De Le Buet ao Refuge de Loriaz

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Este día collemos o tren que nos leva a Le Buet (1350 m), localidade xa moi próxima a Suiza, no val de Vallorcine. Comezamos na mesma estación do tren e nos diriximos ata a fervenza de Bérard, no río do mesmo nome. É un salto de auga espectacular que se pode ver camiñando por unha pasarela. Logo continuamos ata a ponte que da paso a Plan des Bois. Dende aí seguimos a Les Granges (1550 m) e Pont du nant de Loriaz (1663 m).

Ata este punto a subida é moi levadía. A partir de aquí o sendeiro vai gañando pendente e facendo zig‐zag ata chegar ao refuxio de Loriaz (2020 m), un dos mellores miradoiros desta zona dos Alpes. O descenso de regreso a Le Buet facémolo por un camiño máis amplo, tipo pista.

Os camiños son bastante bos, aínda que predominan os sendeiros estreitos. Tampouco é unha ruta moi dificultosa, salvo pola pendente nalgún dos tramos.

  • Lonxitude: 13 km
  • Desnivel: medio‐forte
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Se a xornada de onte catalogueina como o “día grande”, a de hoxe non lle vai quedar moito á zaga. Hoxe cambiamos de val, deixamos o de Chamonix e introducímonos no val de Vallorcine. Como en días pasados, logo de madrugar, tomamos o tren en Taconnaz para achegarnos ata Le Buet, localidade moi próxima a Suiza.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Na propia estación comezamos a andar. Un pequeno paseo ata o lugar de La Poya situado na entrada da reserva natural Vallon de Bérard, permítenos descubrir a fervenza Bérard, despois duns vinte minutos dende a estación de tren. Unha pasarela metálica lévanos directamente ao centro da mesma que, coido, baixa con pouca auga. Facémonos fotos coa fervenza de fondo e abandonamos a mesma para continuar a andaina río arriba durante un treito. Encaramado nunha rocha, enriba da fervenza, hai un pequeno restaurante ao que se accede por medio dunha ponte de madeira, pechada ao paso. O entorno é magnífico.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Temos que cruzar o río Bérard por unha ponte de madeira para dirixirnos ao Plan des Bois. O bo tempo acompaña e progresamos tranquilamente a través do bosque.  Do balbordo do río pasamos ao silencio envolvente do bosque. Unha marabilla!

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Pasamos polo lugariño de Les Granges, un pequeno grupo de chalets alpinos construidos nun fermoso claro, un lugar que semella ofrecer un marabilloso silencio e fermosas vistas sobre Le Buet, o Aiguille Verte e o Col de Montets. Nós continuamos e abordamos pouco a pouco a parte máis dura do percorrido. O camiño adéntrase no bosque e zigzaguea para facernos gañar altitude rapidamente, permitindo de cando en vez ver os glaciares e cumes do macizo dos Alpes que temos ás nosas costas.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Cruzamos a pequena ponte Nant Loriaz que salva o torrente do mesmo nome e continuamos cara o refuxio. Cada quen leva o seu ritmo e aproveita os momentos de contemplación para recuperar forzas.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Despois de pouco máis dunha hora de andadura serpenteante, o sendeiro desemboca nun amplo escenario de pastos de montaña que permite ver todo o entorno. Todos os ollos víranse cara ao xigante dos Alpes, que afortunadamente non están cubertos polas nubes. Cumes próximas aos 4000 m monopolizan a nosa atención, a Aiguille d’Argentière, a Aiguille do Chardonnet, as Droites, a Aiguille Verte… o cadro complétase cos inmensos glaciares do macizo, o glaciar do Tour e o de Argentière e, no fondo, o fermoso val dende onde partimos pola mañá. Que pequenos nos fai sentir todo isto!

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Despois de gozar deste momento, continuamos todavía unha media hora antes de acadar o refuxio, do que comezan a asomar as siluetas dos seus tellados. Imos chegando aos poucos e facéndolle unha visita ao regato que pasa próximo para refrescarnos e despoxarnos das mochilas.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Situado a 2020 m de altitude, o refuxio de Loriaz acóllenos en pleno corazón do macizo de Aiguilles Rouges mirando cara a cadea do Mont-Blanc. Un lugar moi fermoso que semella estar perdido no medio da montaña, pero que é accesible por unha pista forestal, pola que faremos o traxecto de volta.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Montamos un pequeno balbordo ao entrar de súpeto tanta xente no bar do refuxio, ocupando practicamente todo o local de mesas corridas, pero a atención por parte da rapaza é cálida e profesional (non como a que teríamos máis tarde no Hotel La Poya). A cervexa que nos sirve semella ser artesá e está deliciosa! En cambio, o Alfonso prefire sentarse na terraza, gozando dunha vista excepcional dos Alpes, e decide tomar unha soupe pois o estómago xa lle canta, a pesar de ser as doce e media da mañá. Non se decatou de que había uns postres, como unha deliciosa tarta de arandos, que seguramente o farían tolear… e todo a prezos razoables, segundo vin no taboleiro que tiña ás súas costas.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Saboreamos un último trago da cervexa na terraza mentres busco o meu sombreiro e facémonos a foto de grupo tendo como telón de fondo o Corne e a Aiguille de la Loriaz, antes de iniciar o camiño de regreso.Un pouco  máis abaixo decátome de como un dos fillos de quen nos fixo a foto, está absorto lendo sobre un penedo nunha imaxe moi fermosa.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Descendemos agora pola pista forestal. Cruzamos os pastos de montaña, e imos contemplando a fascinante cadea montañosa que temos diante, antes de sumerxirnos de novo no bosque. O descenso faise rápido, divertido e en animada conversa, percorrendo unha pista ao pé de enormes árbores.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Decidimos variar un pouco o percorrido fixado para aproveitar a sombra do bosque, polo que volvemos cruzar Les Granges e logo continuamos ata o Plan de Bois, aproveitando este entorno sombrío á beira dunha fonte para xantar. Abrimos as mochilas e cada quen saca o seu reconstituinte: sandwiches, bocadillos, queixo, froita… O tempo non dá para moito e o descanso é pequeno. Preparámonos, algúns ainda con formigas nas pernas, e reiniciamos a marcha cara abaixo.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Pronto chegamos ao río Bérard, agora disfrutado por familias e grupos de mozos que se dispoñen ao longo das súas beiras. Temos tempo de pararnos e adicarnos a recolectar arandos, que abundan por estas latitudes. Cruzamos de novo a súa ponte e descendemos ata a fervenza de Bérard polo sendeiro que subimos pola mañá. De  aquí ata a estación do ferrocarril queda moi pouco, polo que xa notamos que está a chegar o final da andaina.

De Le Buet ao Refuge de Loriaz

Sen dúbida, outro magnífico día de desfrute nos Alpes, a pesar de que o lugar elixido para tomarlle a cervexa non foi o máis idóneo (Domingo e Xerardo tiveron pequenos encontronazos coa antipática dona do bar do Hotel La Poya), o que non impediu que houbera risas e bromas entre nós, e de que tamén tivemos que agardar no apeadero de Le Buet máis do debido por unha avería no tren que nos ía levar de regreso ao hotel, o que permitiu que faláramos de todo e da fermosa ruta que acababamos de facer.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio