Ruta no parque natural de Aiako Harria

25-07-2018
Ruta no parque natural de Aiako Harria

No primeiro día da nosa estadía por Euskadi desprazámonos ata as Penas de Aia, Aiako Harria, unhas das montañas máis vellas, de tipo granítico, algo bastante singular en Euskadi, e para preservalas declarouse a contorna como Parque Natural. Aínda que a tradución do seu nome orixinal Aiako Harria, sería Pena de Aia en singular, en castelán son máis coñecidas co seu nome en plural, Penas de Aia ou Aya.

Aiako Harria son unhas cimas de rocha granítica bastante abruptas, marcando en certo xeito o final occidental dos Pirineos, no extremo oriental de Gipuzkoa. É un enclave de singular beleza e ten moi boas vistas sobre a zona limítrofe con Francia. Dentro da masa rochosa de Aiako Harria hai decenas de pozos e galerías mineiras.

O itinerario comeza no alto de Erlaitz onde faremos un percorrido circular de paisaxes e ambientes moi variados entre pasteiros e bosques. Logo, a ruta aproveita en parte o trazado dun antigo ferrocarril mineiro, xa en desuso, e pasa por algún túnel. Ten un alto interese natural e cultural. Finalmente continuaremos por zonas boscosas ata o alto de Elurretxe, co macizo do Aiako Harria sempre presente, onde daremos por rematada a andaina.

  • Lonxitude da ruta: 14 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Nada máis chegar ao lugar de partida no Punto de Información de Lapuriturri, ao pé do Alto de Erlaitz, un grupo de bestas semella estar agardando a nosa chegada. Esta vai ser unha constante da ruta, a presenza permanente de cabalos e vacas co seu inseparable tintineo de chocas.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Lamentablemente, o día aínda non abriu de todo, e non vai permitir que vexamos dende aquí o espectáculo das Penas de Aia (Aiako Harria) na súa totalidade. A pesar diso, a paisaxe é espectacular e vai selo ao longo de toda a xornada, xa que o percorrido vai proporcionarnos vistas inmellorables. Iso si, a humidade do ambiente é altísima pois xa estamos a suar sen practicamente comezar a camiñar.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

O comezo é cómodo pois, logo dun pequeno repeito, iniciamos un descenso que nos leva a pasar perto das ruinas do antigo Forte de Pagogaña, contruido despois da última guerra carlista de 1876, máis para vixiar posibles levantamentos lexitimistas que para previr posibles incursións de exércitos invasores.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Facemos unha primeira parada antes de comezar o ascenso e pechar o primeiro círculo da xornada, o que nos permite ver xa con total nitidez os tres cumes que coroan este macizo montañoso de Aiako Harria (chamado en francés Trois Couronnes), o máis septentrional Hirumugarrieta (806 m), o Txurrumurru no centro (821 m) e no sur o Erroilbide (837 m).

No Parque Natural de Penas de Aia hai diversos percorridos aptos para todo o mundo, cousa que evidenciamos ao cruzármonos con camiñantes de idade ou con grupos familiares en calquera punto do noso percorrido. Unha gozada ver tanta xente polo monte!

A segunda parte do percorrido vai deixarnos abraiados, as pegadas de actividades humanas hoxe en desuso conflúen co encanto propio da zona. Comezamos a camiñar tendo as Penas de Aia en fronte noso e deixando a estrada á nosa esquerda. O camiño, ancho e cómodo penétranos aos poucos, en suave descenso no bosque. O ritmo que levamos é tranquilo, non temos présa, e imos gozando da paisaxe e charlando e, case sen decatarnos chegamos ás ruinas do complexo mineiro de Meazuri.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Camiñamos baixo coníferas e frondosas de gran porte, sobre todo faiais, con algúns exemplares caídos sobre o camiño que temos que salvar, ou sobre as súas longas raíces semellando serpes durmidas que nos sirven de chanzos para avanzar polo sendeiro. Tamén temos que salvar o río Aitzondo sen moita dificultade, pois baixa con moi pouca auga.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Pero sobre todo imos marabillarnos co tramo do camiño que utilizaba o antigo tren vestixio da actividade mineira e o paso polos cinco túneles de Askain, que permitían levar as vagonetas cargadas de mineral ata os fornos de Hirugurutzeta desde a mina de Meazuri fan moi especial esta ruta, cunhas magníficas vistas panorámicas que se ofrecen de Irun e Hondarribia cara o norte.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

A paisaxe é espectacular ao longo de todo este tramo do percorrido, e o voo dun voitre chámanos a atención pola súa maxesuosidade, pero pronto detémonos a admirar varios exemplares pousados en cantís rochosos ou sobre árbores con pouca vexetación, que están a coidar e alimentar as súas crias. O voitre estivo estreitamente ligado ás actividades pastorís do home, realizando un eficaz, aínda que ás veces incomprendido, labor sanitario.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Pero tamén é espectacular o salto ao baleiro do río Aitzondo que acabamos de cruzar máis arriba, formando unha longa fervenza coñecida como Irusta. A pesar de que cae pouca auga, é un lugar con moito encanto.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Iniciamos un pequeno ascenso por camiño moi cómodo, que vai desembocar moi perto do punto de partida, á área recreativa de Sorotxiki, un lugar habilitado con barbacoa e mesas, que aproveitamos para descansar e tomar un pequeno refrixerio rodeados de cabalos e vacas que nos amenizan coas súas chocas.

Ruta no parque natural de Aiako Harria

Só resta chegar ata o alto de Elurretxe, que facemos camiñando por un pequeno tramo do sendeiro GR-121, un sendeiro circular de gran percorrido por toda a periferia de Gipuzkoa. Logo de refrescarnos e dos estiramentos pertinentes achegámonos ata Oiartzun, onde comentamos a fermosa xornada da man dunha boa cervexa. Unha circular moi bonita e que se fai moi amena, con moitas cousas interesantes polo camiño: os bosques, os túneles, a fervenza, as ruínas…

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Ruta no parque natural de Aiako Harria”

  1. Paga a pena sempre o pais vasco, as paisaxes son fermosas e está todo tan coidado coma se remataran de sacar brillo, temos moito que aprender neste senso deles.

    1. Pois tés toda a razón, e xa verás como o que dis se vai ver nas próximas entradas no blog. Moitos bicos!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio