Excursión MPG: Traba, Camelle, Batáns do Mosquetín, Torres de Allo
Xeira de socias e socios do Museo do Pobo Galego á Costa da Morte o sábado 12/03/2011.
Camelle non é Camelle
que é un porto de mar:
onde navega o meu amante,
onde o vin navegar
A xeira de hoxe é guiada por Manuel Vilar, que oñece esta terra case como a palma da man. Primeiramente, levounos ata a igrexa parroquial de Santiago de Traba, no corazón do val de Traba e onde se celebra unha importante romaría o cuarto domingo de agosto: os Milagres. A igrexa é construída entre o s. XIII e o s. XVIII e do románico consérvase a nave, rectangular, cunha ábsida cuadrangular, abovedada. Tamén son románicos os muros da ábsida, a ventá do muro posterior, os contrafortes do muro sur e os canzorros da cornixa. No barroco realízanse remodelacións que se observan no retablo do altar maior (de tendencia rococó) e a fachada, que se define como unha fachada-retablo: columnas salomónicas, a figura de Santiago ecuestre nunha fornela e, superposta, a figura da Virxe subindo ao ceo co Padre Santo recibíndoa. Nos laterais sitúanse as imaxes de San Pedro e San Francisco e, baixo elas, Adán e Eva. Destaca a espadana de dous vans con arcos de medio punto, rematada no corpo superior por tres pináculos.
Logo fixemos unha parada en Mórdomo para ver o seu figueiral, cantado por Eduardo Pondal; achegámonos ata unha casa con escudo e, por falta de tempo, quedamos sen dar un paseo polo inmenso areal e achegarnos á lagoa.
Dende Mórdomo, aldea ao pé do areal de Traba (Laxe), saimos andando cara a Camelle. Esta bonita excursión pola costa de Traba a Camelle, vainos amosar as singulares formacións rochosas do Porto dos Carros, onde remata o concello de Laxe, cruza un corto tramo do concello de Vimianzo e chega ata Camelle polo Coido de Sabadelle. A pesares de ameazar chuvia, tivemos unha mañá preciosa, co mar embravecido, como hai que disfrutalo no inverno. Son dignas de ver as fermosas formacións graníticas da Punta da Cruz de Rosa que, desgastadas polo mar, adquiren formas caprichosas que se asemellan a dragóns e outros animais mitolóxicos.
En Camelle paseamos polo porto, e vimos os restos do Museo de Man no espigón e, como xa apretaba a fame, fomos xantar a Pasarela, Vimianzo, onde demos conta dun bo cocido… e dunha boa conversa.
Xa pola tarde, fixemos unha visita aos batáns de Mosquetín, tamén en Vimianzo, un conxunto etnográfico que está formado por sete muiños e tres batáns, nun bo estado de conservación grazas ás obras de restauración da Deputacion da Coruña, dos cales é dono. No seu interior aínda conserva as antigas maquinas de moer e de abatanar o liño. O liño abatanábase para darlle máis consistencia as teas, agrupando mais os fios de liño.
A estrada de acceso ás Torres de Allo (Zas) é un fermoso camiño bordeado de vellos carballos, que sae da C-552, á altura do km 58, lévanos a este fermoso pazo (hoxe reconvertido en museo e punto de atención turística da Deputación de A Coruña), construído polo fidalgo Gómez de Rioboo Vilardefrancos pola primeira metade do século XVI. A súa restauración interior deixa bastante que desexar. As Torres é un moi bo exemplo de arquitectura civil galega ademáis de ser un dos pazos máis antigos de Galicia. Para rematar, fixemos un pequeno paseo ata a igrexa parroquial e o novo cemiterio, que me chamou moito a atención polo ben que está asimilado á paisaxe. Para min, un exemplo a imitar neste tipo de construcións.
Día fermoso e completo. Disfrutei coma un anano, a pesares de perderme o roteito da USC ao río Belelle. Non se pode estar en todo!