Parque Nacional de Monfragüe

15-04-2022
Parque Nacional de Monfragüe

Achegámonos ata Villarreal de San Carlos, unha das portas de entrada ao Parque Nacional. Faremos unha das rutas oficiais que se poden levar a cabo no Parque e que, durante o seu transcurso, nos amosa os elementos máis interesantes do mesmo: os seus bosques, o Castelo, o miradoiro do Salto del Gitano e unha gran variedade de paisaxes. O percorrido é circular e, ao rematar, temos ocasión para poder coñecer o Centro de Visitantes e Centro de Interpretación do Parque.

Monfragüe foi declarado Parque Nacional no ano 1979, o que serviu para evitar que enormes plantacións de eucaliptos acabasen coa súa biodiversidade. Son algo máis de 18000 ha de superficie protexida. Nos últimos anos o Parque consolidouse como un verdadeiro santuario para a observación de aves: voitres leonados, voitres negros, voitres brancos, cegoñas negras e a aguia imperial son algunhas das xoias da coroa deste espazo natural.

MIDE: Monfragüe

  • Horario: 5 h
  • Desnivel de subida: 600 m
  • Desnivel de baixada: 600 m
  • Distancia horizontal: 16 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do Medio Natural: 2
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Comezamos a camiñar…

Tiña moitas gañas de coñecer Monfragüe e por fin, hoxe, vou cumprir este desexo. Houbo que madrugar, non moito, pois a viaxe dende Plasencia é curta e sobre as nove xa estabamos comezando a andaina. O motivo de ir cedo é dobre, por unha banda, aproveitamos as primeiras horas da mañá para camiñar, máis frescas, pois pronostícase unha suba das temperaturas en torno aos 26/28 graos nas horas centrais do día e, por outra, evitar na medida do posible, a gran afluencia de xente que se agarda no Parque nestas datas festivas.

Parque Nacional de Monfragüe

O bus deixounos un pouco máis abaixo de Villarreal de San Carlos, no aparcadoiro onde ten permitida a parada á beira da estrada EX-208. Dende aquí, descendemos e cruzamos a nova ponte sobre o encoro, onde centos de avións comúns, que non paran de voar, chaman a nosa atención.

Parque Nacional de Monfragüe
A Fonte do Francés, chamada así en lembranza de Maurice Jonson, un mozo que a finais dos 70 morreu mentres tentaba salvar a unha rapaz que se estaba afogando no encoro. Foto de Xerardo

Na outra beira, á altura da Fonte do Francés, vemos como a base da plataforma da ponte está chea de niños de barro en forma de cunca pechada onde os avións entran e saen sen parar.​ A Fonte do Francés sérvelle a Víctor para reagruparnos e comentarnos o desenvolvemento da xornada, ademais de comentarnos a curiosidade de que no Parque Nacional teñen unha maneira moi peculiar de nomear as sendas oficiais por cores. A ruta vermella, a verde, a amarela… Nós imos facer a Vermella, que é a máis longa de todo o parque, unindo tres tramos circulares que nos ofrecen a posibilidade de visitar os puntos máis emblemáticos do Monfragüe.

Parque Nacional de Monfragüe
O ascenso cara ao castelo por un fermoso sendeiro entre sobreiras e aciñeiras e cunhas vistas sobre o val é espectacular

Xunto á Fonte optamos por subir polas escaleiras que levan ata o castelo de Monfragüe. Estes primeiros pasos facémolos pola ladeira umbría e a temperatura é moi agradable, polo que xa comezamos a desprendernos de roupa rapidamente, mentres ascendemos por un fermoso sendeiro entre sobreiras e aciñeiras. O castelo, en pleno corazón do Parque Nacional, non só está cargado de historia, senón que dende a súa torre da homenaxe se obteñen unhas das mellores vistas panorámicas do parque.

Parque Nacional de Monfragüe
Fotógrafos con tremendos obxectivos e prismáticos apóstanse cara a Peñafalcón

Unha vez acadado o cume, onde se atopa o Castelo de orixe árabe (século XII) e a Ermida da nosa Señora de Monfragüe, podemos gozar das panorámicas desde calquera punto do recinto, aínda que hai un par de miradoiros sobre Peñafalcón que son os que captan a nosa atención. Nun deles, sobre unha plataforma, están apostados un par de fotógrafos con tremendos obxectivos que fan que dirixamos a nosa mirada cara a Peñafalcón, onde vemos tres ou catro voitres pousados sobre as rochas.

Parque Nacional de Monfragüe
Os voitres son moi fáciles de observar, pois descansan en calquera das altas rochas do parque

O silencio é case sagrado e intentamos non molestar moito, polo que me dirixo ao outro punto da muralla onde, ademáis de Peñafalcón, temos unha panorámica máis ampla do encoro do Tajo cara á ladeira pola que acabamos de subir. En fronte, en primeiro termo, vemos como desemboca o arroio Malvecino nas augas do Tajo, flanqueado por un frondoso bosque de ameneiros e freixos. Na outra banda vemos unha zona de repoboación de aciñeiras e sobreiras, tras a eliminación dos eucaliptos plantados anos atrás. A paisaxe é inmensa e non paramos de facer fotos e de admirala!

Parque Nacional de Monfragüe
A desembocadura do Malvecino nas augas do Tajo, flanqueado por un frondoso bosque de ameneiros e freixos, e as amplas vistas dende este miradoiro son abraiantes

Outro punto dende onde gozar das vistas é a propia torre da homenaxe do castelo, á que sube parte do grupo, pois dende alí obtéñense unhas das mellores vistas panorámicas de Monfragüe. Eu decido quedar nestoutro miradoiro para sacar unhas fotos sobre o encoro e toda a ladeira por onde viñemos cando quedo sorprendido polo voo maxestuoso de varios voitres, que parecen aproveitar as correntes de aire que se xeran no val. Menuda sorte acabo de ter: contemplar o espectacular planeo dos voitres leonados por riba deles!

Parque Nacional de Monfragüe
Contemplar o espectacular planeo dos voitres leonados por riba deles foi marabilloso

Hai que seguir, polo que continuamos polo Itinerario Vermello do Parque, que nos leva agora ata o miradoiro do Salto del Gitano. Primeiramente, baixamos ata acadar a estrada asfaltada. Toca disfrutar desta fermosa estrada deixándonos levar, pois a baixada por ela permítenos ir contemplando o voo destas rapaces e como se asentan coas crías sobre as rochas escarpadas. Tamén as vistas panorámicas teñen o seu aquel, con inmensas dehesas que se perden no horizonte. As moreas de xente que nos imos atopando a partir de agora vai ser constante, pero o disfrute da paisaxe e das aves que tivemos no castelo, practicamente sós, compensaron o madrugón. Que ben fixemos!

Parque Nacional de Monfragüe

Para evitar subir esta costa ata o castelo, algunha xente elixe o autobús turístico que oferta de maneira gratuita o Parque e que sae dende o aparcadoiro que hai máis abaixo. Pero nós imos ao noso e, xa no aparcadoiro, continuamos por unha fermosa senda á beira da estrada que nos conduce ata o Salto del Gitano.

Parque Nacional de Monfragüe
Numerosas matas de cantueso (Lavandula stoechas), xunto con outra flora de tipo mediterráneo, exténdese por todo o parque nacional

Coa silueta do castelo por riba de nós, camiñamos entre vistosas flores de estevas, tomiño, xestas, cantueso… pois Monfragüe é unha das zonas máis extensas e mellor conservadas do bosque e mato mediterráneo, un espazo diverso e pouco transformado, pero fráxil, polo que debemos ter coidado cando camiñamos por estas paraxes e non sairnos dos carreiros polos que andamos.

Parque Nacional de Monfragüe

Fronte ao miradoiro do Salto del Gitano álzase a impoñente mole de Peñafalcón, un impresionante cortado de cuarcita de trescentos metros de desnivel que se esborralla sobre o río Tajo, refuxio e lugar de nidificación de ducias de voitres leonados. No miradoiro escoito a conversa que ten Alfonso cun matrimonio maior, veciño destas terras, que se emocionan ao falarlle de cando non había encoro e pasaban coas ovellas pola outra beira do río na busca de pastos, lembrándonos que na inmensidade desta natureza salvaxe, o ser humano deixou a súa pegada: fontes, chozos, pontes, vellos camiños que nos falan dunha cultura milenaria do mundo rural.

Parque Nacional de Monfragüe
O planeo dos voitres leonados en torno ao Salto del Gitano é constante

Estamos ante unha das paraxes máis espectaculares de Monfragüe e a cantidade de xente que se amorea en torno ao miradoiro habilitado fronte ao Salto, fai que non dediquemos moito máis tempo a contemplar o planeo dos voitres leonados a bastante altura, escea da que gozamos moito máis dende o castelo practicamente sós. Como se voasen só para nós!

Parque Nacional de Monfragüe

Agora entramos nun carreiro practicamente sen pendentes, que discorre entre a estrada e o río, polo que imos gozando das vistas do encoro do río Tajo e da vexetación, e compre ir en silencio pois os trinos de paxaros son suficientes para facernos disfrutar do entorno. Tamén aquí nos cruzamos con gran cantidade de pequenos grupos que veñen en sentido contrario, camiño do miradoiro. Semella que a maioría da xente opta por visitar primeiro o Salto del Gitano, para subir logo ao castelo pois a pendente é menos dura que na opción que escollimos nós esta mañá.

Despois duns 40 minutos aproximadamente camiñando por este carreiro chegamos á área de descanso próxima á Fonte do Francés. A pesar de estar ateigada de xente, demos collido un par de mesas contiguas, suficientes para poder descansar o grupo e alimentarnos un pouco.

Logo desta pequena parada, dirixímonos de novo ata a Fonte do Francés, pechando así un dos círculos desta ruta Vermella, e iniciamos a subida polo mesmo camiño da mañá que conducía ao castelo. Acadados bastantes metros de desnivel novamente, abandonamos o camiño do castelo, tomamos a senda que hai cara á esquerda e continuamos pola umbría Serra de las Corchuelas, lugar de exuberante vexetación, onde érbedos, sobreiras, carrascas e o recende das estevas acompañan o noso paso. Non tivemos neste treito mellor momento para recoñecer a presenza de gran variedade de aves, sendo a primavera a mellor época para escoitar os seus cantos que anuncian o inicio da reprodución.

Parque Nacional de Monfragüe
Seguimos gozando da sombra e da vexetación pola umbría Serra de las Corchuelas

A situación na zona de umbría da serra fai que durante gran parte do día estea á sombra, existindo unha menor temperatura e unha maior humidade que noutras zonas do Parque, polo cal é unha das zonas máis agradables para percorrer no caloroso día que nos tocou hoxe.

Parque Nacional de Monfragüe
A Ponte do Cardeal é un dos puntos emblemáticos da ruta no que compre facerse unha foto de recordo, e nós fixémola!

Iniciamos agora un continuado descenso que nos vai deixar ao pé da casa dos peóns camineros, outra das singularidades deste traxecto polo Parque, entorno que aproveitamos para xantar e descansar, tendo como panorámica o encoro, moi mermado de caudal, e a Ponte do Cardeal. A ponte do Cardeal é un dos lugares emblemáticos de Monfragüe, unha construción do século XV polo que durante anos transitaron os comerciantes e que durante a Guerra da Independencia se dinamitou para impedir o paso dos franceses.

Parque Nacional de Monfragüe
Ponte do Cardeal, construída no século XV

Continuamos polo itinerario Vermello, agora apretando o sol, pero levámolo ben. Un dos seus atractivos é pasar pola ponte do Cardeal, a condición de que non estea cuberto pola auga, claro, que é algo que ocorre co desembalse que hai nesta tempada, e do que dan fe as pedras arrastradas do pretil. Esta circunstancia semella bastante inverosímil dado o baixo nivel actual da auga embalsada.

Parque Nacional de Monfragüe
Cruzada a ponte, o primeiro tramo de subida pola antiga estrada é moi levadeiro

Cruzada a ponte emprendemos unha subida pola antiga estrada que nos leva primeiramente ata o merendeiro-miradoiro cuberto da Ponte do Cardeal, desde o que observamos, ademáis da ponte, a unión dos ríos Tajo e Tiétar.

Parque Nacional de Monfragüe

Agora si que apreta a calor, e continuamos o ascenso entre esta vexetación tan marabillosa exposta á incidencia directa do sol, nun ambiente tan seco. Unha vez arriba, antes de chegar a Villarreal de San Carlos, tomamos un pequeno camiño á dereita que nos leva nun cómodo e curto paseo ata o almez de Lugar Nuevo, que se encontra no Huerto del Ojaranzo, catalogado como árbore singular de Extremadura. Nunca vira un e, a primeira vista, semella ser unha faia. Que marabilla de árbore!

Parque Nacional de Monfragüe
A pesar de apreciárselle talas nalgunhas polas, o almez de Lugar Nuevo é impresionante

Logo de descansar un anaco ao seu pé nunhas mesas e bancos habilitados, reemprendemos a marcha pois xa hai gañas de tomar a cervexa. Pasamos por diante de chozos da Cañada Real Trujillana, cabanas onde antigamente os gandeiros durante a trashumancia se podían refuxiar e durmir, estando hoxe habilitados como chozos de educación ambiental.

Parque Nacional de Monfragüe

Logo de facer os estiramentos, e despois de admirar as casas tradicionais de pizarra de Villareal, achegámonos ao Centro de Interpretación da Natureza. O percorrido polas súas salas preséntanos dunha maneira orixinal e suxestiva a natureza e os ecosistemas do Parque con maquetas, paneis interpretativos e sons da natureza, que sirven para dar resposta a toda a serie de preguntas e inquedanzas que tivemos na xornada de hoxe. Moi recomendable a visita a este pequeno centro de interpretación.

Parque Nacional de Monfragüe

E sen máis demora achegámonos, rúa arriba, ao primeiro bar que nos atopamos para saborear unhas cervexas que nos souberon a gloria! Que rutaza!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio