

Bellevue. Bionnassay

Déixolle a miña cámara a Alfonso para que me faga algunhas fotos do lugar e, ao velas, observo que a pasarela sobre o torrente impresiona, pero debe impresionar moito máis estar sobre ela! Dende alí obsérvanse perfectamente as paredes rochosas pulidas pola morrena lateral do glaciar antes de retroceder polo cambio climático. Xa de regreso a Le Planet, Víctor comenta que no inverno retiran as madeiras da ponte cortándose o paso, pero quen queira cruzar o torrente ten que facelo valéndose dos cables de aceiro.

Bellevue. Bionnassay

O camiño agora é de baixada e cruzámonos con multitude de camiñantes, familias, anciáns, nenos… unha auténtica marabilla ver como disfruta esta xente da montaña. Chegados de novo a Le Planet facemos un bucle por Pont des Places, L’Ormey e Le Champel. O camiño agora é máis doado, pois imos practicamente todo o tempo en descenso e por sendeiro, e podemos ir disfrutando da fermosura do val de Bionnassay.

Bellevue. Bionnassay

Neste tramo chama a atención a cantidade de paneis que ilustran ao camiñante sobre o espazo que está a percorrer, que nos falan do glaciar, dos trens cremalleira, ou das lendas, ou vías históricas de comunicación, ou do vello modo de vida destas xentes da montaña.

Bellevue. Bionnassay

Decidimos facer parada en Le Champel e xantar á sombriña dunhas árbores que moito se agradece, pois o sol xa está a apretar e supoñemos que estamos camiñando a máis de trinta graos. Coido que o facemos nunha finca privada, pero como non hai ningún tipo de muro e hai máis xente descansando, decidimos unirnos, pois estamos nunha atalaia gozando das vistas sobre o val de Montjoie coas suas aldeas dispersas entre bosques profundos e pastos de altura.

Bellevue. Bionnassay

Xa de regreso polo mesmo camiño de l’Ormey volvémonos afundir no bosque de coníferas, con árbores exemplares pola súa beleza e altitude, ata que acadamos un pequeno desvío que descende ata o torrente de Bionnassay. Cruzámolo por unha pequena ponte ou pasarela e vemos como baixa con bastante auga procedente do desxeo do glaciar homónimo.

Bellevue. Bionnassay

Iniciamos  a subida ata Bionnassay (1320 m) por un fermoso sendeiro acompañado do cercano murmurio do torrente. Accedemos ao lugar pola pequena capela, baixo a protección de Saint Laurent e Sainte Madeleine, atravesamos o pobo costaneiro con fermosas casas (case todas semellan ser segundas residencias), e comezamos o peor momento da andaina. Temos que gañar altitude soportando a forte calor.

Bellevue. Bionnassay

O camiño non pode ser máis fermoso, co torrente Bionnassay correndo polo fondo do val abríndose camiño entre grandes masas de abetos e, xa máis arriba, volvemos divisar o glaciar e a Aiguille de Bionnassay.

Bellevue. Bionnassay

Todo o que baixamos pola mañá estámolo a subir pola tarde, e con moita máis calor. Parece que non damos avanzado! Facemos unha breve parada para reagruparnos en Le Planet para, de novo, retornar a Bellevue.

Bellevue. Bionnassay

A parte máis dura deste percorrido é sen dúbida a empinada subida ata Bellevue, agora xa por sombra, o que axuda a sobrelevalo mellor. Mentres que pola mañá lle prestabamos a máxima atención ás raíces dos abetos para non tropezar con elas e ir ao chan, estas convértense agora en chanzos que axudan a superar o desnivel con axilidade. Notamos unha sensación de alivio cando divisamos a vía do tren de cremalleira, signo de que xa temos superado o máis complicado da andaina.

Bellevue. Bionnassay

Descansamos, facémonos unhas fotos co glaciar de fondo e só resta cruzar a vía do tren e chegar a Bellevue case dando un paseo, pois camiñamos por un entorno moi agradable, con vistas ao Macizo do Mont Blanc iluminado pola luz case de atardecer, pero cos cumios ocultos polas nubes. Aínda así, a escea parece case de postal.

Bellevue. Bionnassay

Non foi moi longa a espera polo teleférico que nos devolveu a Les Houches, onde decidimos facer os estiramentos  detrás da súa igrexa guiados por Rocío,e onde enchemos as garrafas de auga na fonte alí instalada. Coido que foi a andaina na que máis auga bebín!

Bellevue. Bionnassay

Sen dúbida, unha fermosa etapa de toma de contacto co que será a nosa estadía sobre o macizo do Mont Blanc pois mañá realizaremos a ansiada andaina polo Balcon Nord.

Mentres agardamos na estación para que nos recolla o tren, falo da ruta de hoxe con Xerardo e, ao falar do desnivel que salvamos hoxe, dime categórico: C’est la Montaigne mon ami! 

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio