Muíños do Folón e do Picón

26-02-2011
Ruta polos Muíños do Folón e do Picón (O Rosal)
  • Sábado, 26/02/2011
  • Lonxitude da ruta: 15 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar na Ponte das Penas aproveitando o sendeiro sinalizado dos Muíños do Folón, durante un bo treito fomos vendo unha enorme cantidade de muíños restaurados, practicamente ata chegar ata o alto de Olleiros. Hai 36 muiños de Folón, que consta de tres sectores. O sector inferior, que xa comeza na Ponte das Penas (muiños 1-9), o medio (10-15) e o sector superior (muiños 16-36). Este último sector de muiños resulta algo verdadeiramente único, xa pola súa sensacional disposición, xa polo seu atractivo impacto visual, situados un tras outro en forma de escaleira ou cascada para aproveitar o paso de auga e aumentar a súa forza motriz.

Neste punto desviámonos da ruta sinalizada cara ao alto do Campo do Couto, a máis de 553 m de altura sobre o nivel do mar e a menos de 2 km do mesmo. Este é un magnifico mirador natural sobre a comarca e a costa atlántica, pero atopámonos coa néboa e témome que non poderemos apreciar as marabillosas vistas cara ao Val rosaleiro, a desembocadura do río Miño e Portugal. Como a néboa persiste, imos xantar. Haberá que esquecerse das vistas e deixalas para outro día… que mágoa.

Continuamos cara o Alto do Pozo. A néboa persiste. Disque dende aquí se ve Santa María de Oia, e que hai unhas vistas impresionantes do municipio, a súa costa e o seu mosteiro, incluso as illas Cies en dias claros (outra vez será…). Unha vez pasada a Poza dos Corvos comezamos o descenso cara o río Cal, que ao levar moita auga tivemos que descalzarnos para cruzalo. Unha gozada!!

A medida que descendemos, a néboa vaise disipando e, unha vez calzados, a seguir camiño ata os muíños do Picón. Á esquerda da pista, podemos ver no alto dos muiños  unhas lousas coñecidas como “o nivel”. Neste punto, unha arqueta equilibra e reparte en iguais cantidades para O Folón e O Picón a auga que procede do monte. Iniciamos o descenso percorrendo a serie de 21 muiños da zona de O Picón. Forman grupos cinco, tres ou dous muiños e en menor medida tamén os atopamos aillados. Rematamos a ruta na mesma ponte onde a iniciamos.

Os muíños do Folón e do Picón son un dos conxuntos etnográficos máis importantes de Galicia,  declarados Bens de Interese Cultural pola Xunta de Galicia dende 1998, e está considerada como unha das maiores concentracións de muíños fluviais de toda Europa. Desde o ano 1990 o concello de O Rosal emprendeu unha intensa labor de rehabilitación. Estes muiños son dos séculos XVII-XVIII, e foron obra dos veciños de Martín e Picón (xuradía de Fornelos) e que nunca tiveron dependencia algunha –tal e como se pensaba- dos monxes do Mosteiro de Santa María a Real de Oia. Na actualidade están cedidos polos seus propietarios ao concello de O Rosal por 25 anos para explotación turística.

 


Ver Muiños do Folón e do Picón (O Rosal) nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio