Geira Romana e dos Arrieiros. De Beariz a Cachafeiro
Hoxe imos ter un día para camiñar perfecto! Nada que ver co que nos tocou na etapa anterior de chuvia frío e auganeve. Estamos de novo en Beariz para iniciar a décima etapa desta Geira Romana e dos Arrieiros. Hai que lembrar que imos por camiños transitables aínda que sen ningún tipo de sinal de sendeiro, polo que se fai imprescindible o GPS. A ruta espectacular! Natureza ao máximo!
- Lonxitude: 17,7 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media
- Track da ruta en Wikiloc
Estes tramos polos que andamos estes días sitíuanse no coñecido como Camiño Vreeiro, tamén chamado dos arrieiros. Francisco Rozados “Rochi” divide o camiño vreeiro en tres treitos segundo as bisbarras que atravesa, comezando polo tramo de Celanova ó Ribeiro, continuando co de Ribadavia ás terras do Carballiño e dende esta comarca ó seu remate pasando por Terra de Montes e Tabeirós.
O Vreeiro xerouse na Idade Media coma alternativa ás rutas que atravesaban espazos de maior densidade demográfica, co fin de fuxir das portaxes e outros impostos comerciais. Subía practicamente dun tirón desde o Ribeiro ata Santiago, sen apenas ramais secundarios, e penetraba na comarca de Montes pola freguesía bearicense de Doade. Un dos ramais é polo que camiñamos ao chegar a Beariz, e viría por Soutelo de Montes. De aquí continuaría a Vilapouca, Cachafeiro e Gaxín, e atravesaría o Lérez pola Ponte Gomaíl, xuntándose na Mámoa co ramal principal.
Comezamos a camiñar…
Logo de tomarnos un café no Bar Centro, saimos de Beariz camiño da áerea recreativa que hai, apenas andados 1,5 km, unha zona de descanso con bancos e mesas a cuberto dunha carballeira bañada polo Rego de Ponte Pedriña, que está ben fermoso con esta primavera.
Dende o río comezamos a ascender por pistas de terra entre árbores ata a Portela de Alvite dende onde temos unhas fermosas vistas dos vales veciños, co perfil do Faro de Avión. Dende o Porto do Carro (811 m), linde entre as provincias de Ourense e Pontrevedra, temos que acadar os Montes do Testeiro, altura máxima da ruta (838 m), dende onde iniciamos o descenso cara a Pardesoa, tendo unhas fermosas vistas de toda a contorna.
Camiñando por estes montes venme á memoria á impresión que levara Antón Alonso Ríos, deputado agrarista e galeguista, coa grandiosidade da paisaxe que estaba a contemplar nesa fuxida contínua que padeceu, pois sufriu persecución á morte despois do 1936 e durante tres anos, disfrazado de esmoleiro e logo criado de labranza como Afranio de Amaral. Relendo na casa as súas memorias de fuxido, relata como, tras pasar por varios sitios, foi acollido nunha casa de Sorribas (Forcarei), e como iniciou camiño cara Albarellos para escapar por medo a que o recoñecesen uns gadañeiros que andaban á sega na casa onde traballaba.*
“Pasei a Ponte, o Cachafeiro, e inda moito dempóis foi crarexando o día. Coido que serían as oito cando pasei por Soutelo […]. Paséi polas Antas e de elí collín polo camiño do monte, un pouco máis adiante do que trouxera ó vir para Forcarei.
Perto do meio día cheguei a Fenteira. Dende ise sitio a ollada domina a largacía pendente do Faro de Avión, a que se desenrola dende o curuto ó travesó da Serra Carboeira deica afundirse o Avia. Baixo o anoto dise elevante lenzo, co seu máxico xogo de luces, formas e cores, a miña ialma caiéu de xeonllos. As tribulaciós que pesaban sobor dila non empecían o pasmo pola grandiosidade do que os meus ollos enxergaban.
Paséi de largo por Feás, Vilachá e, perto da unha da tarde, atopéime na taberna do eirexario.”
O descenso a Pardesoa, xa no concello de Forcarei, prolóngase durante uns 3 quilómetros. Ao chegar á aldea temos un par de paradas cos veciños, primeiro cunha muller que está no lavadoiro e que nos recomenda a súa auga para refrescarnos. Máis adiante, saindo xa da aldea, outra muller que anda limpando os regos para que se aneguen os prados onde pastan as súas vacas, interésase polo noso camiñar e sopréndese de que vaiamos camiñando cara a Compostela.
Na igrexa de Santiago de Pardesoa hai dous elementos interesantes polos que paga a pena deterse e achegarse a ver, primeiramente o seu cruceiro ao pé da estrada, e logo fixarse nas tallas da porta da reitoral, con elementos xacobeos.
Logo de pasar polo Sisto, sempre por estrada, iniciamos a subida duns dous quilómetros ata Soutelo de Montes, vila na que facemos unha pequena parada de descanso. A pesares de ser festivo, a vila mantén case todo o comercio aberto. Hai varios establecementos con produtos típicos, e Carmen non se resiste a marchar sen unha peza de pan de Soutelo, que ten moita sona.
Tamén teñen sona os gaiteiros de Soutelo e sobre todo Avelino Cachafeiro. Pasamos por diante da estatua levantada na honra dos gaiteiros Fermin, Avelino e Bautista Cachafeiro, grupo no que Avelino era o símbolo, o director, o compositor, a alma do grupo. Moi bo tiña que ser para proclamalo aos 25 anos mellor gaiteiro de Galicia, e ao que todo o mundo quería escoitar: O gaiteiro de Soutelo Mal raio de Dios o mate, non quere tocá- la gaita, se non lle dan chiculate.
Abandonamos Soutelo por Vilapouca, cruzamos a estrada á altura do pequeno polígono industrial e encaramos a subida, toda por estrada, polas proximidades de Ventoxo ata Fontela e Acivedo. O camiño é unha marabilla, pois a partir de aquí, e xa en descenso, camiñamos por pistas de terra con sombra, con carballos, sabugueiros, abeleiras… que gusto!
En nada poñémonos na Freixeira, ás portas de Cachafeiro, unha fermosa zona de lecer á beira do río Calvelo, onde nos limpamos as botas enlamadas nos camiños deste último treito.
Andamos un quilómetro máis, ata chegar ao Bar Cachafeiro, onde nos agarda unha suculenta cervexa ben fría, e onde rematamos a etapa.