De Malpica a Niñóns. Camiño dos Faros
Para facer este itinerario seguimos a primeira etapa do Camiño dos Faros, unha senda de 203,50 quilómetros que enlaza os faros da Costa da Morte, de Malpica a Fisterra. A ruta parte de Malpica e vai ata a praia de Niñóns practicamente todo o rato pegada á costa, por zonas de cantís. O percorrido ten un altísimo valor paisaxístico e goza dunha extraordinaria beleza.
- Lonxitude da ruta: 24 km aprox.
- Desnivel: medio
- Dificultade: media-alta
Logo de dar un paseo pola vila e reagruparnos no porto malpicán, iniciamos o percorrido polo Caldeirón para chegar a súa praia de Area Maior, continuamos cara ao cabo de Santo Hadrían por un camiño ben acondicionado, moi lonxe de aquel que percorrían hai anos os romeiros a mediados de xuño para chegar ata a ermida dende a igrexa parroquial. Lembro que me levaron os meus tíos de neno e teño gravada a imaxe de moitísimos coches aparacados na beira do camiño e moitísimos tolleitos pedindo esmola. Cruzamos a praia de Seaia e tomamos a pista de terra que sube a Santo Hadrián; alí, no seu mirador fixemos a primeira parada e desfrutamos dunhas vistas panorámicas sobre toda a enseada de Seaia e Malpica. Estamos xusto fronte ás illas Sisargas, a unha milla escasa de nós, e a case 200 m sobre o nivel do mar. As Sisargas van ser referencia durante case todo o percorrido!
Acompáñanos todo o rato unha chuvieira fina que non cesará ata despois de xantar (e MeteoGalicia pronosticando chuvia para o final do día!), pero a temperatura é excelente para camiñar. O camiño xa nos vai amosando o que imos ver nesta etapa, alternancia de praias cunha costa de cantís que percorreremos a pouca altura.
Continuamos ata Beo por un camiño de pescadores que bordea toda a costa fronte ás Sisargas. Espectacular cando pasamos por pequenos treitos moi preto dos cantís, pero para nada complicados (eu levaba os meus temores polo do vértixe, e non o notei en ningún momento).
A praia de Beo recibiunos toda sementada de argazo, do que estaban recollendo os veciños un bó tractor para estraren despois polas leiras. Desde alí subimos ata a aldea de Beo con moito coidado polas esvaradías escaleiras de madeira, que non me canso de repetir o inapropiado que é a madeira dos “paseos marítimos e fluviais” para camiñar por ela.
E de Beo á Praia de Seiruga, onde nos atopamos cunha pequena e agradable dificultade: hai que cruzar o regato (pequeno nesta época do ano), polo que compre descalzarse, subir o pantalón por riba dos xeonllos e buscar o mellor sitio para cruzar (ollo, que hai zonas nas que te enterras ata os xeonllos). Creo que houbo un que non precisou descalzarse e cruzou sen problemas, pero outros que o tentaron acabaron coa bota na auga e os pés mollados por dentro. Co que lle presta aos pés esa auga fresquiña! Iso sí, hai que sacar ben as areas e secarse ben pois aínda queda moita etapa e levar areas nos pés pode ser un incordio.
Saímos do areal pola pasarela e un pouco máis adiante decidimos facer unha pequena parada para xantar, pequena por mor da persistente chuvia, pero o día comezaba a abrir e, de camiño ata o areal de Barizo, xa parou de chover definitivamente. Ao final da enseada de Barizo, baixo os cantís, podemos ver o pequeno porto coas embarcacións locais. En Barizo, xa estaba programado, houbo que decidir quen continuaba ata Niñóns e quen decidía deixalo neste punto. Este grupo, con 16 km nas pernas, dirixiuse ata Mens, lugar no que recomendo admirar a súa igrexa románica de Santiago, as súas tres ábsides, os canzorros… agardo que Suso me mande fotos, pois hai algún que outro irreverente que paga a pena amosar.
O resto enfiamos cara ao faro de Punta Nariga. O entorno de Punta Nariga é espectacular! As formacións rochosas están afectadas pola constante acción erosiva do vento e da auga, e nelas apreciamos as máis variadas formas, polo que hai que deixar que traballe a imaxinación: elefantes, figuras antropomorfas… Contoume Xerardo que cando fixeron a ruta neste inverno, o forte vento non os deixaba descender as escaleiras (supoño que ese sería un dos motivos polos que instalaron no cumio do monte unha chea de aeroxeneradores).
O faro é fermoso. A construcción de César Portela inaugurada en 1997 mide 28 m e a súa luz acada as 22 millas (uns 41 km). Está estruturado en tres corpos e simula a proa dun barco introducíndose no mar. No mascarón, unha escultura de Manolo Coia, un atlante, convértese nun lugar perfecto para admirar a paisaxe… e para facer as fotos que se queiran.
O camiño que nos queda é impresionante, do mellor da ruta, e non o digo para amolar aos que non viñeron, pois é moi esixente e hai que ir con todos os sentidiños, xa que voltamos a camiñar pegados á costa de cantís camiño da Enseada do Lago e Niñóns; un tramo de costa espectacular que percorremos con subidas e baixadas de vértixe mentres contemplamos como o mar bate nesta impresionante enseada tendo todo o perfil do Roncudo á fronte! Logo, despois duns dous km, chegamos a un sendeiro que nos leva ata a praia de Niñóns, polo que só queda chegar ata o bus, onde está o resto dos compañeiros, que nos agarda na igrexa de San Xoán, en Niñóns, onde damos por rematada a ruta.
Desta vez sí que foron moi necesarios os estiramentos, e a cervexa que tomamos en Pazos soubo a gloria!
Esta é a primeira ruta que fixen do Camiño dos Faros coa USC, pois non tivera ocasión de facelo con outros compañeiros ou cos Traskis, que así se chaman os organizadores e que non quixera deixar de comentar o agradecemento polo bo facer dos organizadores do Camiño dos Faros, polo efecto dinamizador que está a ter en toda a Costa da Morte. Parabéns!
Ver De Malpica a Niñóns. Camiño dos Faros nun mapa máis grande
Fermosísimas fotos Fran, coma sempre, e fermosísima ruta. Eu fíxena tres veces cos Traskis, e non me canso de facela. Fran, na próxima ruta, sauda e dalle unha aperta da miña parte a tódolos/as compañeiros/as, unha aperta
Grazas Manolo!
A verdade é que se che bota de menos (anque xa vemos que vas sempre moi ben acompañado…). Unha forte aperta
Ruta para salvar a Fraga das Casas Vellas (Lalín)
DOMINGO 2 NOVEMBRO
URXENTE! PRECISAMOS AXUDA PARA SALVAR UNHA
FRAGA EN PERIGO POLA INSTALACIÓN DA LIÑA DE
ALTA TENSIÓN DE FENOSA!!
A Fraga de Casas Vellas corre serio perigo. O proxecto
da empresa Gas Natural-Fenosa contempla a corta
dunhas 2.000 árbores para levar a liña de alta tensión ata
Lalín. Aínda que existen alternativas que eviten o
estrago, a empresa quere impoñer os seus intereses
económicos por enriba dos dos cidadáns.
Temos pouco tempo, pois a corta empeza en Novembro.
A Plataforma para Salvar a Fraga de Casas Vellas
pide axuda aos sendeiristas de toda Galiza para realizar
unha ruta reivindicativa (por corredoiras e fragas).
INFORMACIÓN SOBRE A RUTA:
Día: domingo 2 de novembro (12 km pola mañá).
Hora da xuntanza: 9:15 diante do Concello de Lalín (no
novo) Logo desprazarémonos nos coche ata o Local social de
Catasós (na N-525, a 3 km dirección Ourense, coller a pista ao
lado da Taberna O Cazador). Hai onde aparcar. Alí iniciarase
a andaina (de 10:00 a 14.00 horas, dificultade media-baixa).
INFORMACIÓN SOBRE O TEMA:
https://www.facebook.com/salvemoscatasos
PARA ANOTARTE ou informarte:
No blog do Grupo Sendeirista Érbedo:
http://erbedo1.blogspot.com.es/
http://erbedo1.blogspot.com.es/2014/10/ruta-para-salvar-fraga-dascasas-
vellas.html (nesta entrada hai un enlace para anotarse
individualmente por provincias)
No seu e-mail: erbedo1@gmail.com
Tfno. contacto: 628 884 924
Por favor, difunde a ruta entre os grupos
sendeiristas que coñezas!!!!
Salvemos o noso patrimonio natural!
Grazas! Vouno difundir tamén no FB.
Apertas
!Que roteiro precioso y fotos bonitas! Estamos muy agradecidos que podemos acompañaros y conocer a estas zonas hermosas de Galicia. Saludos, Jóhanna &Helmut
Gracias Jóhanna!! y no sabes lo orgullosos y felices que estamos de que nos acompañeis.Yo espero que nos sigáis acompañando durante el tiempo que viváis en Santiago. Besos y saludos a Helmut