De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

25-07-2019
De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Nesta xornada temos que desprazarnos en tren ata a localidade do Montroc (1377 m). Dende a estación, o camiño lévanos ata Tre-le-Champ le Bas e ao pouco entramos na reserva natural de Aiguilles Rouges atravesando unha fermosa zona boscosa, con algúns claros que nos permiten ver as inmellorables paisaxes sobre os glaciares de Le Tour e Argentière. Pouco a pouco, en ascenso ao comezo e en descenso despois, chegamos a Argentière, unha das localidades máis míticas do val de Chamonix. Dedicaremos un tempo a visitala.

Logo continuamos por zonas de bosque tamén ata Pont de la Corruaz (1100 m), preto de Les Tines. Un pouco máis adiante entramos xa en terreo semiurbano, na localidade de Les Praz e seguindo unha senda á beira do río Arve chegamos a Chamonix (1030 m).

Nesta ruta case non hai dificultades, salvo algún curto tramo do sendeiro un tanto pedregoso. Ten moito interese pola paisaxe e polas zonas de bosque que se atravesan.

  • Lonxitude: 19 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Para facer a nosa última ruta polo entorno dos Alpes franceses desprazámonos en tren ata Montroc e, ao pouco de comezar a camiñar dende a mesma estación, xa entramos na Reserva natural de Aiguilles Rouges.De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Estamos a percorrer outro tramo do Petit Balcon Sud, un observatorio privilexiado fronte aos glaciares e os picos do macizo do Mont-Blanc, que acabaremos por camiñalo practicamente na súa totalidade. O sendeiro conta cun mantemento excelente e, como todos os que percorremos, moi ben sinalizado, pois en cada encrucillada discorren sendeiros en distintas direccións (por todo o val hai máis de 170 itinerarios adaptados a todas as necesidades ao longo de 350 km… ).

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

En nada chegamos a Tre-le-Champ le Bas, dende onde temos outra fermosa vista da cara noroeste dos Grands Montets e Drus. O lugar é moi agradable e tranquilo, e onde nos chama a atención as estatuas talladas en árbores a modo de moais, as enormes estatuas de pedra da illa de Pascua. Camiñar por esta aba da montaña é unha delicia. Lugares con moito encanto, fermosos bosques, paisaxes… Teno todo para relaxarse e ir con calma.

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Con precaución cruzamos nun lugar de pouca visibilidade a estrada que comunica o val de Chamonix co de Vallorcine, con bastante tráfico e sen beiravías. Iniciamos un tramo en lixeiro ascenso continuando con moi boas vistas sobre a Aiguille Verte e os Drus. Pero o interesante é o fermoso e frondoso bosque que estamos a atravesar baixo grandes masas de abetos, que nos regalan unha auténtica alfombra sobre o camiño polo que estamos a andar.

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Pronto iniciamos o descenso para achegarnos ata Argentière, vila dominada polo glaciar do mesmo nome. Chegados a esta localidade facemos unha parada para unha pequena visita pois a ruta non está a ter grandes dificultades e imos moi ben de tempo. Moitos de nós fomos visitar a igrexa de Saint-Pierre, do século XVIII, unha das máis fermosas igrexas de estilo barroco atopándoa, para a nosa sorpresa, coa celebración dun concerto de órgano. Non podía haber mellor momento para visitala!

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Reunímonos na praza da Oficina de Turismo e Oficina de Alta Montaña e poñémonos de novo á faena. Cruzamos a vila baixando pola estrada principal, chea de comercios e moi transitada, para introducirnos pronto nas zonas de bosque caducifolio e de abetos. Imos pegados á vía do tren primeiro e, despois, comodamente por sendeiros nos que ás veces hai que superar algún que outro desnivel, pero nada importante, e baixamos ata a Pont de la Corruaz. Neste tramo, salpicado con algún que outro banco para admirar a paisaxe ou simplemente descansar, é onde realmente comeza o Petit Balcon Sud, un agradable paseo polo bosque por riba das cabanas de Argentière.

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Facemos algunha que outra parada para refrescarnos nos minguados cursos de auga que descenden da montaña, pois a temperatura no fondo do val é alta, e pronto iniciamos un curto descenso ata acadar á beira do Arve. Como no primeiro día de andaina, atopámonos cun pequeno hotel para insectos (semella ser un hotel de catro estrelas!), orientado cara ao sur ou sudeste para beneficiarse do sol da mañá, e ubicado preto do seu restaurante: as plantas silvestres, mentres vemos como están a recolectar arandos un pouco máis arriba. Moitos insectos axudan a regular as poboacións de plagas e a polinizar as flores, permitindo así a produción de froitos. Este servizo gratuito e ecolóxico merece ser protexido!

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Mantémonos á dereita do río por un camiño moi agradable e transitado e andamos un bo rato ao longo do mesmo ata que cruzamos o Paradis des Praz, un lugar de recreo para todas as idades e para estar en familia gozando do descanso. Nivelazo!

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Pronto chegamos ao campo de golf de Praz que amosa moita actividade. Está claro que aquí non te aburres se non queres, este val ten de todo! Aceleramos o paso cando atravesamos o pequeno treito urbano de Les Praz baixo un sol de xustiza. A idea é acadar a sombra o antes posible e pronto entramos no treito arborado cando collemos a Promenade des Encontres, unha senda que nos leva ata Chamonix pola beira do río Arve acompañados de paseantes e ciclistas que circulan nos dous sentidos.

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

A chegada a Chamonix non ten moita historia. Logo de cruzar a ponte sobre o albino Arveyron, afluente do Arve, imos practicamente por zona semiurbana con instalacións deportivas ou zonas residenciais privadas fundamentalmente. Paseamos polas rúas principais da vila, adicada por enteiro ao turismo, e acabamos bebendo as cervexas na mesma terraza do outro día, a da Brasserie du Rond Point, celebrando como se merece o remate da andaina e a feliz estancia nestas terras. Logo de tomar as cañas de cervexa e de facer as últimas compras por Chamonix. Hai que levar queixos, sobre todo o Beaufort, polo que imos ata a Coopérative frutière du val d’Arly, onde venden directamente os produtos da zona. Hai tanto onde escoller que non me resisto a levar un par de saucissons cunha pinta boísima. Teño que marchar que isto pode ser a miña perdición!

De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière

Coas compras feitas, desprazámonos no tren ata o hotel en Les Bossons. Unha merenda reparadora co Antonio, o meu compañeiro de habitación, a xa tradicional visita á piscina do hotel e tomarlle unhas cervexas antes da cea, completaron unha xornada que non desmereceu do resto dos días pola comarca de Chamonix. Desde logo, unha ruta bonita e cómoda para rematar a nosa estadía polos Alpes franceses. Mañá voltaremos a Xenebra a coller o avión de regreso a casa. Mágoa que isto remate!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “De Montroc a Chamonix, pasando por Argentière”

  1. O de ser insecto nestas terras é un luxoooo!!!, e os saucissons outro luxo!!!, co sanitos que son os grelos!!!

    1. Desde logo!! Está todo moi coidado. Mágoa que non trouxéramos mais, pois a maleta non daba mais de si, pero chegou para facer unha boa cata dos produtos da zona 😉

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio