De Ponteceso ao Castro de Borneiro

09-07-2011
De Ponteceso ao Castro de Borneiro

… Polo chan de Borneiro, de cativos pinales,
cuase pasaba arrentes, do dolmen de Dombate …

Eduardo Pondal

A maior parte da ruta discorreu polo concello de Cabana, pois en Ponteceso demos un pequeno paseo pola vila e admirar, por exemplo, o paso do Anllóns ou a casa natal de Eduardo Pondal, onde naceu o 8 de febreiro de 1835. Fundamentalmente xuntamos duas rutas: a senda do Anllóns, que se encontra nun dos espazos naturais máis importantes de Galicia, a enseada da Insua que, ao transitala, percórrense tres quilómetros de marxe fluvial polos últimos treitos da ribeira cabanesa do Anllóns, río que vertebra xeograficamente a comarca de Bergantiños. Esta senda remata en Lodeiro, onde comezamos a ruta do Rego dos Muíños, ou de Roncaduiro, que acaba no castro A Cidá de Borneiro.

Ao cruzar a ponte do Anllóns da estrada de vai a Laxe, agrupándonos para comezar o roteiro, xa no concello de Cabana de Bergantiños. Saimos camiñando o maís pegados á costa que puidemos e así, poder contemplar a preciosa desembocadura do Anllóns, de alto valor paisaxístico, natural e cultural. É espectacular a vista que se ten do Monte Branco, na outra beira, un xigante de area e atalaia da paisaxe de Ponteceso. Chamado así por estar recuberto da area que sube pola ladeira do monte, empurrada polos ventos do suroeste. Desde este monte pódense apreciar unhas fantásticas vistas da costa.

Cando chegamos a Lodeiro (Canduas), comezamos a ruta do Rego dos Muíños que, tomando dirección cara o interior do concello e separándonos da costa, nos levou ata Castro Borneiro, onde fixemos un descanso para xantar e poidemos disfrutar con detemento desta marabilla arqueolóxica. Outra sorpresa foi poder fotografar unha libeliña, que se camuflaba perfectamente coa folla do carballo, grazas ao ollo de Suso.

O Castro de Borneiro é un castro datado a finais da Idade do Bronce, pertencente á coñecida como Cultura castrexa e que ten sido obxecto de escavacións arqueolóxicas e traballos de consolidación que permiten a súa visita. Tamén é coñecido como “A Cibdá”. Foi o primeiro castro en ser datado científicamente co método do carbono 14 en Galicia. Estivo habitado entre os séculos VI a.c. e o I  d.c. Nel non se observaron sinais de romanización e a súa ubicación é un tanto atípica, nunha ladeira orientada ao leste que baixa cara a un regato, a unha altura de 200 m. Foi descuberto en 1924 polo xeólogo Isidro Parga Pondal e Pérez Bustamante, e comezouse a excavar nos anos 30 por Sebastián Gonzalez García-Paz, reanudándose nos anos 70 (por Jorge Juan Eiroa) sendo na década dos 80 cando se realizan as escavacións mais senlleiras por parte de Ana Romero Masiá. Nas excavacións atopáronse múltiples fragmentos de cerámica indíxena, utis de bronce e ferro, muiños de pedra, fusaiolas, fíbulas, moldes de fundición ou contas de vidro, hoxe en día expostos no Museo Arqueolóxico e Histórico da Coruña, no castelo de Santo Antón.

Unha vez abandonado o castro,e dando por finalizado o roteiro,  recolleunos o bus e nos levou ata a praia de Laxe, onde uns disfrutaron dun baño e outros disfrutamos dun paseo pola vila, na que é de destacar a Casa do Arco, construída no século XV. Dentro do núcleo urbano, nun alto sobre o mesmo porto, atopamos a xoia da vila, a Igrexa de Santa María da Atalaia, asentada sobre un amplo adro formado por altos muros de pedra sobre os que se asentaban no pasado uns canóns defensivos. A igrexa e o seu adro funcionaron como atalaia de vixilancia e defensa contra a entrada ao porto de calquera barco ou frota sospeitosa.

 


Ver Ponteceso-Borneiro nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio