Geira Romana e dos Arrieiros. De Cachafeiro á Consolación
O camiño Vreeiro era unha ruta medieval utilizada para levar o viño do Ribeiro a Compostela, pero na súa orixe está ademais unha das rutas de peregrinación máis frecuentada polos camiñantes que do norte de Portugal se dirixían tamén á cidade do Apóstolo. Por Terra de Montes e Tabeirós deixa unha interesante pegada do enorme significado e transcendencia que tiñan tanto o comercio como a relixión nas Idades Media e Moderna por estas terras.
A Terra de Montes era unha comarca histórica situada entre as provincias de Ourense e Pontevedra, á que pertencían os concellos de Beariz na provincia de Ourense e os de Cerdedo e Forcarei na provincia de Pontevedra. Hoxe en día esta ten unha nova denominación e distribución, comarca de Tabeirós-Terra de Montes, que engloba os concellos de Cerdedo, Forcarei e A Estrada. Por terras destes dous últimos camiñaremos hoxe.
Otero Pedrayo, na súa Guía de Galicia (1926) xa menciona esta ruta de comercio e peregrinación: “La Estrada, de expresivo nombre itinerario, con su feria atraía y centraba los caminos. De ellos, los más ilustres fueron la vía romana secundaria, que cruzando el Ulla en Ponte Bea seguía a Baños de Cuntis, y el de las peregrinaciones y arriería que desde el Alto Avia y el Paraño por Forcarey cruzaba la tierra de Montes, llegaba a La Estrada por Codeseda y seguía a Compostela por el Ponte Bea.”
- Lonxitude: 21,5 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
- Track de Wikiloc
Comezamos a camiñar…
Despois de tomar o café mañanceiro no bar Cachafeiro, iniciamos a andaina cunha baixada pola aldea de Gaxín que nos leva ata a ponte medieval de Gomail, para moitos a máis fermosa das pontes que atravesan o Lérez no concello de Forcarei, en permanente irmandade coa verdecente paraxe que a envolve. Lémbrome que, aló polo 2011, percorréramos a Ruta das Pontes do Lérez e esta de Gomail fora a última en cruzar, rematando a andaina en Gaxín. Forcarei ten a particularidade de ser o berce do Lérez e o Umia, que tamén cruzaremos nesta xornada.
Pouco a pouco abandonamos este entorno tan fermoso e comezamos un tramo de subida sen apenas árbores ata as casas da Mámoa, que nos sorprende polo coidado que está o lugar, comparado con outros de xornadas anteriores. Hai que facer un pequeno descanso nesta subida duns 4 km e aproveitamos para refrescarnos na fonte do lugar, pois o sol comeza a apretar. Continuamos por pista de asfalto sabendo que estamos no punto máis alto da andaina de hoxe. Neste treito o Xerardo atopou un moneco tirado no medio das silvas e acolleuno como mascota do grupo. O pobre, un rastafari coas guedellas tesas, está ben porco, e o resto non queremos saber nada del.
Entre risas continuamos camiño facendo caso do que nos indica a Guía do peregrino De Braga a Santiago polo camiño da Geira e dos Arrieiros, e baixamos con precaución pola estrada, hoxe con pouco tráfico, pois o camiño orixinal cara á Portela pola zona de Vilaboa, ten algún treito complicado. Logo das reticencias do grupo por recoller o moneco, en Portela aproveitamos a fonte para lavalo… e de paso, bautizalo. Miñotiño chámase o condenado, e non paramos de facer bromas co raio do moneco durante toda a mañá.
Ao sair de Portela, xa no concello da Estrada, e antes de chegar á Grela, ven ao noso encontro Carlos, membro da asociación Codeseda Viva, que nos acompaña ata esta aldea co fin de amosarnos algún que outro detalle que hai nela. Polo camiño atende ás nosas preguntas e suxestións e na súa conversa desprende un amor polo que está facendo que é encomiable. Imos por pistas de concentración parcelaria, polo que os camiños tradicionais por este tramo desapareceron ou pasaron a propiedade privada, segundo nos di.
Xa na Grela, e antes de acceder ao Santuario en honor á Virxe de Guadalupe, o Carlos amósanos onde hai gravada unha cruz de Malta nas dúas pedras laterais da entrada a unha antiga vivenda. A cruz de Malta é un símbolo moi relacionado coas peregrinacións cristiás, pois a Orde Militar e Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén de Rodas e de Malta establecíase nas rutas de peregrinos para darlles apoio.
Subimos á capela da Virxe de Guadalupe situada nunha magnífica paraxe, e baixo unha fermosa carballeira Carlos aproveita para explicarnos como anos atrás se enchía o día da festividade relixiosa con xentes que chegaban de concellos limítrofes así como da costa, Vilagarcía, Cangas, Marín, O Grove e demais veciños da mariña galega, que en horas de perigo nas faenas da mar, ofrecíanse á nosa Señora e solicitaban amparo á Virxe de Guadalupe. A pesares de que na actualidade a celebración decaeu bastante, a comisión de festas do lugar realiza un gran esforzo todos os anos para que a festividade siga sendo referencia de toda a comarca. Da importancia do santuario dan conta as coplas locais recollidas no Cancioneiro popular galego por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina*
Nuestra Siñora da Grela tén un vestido de seda quén llodou quén llo daría San Xorxe de Codeseda.Nosa Señora da Ghrela tén un paniño amarelo quén llo douquén llo daría San Xorxe de Codeseda.San Xorxe de Codeseda tén unha capa marela quén lla douquén lla daría Nuestra Siñora da Grela Carrascal.
O Carlos déixanos momentaneamente e marcha cara a Codeseda, mentres nós andamos pola carballeira e continuamos camiño pasando pola Cruz da Grela, con moita relación co santuario, pois está cargada dun gran simbolismo relixioso, moi arraigado entre os fregueses da parroquia; atópase no alto do monte do devandito lugar, erguida sobre un penedo, facendo de vixía protectora dos romeiros e devotos que subindo polo camiño da Costa chegan aos pés da cruz, e desde esta baixando ata o Santuario da Nosa Señora de Guadalupe. A pesar de que hoxe en día o entorno está moi cambiado, ao estar á beira dun camiño de grava, aproveitamos para facernos unha foto do grupo pois o lugar segue sendo fermoso.
Despois de xantar e da sobremesa, achegámonos ata a igrexa de San Xurxo de Codeseda, que garda algún que outro elemento con indicios de peregrinacións, segundo nos comentan os membros de Codeseda Viva, incansables para conseguir que se recoñeza esta vía como camiño oficial de peregrinación. Está edificada sobre outras construcións moito máis antigas que viron como as súas pedras, no mellor dos casos, foron reutilizadas nas reformas posteriores e, noutros moitos se perderon para sempre.
Destácannos, nun dos muros do recinto exterior do templo, onde podemos contemplar unha peza que mostra dúas cunchas de vieira flanqueando unha cruz inserida nun círculo e, sobre todo a cabeceira da igrexa, dun románico moi fermoso. De estrutura pentagonal, está considerada como unha das máis fermosas e completas da provincia de Pontevedra, onde apreciamos a decoración con motivos xeométricos, axadrezados, rosetas e círculos entrelazados, frecuentes na simboloxía románica.
Temos que deixalo, pois hai aínda por diante 7 km para completar a ruta. A verdade é que tivemos unha sorte inmensa ao poder gozar das súas explicacións tan cheas de amor polo feito de peregrinación que están a desempoar para poder recuperalo. Moitas grazas!
Imos por camiños sen ningún tipo de sinal de sendeiro sendo imprescindible o GPS. Cruzamos o Umia e, sempre por pistas de concentración, por aldeas como a de Paredes, que teñen un núcleo moi fermoso, pero non moi ben conservado.
Xa na Consolación, tivemos dous enontros ben distintos. O primeiro, nada máis entrar no lugar detéñome a falar cunha muller que está a sementar ervellas. Cando lle digo que estamos camiñando cara a Santiago ela coméntame que o máximo que andou foi ata o santuario dos Milagres de Amil e case morre! e a outra, xa unha vez chegados á capela da Consolación, cando descansábamos, adiviñamos nunha casa vella unhas lacenas das abellas, e cando lle preguntamos á señora que estaba a traballar na horta díxonos moi seca que alí non había abellas nin nunca as houbo; debeu crer que eramos do catastro!
A pesares deste final, a ruta foi espectacular! Natureza, arte e amizade ao máximo!
*Cancioneiro popular galego .T. IV, 2, Romances novos, cantos narrativos, sucesos e coplas, recollido e ordenado por Dorothé Schubarth e Antón Santamarina. [A Coruña] : Fundación Pedro Barrié de la Maza, 1988. Páx. 201.
Moitas gracias por visitar Codeseda! E por estes detallados relatos sobre as vosas andainas!
Grazas a vós Carlos, polas atencións que recibimos!! e reitero o de que as autoridades teñan en consideración a vosa proposta de camiño, pois é realmente fermoso. Moita sorte!
Apertas
Vaia, o boneco parece Chucky, o boneco asasino!!!
Pois non reparara eu niso! A verdade é que despois de baño e masaxe xa parece outro… 😉