Pazos de Arenteiro – Leiro e San Clodio

Pazos de Arenteiro - Leiro e San Clodio
  • Lonxitude da ruta: 13 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media-baixa

Antes de comezar a ruta e mesmo ao cruzar a ponte que nos leva a Pazos atopámonos cuns veciños na rúa atarefados coa matanza de dous porcos e utilizando aínda as pedras para limpar a súa pel, unha vez chamuscados con fieitos (nada de soplete!, como me comenta un deles).

A andaina iniciámola no mesmo Pazos de Arenteiro, onde observamos a beleza das súas rúas e os seus edificios, así como o seu marabilloso entorno. Pazos de Arenteiro, en Boborás, é conxunto histórico de cascos urbanos declarados como tal. En Pazos de Arenteiro botou fondas raigames a nobreza do viño. Fidalguía apiñocada en gran número de casas grandes: Casa de Arriba, Casa e Granxa do Mato, Casa do Ouro, Pazo de Cervela, Pazo de Feixóo, Pazo do Currelo, Pazo dos Tizón e Pazo de Laxas. Otero Pedrayo, en O libro dos amigos, evoca o día que pasou en Boborás con Risco e Losada, en Moldes e gozando da ponte ilustre e das adegas de Pazos de Arenteiro. O lugar foi declarado conxunto histórico en 1973, tendo no seu haber un gran número de construcións pacegas, das que Otero salienta o pazo dos Cervela. Sobresae a románica igrexa de San Salvador, que formou parte dun antigo mosteiro. O viño foi elemento singular da zona, a fonte de riqueza que propiciou a proliferación dos pazos.

Baixamos cara o río Arenteiro para coñecer as súas pontes medievais e, cruzamos a Ponte de Pazos de Arenteiro, construída entre os séculos XII e XVI. Componse de dous arcos de medio punto de distintas dimensións. Sobre o maior, pódese ver a Cruz do Santo Sepulcro e a figura dun santo descoñecido. O río regálanos neste tramo unha paisaxe preciosa, sitio que por certo recomendo visitar: un paseo dende Pazos de Arenteiro ata o Pozo dos Fumes, escoitando o suave ruxir do río Arenteiro, antes de desaugar no Avia.

Noutrora, as dúas beiras do Avia estaban unidas por outra ponte, coñecida como Ponte da Cruz. Tiña catro arcos e resultou moi danada durante os combates entre os veciños e as tropas de Napoleón. Logo continuamos ata Leiro, atravesando bosques e regatos e algunha aldea abandoada como Conventiño. Practicamente imos por unha “alfombra” de follas secas e, xa no concello de Leiro no lugar de Ribeira, moi perto de Lebosende, os viñedos son o cultivo imperante, aínda que  as mimosas invaden boa parte das terras. Unha pena que estas acacias sexan tan bonitas pero tan dañinas.

Lebosende é unha das nove parroquias pertencentes ao termo municipal de Leiro. Un punto inmellorable para pararnos a admirar a paisaxe do val, pois por algo é denominado o Balcón do Ribeiro. Aquí destaca a Igrexa de San Miguel de Lebosende, de estilo románico con arquivoltas semicirculares sobre columnas acodilladas na súa portada principal. O resto da edificación corresponde a obras realizadas no s. XVI, como é a bóveda de pedra e madeira e esculturas e pinturas do seu interior.

Comezamos o descenso para chegar a Leiro, onde  fixemos a parada para xantar, e logo un agradable percorrido pola beira do río Avia. Leiro aséntase á beira do Avia, sobre o solo máis baixo, húmido e rico da zona. O fondo do val, situado a só 100 m sobre o nivel do mar, conta con cálidos veráns e suaves invernos, un microclima específico ao que contribúe a humidade que xera o Avia. Segundo nos afastamos de Leiro, o terreo vaise elevando paulatinamente. As parroquias de Orega e Serantes, a pouca distancia de Lebosende, xa se atopan a 300-400 m. Se seguimos avanzando en paralelo ao Avia, ao chegar á parroquia de Lamas teremos ascendido ata os 500-600 m. Estas tres alturas, coas súas características propias de solo e vexetación, son coñecidas como “ribeira”, “bocarribeira” e “montaña”.

Visitamos tamén o mosteiro de San Clodio. Otero Pedrayo, no ensaio sobre a cultura galega, expresa que Galicia é un país de mosteiros desde o século X. San Clodio ou Oseira representan o poder perdido da Igrexa, nunha sociedade galega en plena transformación a finais do XIX. No mosteiro de San Clodio destaca a súa igrexa, que conserva unha das tres fachadas orixinais do císter en Galicia. Este monumento histórico nacional é declarado BIC en 1981, e actualmente funciona como hotel, converténdose no primeiro Hotel-Monumento de Galicia.

Regresamos, pero dando unha pequena volta polo Campo de Santo Antonio ata a ponte de San Clodio para cruzala e chegar a Leiro pola outra beira do Avia. Unha xornada redonda!


Ver Pazos de Arenteiro-Leiro-San Clodio nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio