Balcon Nord
Para facer esta ruta temos que coller o tren dende Taconnaz ata Chamonix, e aí o tren turístico (35 €) ata Montenvers (1950 m), onde comeza a ruta. O tren déixanos xusto enriba do glaciar de Mer de Glace, un dos máis impresionantes dos Alpes. O sendeiro vai todo o tempo entre os 2000 e 2200 m de altitude, o que fai que teña unhas vistas inmellorables sobre todo o val de Chamonix e o macizo montañoso de Aiguilles Rouges xusto enfronte. Chega ata Plan de L’Aiguille (2207 m), que é unha estación intermedia do teleférico da Aiguille du Midi. O regreso é polo mesmo camiño.
En Montenvers hai varias cousas interesantes para ver: A Galería dos Cristais (pequeno museo de rochas atopadas nos glaciares), o Glaciorium (pequeno centro de interpretación do glaciar), e a Cova de Xeo (literalmente escavada no xeo do glaciar, para acceder a ela hai que coller un telecadeira e logo facer unha baixada duns 15 minutos por escaleiras ata o comezo da mesma). Todo isto ten acceso libre co billete do tren.
O tren de Montenvers é un tren cremalleira. O percorrido dura uns 20 minutos e salva un desnivel de máis de 800 m cunha pendente do 20%. Esta liña férrea construíuse no ano 1909, como recurso turístico, para poder acceder ao glaciar.
- Lonxitude: 13 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Hoxe é o día grande. Tocou madrugar de novo, pois temos por diante unha xornada que coido será espectacular, na que realizaremos un dos percorridos míticos por estas montañas, o Grand Balcon Nord, dende Montenvers ao Plan de l’Aiguille. Como sempre, despois dun abundante almorzo, partimos cara a estación de Taconnaz para subir ao tren en dirección a Chamonix. Compre dicir que todos estes días estamos a usar o tren para desprazarnos ao inicio das rutas ao longo de todo o val, viaxes gratuitas coa tarxeta que nos deron por estar aloxados en calquera establecemento da zona. Moitas administracións españolas terían que aprender e potenciar os trens de cercanías en lugar de eliminalos…
Dende a mesma estación de Chamonix, desprazámonos poucos metros ata a estación contigua do tren de Montenvers, que marcha por unha vía de pendente pronunciada cunha cremalleira dentada, preparado para superar pendentes de entre o 7 e o 20%, que nos deixará a máis de 1900 m de altitude. Mentres agardamos na estación a que merquen os billetes deste tren turístico (35 €), o bulir de xente a esta hora da mañá é constante. Grupos de alpinistas con crampóns, cordaxes, cascos, moreas de mosquetóns ao cinto son os nosos compañeiros de viaxe. Así, a bordo do mítico tren vermello de cremalleira (este ano cúmprense 110 da súa posta en servizo), nuns vinte minutos chegamos aos pés do afamado Mer de Glace, o glaciar máis longo de Francia, cunha lonxitude de 7 quilómetros e 200 metros de profundidade, unha marabilla natural que os ollos han de ver case de maneira obrigada.
Na estación de Montenvers, xunto ao Mer de Glace, practicamente valeira a esta hora da mañá, reunímonos coa impactante e afiada Pirámide do Dru (3754 m) de telón de fondo, que comeza a amosarnos a primeiras raiolas de sol do día, un día inmellorable para camiñar e no que a temperatura, grazas a altitude na que imos andar, vai estar uns cantos graos menos ca no fondo do val. Reagrupámonos para que Víctor nos comente como cada mañá o desenvolvemento da andaina ademáis de amosarnos e explicarnos os puntos máis importantes do lugar onde estamos. E sen máis preámbulos, comezamos a camiñar.
O percorrido diríxenos primeiramente cara ao hotel-refuxio construído en 1880, pasando por baixo da vía do tren, e dende alí comezamos unha subida bastante tendida e cómoda e facendo longos zigzags, tendo sempre á fronte o Mer de Glace coas Grandes Jorases e a Aiguille du Grépon, como telón de fondo. Do outro lado, o val e as Aiguilles Rouges, vai ser a vista que teñamos ao longo do percorrido. Na subida, detémonos para localizar ao grupo de montañeiros que viaxou no tren con nós e van camiñando sobre o glaciar. Semellan formigas dende a nosa posición.
Se na etapa de onte, as raíces dos abetos polos sendeiros eran os nosos chanzos, neste tramo de hoxe vai predominar o camiño con moitas lousas a modo de escaleiras. Estas lousas van ter a súa máxima expresión no lugar chamado Signal Forbes (2204 m). Desde aquí temos a ocasión de gozar da mellor visión do Mer de Glace, e de admirar o espectacular río de xeo de máis de 7 quilómetros de longo, unha media de 180 metros de profundidade e un ancho que alcanza, en ocasións os 1000 metros. Á esquerda aparece a Arete des Flammes de Pierre, coroadas polas pirámides de Les Drus. Pechando a parte superior do glaciar, alá onde se unen os de Laschaux e o de Tacul, podemos discernir a base de Les Grandes Jorasses. Non temos máis remedio que deternos e admirar a paisaxe dende esta atalaia. Aos poucos dámonos conta da inmensidade do lugar. O lugar, formado por grandes bloques de rocha, está “adornado” por múltiples fitos, unha moda que non comparto en absoluto, pois modifica as paisaxes polas que andamos, e é pouco respetuosa coas montañas e os seres vivos que habitan nelas. Descansamos un pouco da subida, reagrupámonos e facémonos fotos, moitas fotos, co glaciar e as Grandes Jorasses de fondo.
Cambiamos de escenario e agora imos camiñar tendo á nosa dereita todo o val de Chamonix. Á nosa esquerda acompáñannos un conxunto de prodixiosas agullas (Blaitiere, Grepon, Ciseaux…) que flanquean algunhas linguas de glaciares. Nunha delas observamos un desprendemento de xeo, que coincide co noso paso e escoitamos perfectamente dende a distancia. O camiño é fácil, sen esixencias, convidándonos a deternos de cando en vez para admirar o suxerente entorno. Unha verdadeira marabilla.
Cruzámonos con cantidade de xente, moita, entre a que destacan grupos de xaponeses, que camiñan como centellas e tapados ata arriba, con paraugas incluido, para que non lles colla o sol. O percorrido ao pé das Aiguilles de Chamonix, culmina practicamente baixo a Aiguille du Midi, cuxa altitude, 3842 m, faina a máis alta de todas.
E chegamos ao Refuxio do Plan de l’Aiguille (2207 m), dende onde temos unha fabulosa vista da lingua terminal do glaciar de Bossons, a fervenza de xeo máis grande de Europa que descende desde o cume do Mont Blanc ata o val de Chamonix-Mont-Blanc. Se dende o hotel onde nos aloxamos a visión do glaciar impresiona, dende aquí é sobrecolledor ver como esta inxente masa de xeo parece pendurar e que en calquera momento se vai desprender sobre o val.
Aquí despedímonos de Celia e Domingo, que van coller o teleférico que baixa a Chamonix dende as cumes da Aiguille du Midi e que ten parada nunha estación intermedia a 2233 m de altitude, un pouco máis arriba de onde estamos. Esta é unha opción que fan moitos excursionistas: subir ata este punto no teleférico e camiñar ata Montenvers, para regresar de novo a Chamonix no tren cremalleira, e abofé que atopamos xente optando por esta posibilidade! (coido que a combinación de billetes teleférico-tren pódese adquirir polo prezo de 21 €).
Permanecemos un bó rato admirando a paisaxe, practicamente en silencio, interrompido polo pequeno balbordo que hai na terraza do bar. Logo de descansar un bó rato na parte superior do refuxio e contemplar o cercano glaciar de Bossons e todo o val de Chamonix, iniciamos o regreso camiñando de novo polo carreiro que se estende baixo ás agullas da alta montaña. O sol apreta nesta hora do día e non hai un só lugar á sombra que nos permita xantar ao grupo ata a parte final do percorrido.
En pouco máis dunha hora chegamos a un indicador que nos desvía cara a esquerda, en lugar de subir de novo ata Signal Forbes. Adentrámonos así en zona boscosa, a primeira do día, e decidimos parar para xantar no mesmo sendeiro, tendo que deixar paso ao contínuo goteo de xente. A baixada é rápida, e nalgún momento preciso de axuda para salvar algún tramo dificultoso, saltando entre escalóns de pedra ou recorrendo o sendeiro ao pé de enormes árbores, incluso tivemos algún tramo estreitiño e con fortes desniveis pola esquerda, mesmo nalgún punto con cadeas na parede para agarrarse. Como di Xerardo, un auténtico sendeiro montañeiro.
Unha hora despois, chegamos ao Hotel de Montenvers. De fin de andaina tivemos ocasión de ver como un helicóptero facía labores de aprovisionamento cunha destreza e rapidez impresionantes.
Finalizada a ruta, un grupo numeroso decidiu descender un pouco máis cara ao Mer de Glace. A partir do bar panorámico xunto á estación do tren de cremalleira, hai un camiño que baixa ata o miradoiro do Mer de Glace e a Cova de Xeo, pero optaron pola telecabina, que era de balde ao ir incluída no cartón Multipass. Unha vez no Mer de Glace accederon á gruta de xeo, escavada no propio xeo, tras baixar unha escaleira de 400 pasos.
Segundo me comentou Alfonso cando volveu, a cova é fantástica. Unha experiencia única, e paga moito a pena baixar. O xeo toma unhas tonalidades estranas, case irreais. Ao iluminalo, pódense apreciar as pequenas burbullas de aire e pequenas pedras, que quedaron atrapados no seu interior, no nacemento do glaciar, varios centenares de anos antes. Só imaxinar que este prodixio natural perdeu nos últimos 150 anos máis de 180 metros de espesor e 3 quilómetros de lonxitude, dános unha idea do que foi e, probablemente nunca máis será, xa que a súa condena á morte esta prevista nos próximos 30 anos.
Eu preferín quedar na zona da estación e tomarlle unha cervexa antes de dar unha volta polo entorno, ver a Galería de Cristais, unha pequena galería excavada na pedra que amosa pezas de cristais de cuarzo enormes, procedentes da serra do Mont Blanc. Pero o que marabilla desde a estación é observar a morrena terminal do glaciar e contemplar a panorámica do Mer de Glace, Les Drus á fronte e Les Grandes Jorasses ao fondo, co comezo do Vallée Blanche e Les Grands Charmoz á dereita. Unha visión que quero conservar na retina por moito tempo.
É hora de pensar no regreso, pois as moreas de xente que hai nesta hora obriga a que nos poñamos á cola para tomar o tren de cremalleira que nos leve a Chamonix de regreso, se queremos baixar todos xuntos. Conseguímolo, anque coido que algún ten que facelo de pé. Xa en Chamonix, e diante da mesma estación do tren facemos os estiramentos guiados por Rocío, que tan ben nos sentan para seguir tendo un bo fondo físico. Sen que sirva de precedente, ata Xerardo se apuntou…