Penha Garcia. Ruta dos Fósiles
Regresamos de novo a Portugal para desevolver unha xornada con dúas rutas moi coñecidas polo Xeoparque de Naturtejo. Primeiramente achegámonos ata Penha Garcia, unha freguesía do concello de Idanha-a-Nova, que ten sona pola súa ruta dos icnofósiles. Xa pola tarde, continuamos camiñando pola monumental Aldea Histórica de Monsanto.
Naturtejo Geopark forma parte da lista de 23 Xeoparques que atopamos na Península Ibérica, contabilizados en abril 2026. Naturtejo foi o primeiro xeoparque portugués en entrar, integrándose no 2006 na Rede Europea e Rede Global de Xeoparques, organización baixo os auspicios da UNESCO. Entendemos por Xeoparque un territorio que conta cun importante patrimonio xeológico (aquí pode estudarse a historia e evolución da Terra desde hai 600 Ma), e que segue unha estratexia de desenvolvemento sostible baseada no Xeoturismo.
No caso de Naturtejo, o Xeoparque comprende 16 Xeomonumentos nun espazo de 4617 km2, pois ademais da xeoloxía, valórase positivamente contar con patrimonio arqueolóxico, ecolóxico, histórico e cultural.
A Rota dos Fósseis é o trazado que discorre polo encaixado Río Pônsul, un profundo canón encartado e fracturado (diversas fallas), totalmente tapizado de crucianas (icnofósiles). Ademais o val atópase salpicado por numerosos muíños hidráulicos, mostra da riqueza etnográfica de Penha García. Como colofón, a subida ao castelo que nos mostra o carácter raiano da zona, sempre cun ollo posto na fronteira hispanolusa.
- Horario: 2:45 h.
- Desnivel de subida: 155 m
- Desnivel de baixada: 155 m
- Distancia horizontal: 4,8 Km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 2
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 2
- Dificultade: Baixa
Comezamos a camiñar…
Saímos camiñando por estrada tendo unha fermosa vista de toda a poboación de Penha Garcia. Cruzamos unha ponte sobre o río Pônsul e, na primeira encrucillada, en lugar de ir cara o pobo, tomamos a estrada da dereita, paralelos ao Pônsul. Descendemos ao río seguindo os sinais do PR-3. Aproveitamos o muro dunha canle que nos leva ata o primeiro muíño. As torrenciais chuvias deste inverno deixaron a infraestrutura de pasarelas e pontes de madeira inservibles. Non dan confianza nin cobren algúns tramos invadidos por auga, polo que houbo que buscar vías alternativas para seguir avanzando.
Imos pasando por algúns dos muíños abandonados neste primeiro tramo do río. Acabado o carreiro, subimos polos empedrados recunchos, ruando un curto tramo con vistas dos dobramentos onde se atopan os icnofósiles. Alcanzamos a Fonte do Pego e cruzamos a pasarela da preciosa praia fluvial, un recuncho onde nos detemos a observar a súa bonita fervenza.
Dende aquí, iniciamos unha subida por solo de rocha. Imos sorteando os muíños rehabilitados, dedicándose un deles a ser un pequeno museo sobre os fósiles da zona. A persoa que está á fronte explícanos que o Parque Icnolóxico de Penha Garcia componse principalmente de crucianas, que son as pegadas dos trilobites sobre o fondo mariño. Estes animais artrópodos extintos habitaron os mares do Paleozoico durante máis de 300 millóns de anos. O seu rastro atopámolo nas cuarcitas, rochas metasedimentarias compostas polas areas que formaban o leito daqueles mares, sobre as que reptaban os trilobites cruzándose unha e outra vez (de aí o seu nome).
Amósanos tamén as pegadas de ondas fosilizadas e, en menor cantidade, Daedalus (icnofósiles de vermes que vivían enraizados no fondo mariño). Mágoa que vaiamos co tempo xusto, pois o home tiña gañas de estenderse moito máis na súa explicación.
Cruzamos á outra beira pola parte alta da presa (Albufeira da Barragem de Penha Garcia). Descendemos por pista empedrada, vendo como hai xente practicando escalada nestas paredes case verticais. Seguimos á dereita no cruzamento e ascendemos en contínuo zigzagueo. Polo camiño comezan a xurdir os primeiros exemplares que dan o nome á ruta, amósanse fósiles de seres da era do Paleozoico, cando a zona era un leito mariño, varias mostras de crucianas. Abrigámonos do sol na Gruta da Lapa, unha cova de escasa profundidade, na que se aprecian as pegadas brancas do magnesio que se emprega na escalada, segundo nos explica Víctor.
Continuamos ascendendo ás ruínas do castelo desde onde gozamos dunhas vistas incribles, dado o bo día que temos. Cara o norte, o encoro e as pendentes escarpadas que envolven o val encaixado do Río Pônsul. Cara o sur, unha suave ondulación ata onde alcanza a vista, onde destaca Monsanto. Descendemos polo outro extremo rodeando a igrexa matriz da Nosa Señora da Concepción e continuamos ruando pobo abaixo ata chegar ao Memorial da Guerra de Ultramar, unha praza presidida cun tanque Patton americano, que tamén está pensada como punto de partida desta Ruta dos Fósiles.
Logo de reagruparnos imos cara o Posto de Turismo de Penha Garcia, á beira da Capela do Espírito Santo. Este espazo acolle un pequeno museo de arte sacra, o Museu São Pedro de Alcântara, representativo da vasta colección de arte e documentación, pois inclúe pintura, imaxinaría, cerámica, ourivaría… e unha valiosa colección de livro antigo, fundamentalmente de bibliografía Mariana.
Ao rematar a visita, agradecinlle á muller que estaba á fronte da Oficina de Turismo polas súas amables explicacións. De feito, nun primeiro momento pensou que estabamos a iniciar a ruta. Aconsellounos que gozásemos do percorrido e que foramos respetuosos co patrimonio fósil, pois son bens insubstituíbles que nos contan a orixe, a historia e evolución das formas de vida na Terra e alí é onde deben continuar para que todos poidamos gozar, estudar e aprender deles. O consello, aínda que fora tarde, non estivo de máis.
Iniciamos o descenso pola vila cara o autobús, deixando Penha Garcia camiño da monumental Aldea Histórica de Monsanto. En pouco máis de dez minutos chegamos a Relva, deixándonos o bus no Largo de Relva, no estacionamento para autobuses e iniciar a subida a Monsanto.













