Monsanto. Rota dos Barrocais
Monsanto é unha desas aldeas portuguesas que hai que visitar e deixarse sorprender pola grandeza do granito, que marca a súa fisionomía e o seu carácter. Entre as casas sobresae a Torre de Lucano (século XIV) rematada por un galo de prata. A aldea ofrece unha das paisaxes humanas máis interesantes que se poidan atopar en Portugal. O aglomerado de casas esténdese costa arriba. Aprovéitanse pedruscos de granito para as súas paredes e, nalgúns casos, un único bloque de pedra forma o tellado, razón pola que aquí se di que as casas son “dunha soa tella”.
Desde o punto de vista xeolóxico, Monsanto é outro dos 16 Xeomonumentos de Naturtejo Geopark. Neste percorrido observaremos os inmensos bolos que compoñen esta morfoloxía de berrocal (erosionada ao longo de millóns de anos por meteorización química e mecánica). O que é máis interesante, é a adaptación do home a este medio, tan vertical, complicado e angosto como sorprendente. A subida ata o castelo vese compensada por un dos máis espectaculares miradoiros da rexión. Neste baluarte de guerra sepultábanse, en rocas escavadas, os valerosos cabaleiros en tempos da Reconquista Cristiá.
- Horario: 1:23 h.
- Desnivel de subida: 216 m
- Desnivel de baixada: 123 m
- Distancia horizontal: 4,3 km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 2
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 2
- Dificultade: Baixa
Comezamos a camiñar…
Monsanto é un deses lugares que levan na miña lista de desexos desde que Suso me comezou a falar desta aldea hai xa moitos anos. Xa era hora de visitala e deixarse sorprender polo lugar.
Logo de percorrer pola mañá a Rota dos Fósseis en Penha Garcia, imos camiño da monumental Aldea Histórica de Monsanto. En pouco máis de dez minutos chegamos a Relva, deixándonos o bus no no estacionamento para autobuses do Largo de Relva, e comezar dende aí a subida a Monsanto. Decidimos parar a comer á saída de Relva.
Tras o xantar, ao pé da capela de San Sabastián, iniciamos o percorrido polo sendeiro circular PR-5, coñecido como Rota dos Barrocais. É un percorrido curto, mais dunha riqueza cultural, paisaxística e patrimonial extraordinaria. Entre antigas hortas nun abundante sobreiral, dirixímonos cara as Portas de Santo António. A porta ten un dintel recto, coroado polo escudo real (o que vemos hoxe é unha copia). Ao cruzala, deixamos á dereita a capela de Santo António, de estilo manuelino, porta de acceso ao cemiterio da localidade.
Imos cara arriba e, dende o principio, apreciamos o aproveitamento dos grandes bolos graníticos, incorporándose á estrutura das vivendas. Chegamos á Torre de Lucano, co seu rechamante galo coroándoa. Segundo me conta Domingo, o galo é a réplica do trofeo gañado nun concurso celebrado en 1938, no que Monsanto foi distinguida como a aldea máis portuguesa de Portugal.
Continuamos ruando e pasamos por diante do pelouriño e a igrexa matriz de San Salvador, lugar de encontro das xentes de Monsanto. Ascendemos por rúas estreitas e fíxome nun cartel diante da casa que adquiriu o Zeca Afonso, nunca rehabilitada. Segundo o panel, hai un proxecto de facer unha casa museo dedicado á súa obra… paréceme a min que isto vai ir para longo.
Despois de pasar por unha enorme forma granítica semellante a un cogumelo, vemos os primeiros Penedos Xuntos, dous xigantescos bloques graníticos xustapostos. Mais arriba, o sendeiro entra nos segundos Penedos Xuntos. Pasamos por baixo deles facilitados por uns chanzos escavados na rocha. É o domínio do granito. Formas curiosas esculpidas pola Natureza, sobresaíndo os bloques fendidos, os bolos graníticos e as columnas compostas por varios bloques con distintas formas, dispostos nun equilíbrio imposible. Unha das manifestacións xeológicas mais curiosas é a Laxe das 13 Tijelas, trece pias formadas por alteración química da rocha.
Desde o punto de vista xeológico, atopámonos nun batolito granítico, unha inmensa bolsa de magma arrefriada no interior da cortiza terrestre e cristalizada como granito. Esta aflorou á superficie terrestre por erosión diferencial, ao ser os granitos rochas máis resistentes que os materiais que o recubrían.
Polo camiño, xusto debaixo do castelo, encóntranse ruínas que emerxen entre estes xigantes de pedra. Do poboado medieval de S. Miguel, permanecen as ruínas da Capela de São Miguel, de orixe románica, con varios sarcófagos escavados en rocha no seu arredor. Facemos un pequeno descanso neste entorno e continuamos. O camiño diríxenos agora cara ás ruínas da capela de San Xoán. Imposible marchar deste espazo sen facernos moreas de fotos baixo o seu arco. Un magnífico miradoiro para contemplar a paisaxe!
Unha subida algo escarpada conduce ao castelo a través da Porta da Traizón. A subida vese compensada por un dos máis espectaculares miradoiros da rexión. O Castelo de Monsanto é unha impresionante fortaleza do século XIII que se atopa situada nunha ladeira rochosa. Facemos un alto no camiño e dispersámonos polo recinto. Desde as súas murallas gozamos dunhas espectaculares vistas que alcanzan ata España ao Leste e o encoro Barragem de Idanha ao Suroeste. No seu recinto amurallado inclúese a igrexa templaria de Santa Maria.
Logo de facernos moreas de fotos, pouco a pouco imos abandonando o castelo pola porta principal e, zigzagueando, incorporámonos de novo ao núcleo urbano pasando xunto de antigas furdas, construcións en “pedra seca” para a crianza de porcos.
De volta na vila, sigo admirándome da adaptación desta xente a este medio, tan vertical, complicado e angosto como sorprendente. Descendemos pola Rúa do Castelo, onde se encontra gran parte do comercio local. Damos por rematada a andaina á sombra da célebre Torre de Lucano, tamén coñecida como “torre do galo”.
Temos tempo de ruar un pouco antes de voltar ao bus e acompaño de Marga e Xerardo. Imos fixándonos nalgunhas casas blasonadas, portais manuelinos… Achegámonos ata a Rua de Fernando Namora, buscando precisamente a casa onde viviu e exerceu clínica o médico e escritor Fernando Namora. Inspirouse aquí para a súa novela Retalhos da Vida de um Médico, engadindo interese ao paseo. E non me podo esquecer de mercar as bonecas Marafonas, tradicionais da comarca de Idanha a Nova. Sen dúbida, unha xornada moi recomendable para quen visite estas terras.
















