Do Mosteiro de Carboeiro á Fervenza do Toxa
Para despedir a tempada de andainas da USC achegámonos aos concellos de Silleda e Vila de Cruces para facer unha fermosísima ruta que conta con altos valores ambientais e culturais. Camiñaremos polo entorno do río Deza preto da súa desembocadura no caudaloso Ulla, nunha paraxe dunha natureza abrupta, e preto de onde recibe as augas do seu afluente o río Toxa que se une a el salvando un considerable desnivel formando a fervenza do Toxa, unha das máis afamadas de Galicia.
- Lonxitude: 10 km
- Desnivel: medio-baixo
- Dificultade: media-baixa
Comezamos a camiñar…
O percorrido empeza ao pé do mesmo mosteiro de Carboeiro e, antes de comezar a andar, como ainda non o abriron, temos tempo de admirar o seu exterior, pois San Lourenzo de Carboeiro é unha das obras arquitectónicas do románico serodio máis destacables de Galicia. Trátase dun mosteiro beneditino fundado no século X e que viviu os seus momentos de maior esplendor entre os séculos XI e XIII do que se conserva en moi bo estado a súa igrexa e algúns dos departamentos monacais, grazas aos traballos de restauración e recuperación realizados a partir da segunda metade do século XX.
Por un camiño empedrado que sae dende o mesmo mosteiro, unha vía histórica de acceso a el, baixamos ata o río Deza, que cruzamos pola Ponte do Demo, dun só arco, considerada como unha das xoias do patrimonio da comarca do Deza. Datada no século XVI, a lenda conta que era un lugar no que se producían múltiples atracos e asasinatos de viandantes. De aí, din, vén o seu nome: Ponte do Demo.
Continuamos camiñando baixo unha carballeira ben conservada, xa polo concello de Vila de Cruces, ata a parroquia de Merza, onde as paisaxes do interior nos trasladan ao rural galego. Merza é coñecida, entre outras, por ter a agrupación popular máis antiga de Galicia, a Banda Artística de Merza, fundada en 1828.
Dende aquí continuamos ata a Fervenza do río Toxa, unha das máis altas de Galicia. No camiño, carballos, castiñeiros e ameneiros acubíllannos do sol, que comeza a facer das súas. Unha pasarela de ferro sobre o río Deza, é o preámbulo da pequena subida que temos que acometer para chegar á base da fervenza.
A única forma que atopou o río Toxa para continuar o seu curso foi salvando a mole granítica con sesenta metros de salto ao valeiro, deixándonos unha das fervenzas máis fermosas de Galicia. Os liques son testemuña muda deste fenómeno, cubrindo co seu manto verde as paredes de dura rocha, que nos amosan curiosas formas. Facémonos fotos coa fervenza de fondo e descansamos un rato na pequena área de descanso que hai, antes de iniciar o regreso.
Regresamos, salvando bastante desnivel, polo mesmo sendeiro que vai pegado ao río Toxa e que vemos como desemboca no Deza dende a pasarela de ferro. Logo continuamos camiño novamente ata Merza, onde nos desviamos para ver a curiosa Ponte da Carixa, ponte que quedou inacabada en 1928, da que se conservan os piares e o arco. Despois, temos que subir ata o lugariño de Paradela, por onde regresamos entre bosque, escoitando no fondo do val o discorrer do Deza. A flora que atopamos nesta paraxe é moi diversa, como carballos, abeleiras, bidueiros, sobreiras, aciñeiras, salgueiros, loureiros ou érbedos. O camiño lévanos novamente ata a Ponte do Demo, polo que só resta subir polo vello camiño e dar por rematanda a andaina no mosteiro.
Dende aquí, o bus desprazounos ata Ponte Ledesma, á beira do río Ulla, para degustar o tradicional xantar a en Casa Lodeiro (A de Rafael), onde xa nos xuntamos para despedírmonos das andainas hai catro anos. A pesares de que ten sona polo seu cocido, o menú non defraudou. Constou de empanada caseira, chipiróns e croquetas tamén caseiras, a continuación xarrete, e para rematar postres variados tamén caseiros, acompañados de auga, viño, café e licores.
Logo de xantar e da sobremesa, onde o Antonio nos adicou unhas palabras polas que brindamos, ainda tivemos tempo de pasear por Ponte Ledesma, polas insuas que hai neste treito do río e volver cruzar a ponte sobre o Ulla con poucas gañas de deixar este lugar… pero a xente agarda e hai que voltar para Santiago.
Pois este é o relato da última ruta do curso 2017/18, pero agardo contarvos algunha que faremos neste mesmo mes de xullo por Euskadi, e seguir contándovos algunha máis que faga pola miña conta antes de setembro, no que retomaremos as andainas co grupo da USC e seguir camiñando, coñecendo, descubrindo, compartindo, aprendendo… Gozade do verán! Bicos e apertas!