Serra do Careón. Toques

25-10-2014
Serra do Careón

Desta vez fomos á comarca de Terra de Melide, á Serra do Careón, que está situada entre os concellos de Toques, Palas de Rei e Friol. O Careón é unha serra de alturas moderadas e ten unhas características especiais que fan que sexa unha área de grande interese xeolóxico a nivel peninsular e dunha excepcional relevancia botánica. Forma parte da REDE Natura e está declarado ZEC (Zona de Especial Conservación).

  • Lonxitude da ruta: 16 km aprox.
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

A Serra do Careón pertence á Dorsal Galega (conxunto de serras que na práctica veñen ser unha soa cordilleira que se estende de norte a sur como unha espiña dorsal), e é un pequeno cordal montañoso de perfil en chanzos e amesetado e de relevos suaves, acadando o cumio da serra, o Careón, 798 m de altitude, dende onde se pode disfrutar dunhas estupendas vistas da comarca.

A ruta non ten maiores complicacións. Comezamos na parroquia de Vilamor cun fermoso día, neste extrano verán de outono que chegou a Galicia para quedarse toda a semana. En xeral os camiños son bos, e neste tramo ata O Lujar de Saamil moi fermosos, baixo castiñeiros e carballos e cunhas lepiotas impresionantes aos nosos pés! Parece que o día axuda a que haxa unha actividade frenética polos camiños e nas casas, recollendo o millo, transportándoo en inmensos tractores e ensilándoo nas casas do lugar.

Logo, hai que superar un pequeno e curto treito polo monte entre toxos e matogueiras. Unha vez superado xa apreciamos o valor da ruta, as vistas: divisamos moi ben Melide e ata vemos o Pico Sacro! Continuamos xa en pequeno ascenso por camiño forestal sen sombra e cunha paisaxe totalmente diferente á dos primeiros quilómetros pois xa imos entre estensas áreas de matogueira sen arbolado practicamente.

Á metade da ruta, e a unha altura próxima aos 760 m, o Víctor amosounos o que podíamos ver dende alí cara ao oeste, os montes do Bocelo, a Serra da Cova da Serpe, e incluso se divisa a Pena Moura, aquela inmensa mole granítica que nos acubillou no xantar da primeira andaina de 2011 que, por certo, é a primeira andaina que inaugurou este blog! Máis perto de nós, intuimos a depresión formada polo río Furelos  coa súa espectacular Fervenza de Brañas.

Tamén nos fala da vexetación endémica, distintos tipos de uces, pois as plantas que viven nesta serra están adaptadas ás especiais características da composición do solo, que dificultan a existencia doutras especies máis comúns no resto de Galicia. Esto permite que esta serra sexa o ecosistema axeitado para a vida de lobos, xabaríns ou corzos, xunto cunha gran diversidade de aves e anfibios.

Continuamos camiño a pleno sol e acompañados xa polos aeroxeneradores sementados ao longo da serra (neste tramo Felipe amosoume unha carricanta ben fermosa!). Os muíños foron levantados nos primeiros momentos de declararse LIC esta zona, cando non había impedimento, xa que hoxe non estaría permitida pola lexislación a súa instalación nestes espazos protexidos.

Logo de xantar e descansar entre eólicos, acadamos o cumio do Careón, unha atalaia onde Víctor volve ilustrarnos e, a pesares de que o ceo non estaba moi limpo, podemos divisar cara ao leste a serra dos Ancares, ou a vila de Palas de Rei.

E xa toca iniciar o descenso cara a Vilamor, no que imos deixando atrás os piñeirais e parques eólicos dos cumios e baixamos aos pastos, soutos e carballeiras de Vilourizaldea na que enlazamos co Camiño Primitivo, antes de xuntarse en Melide co Camiño Francés a Santiago.

Decátome de que en Vilamor rematamos a andaina e fixemos estiramentos diante dun monolito adicado a Ramón Rodríguez Varela, Curuxás, guerrilleiro antifranquista nado en Vilouriz en 1904, traballador nas minas de volframio de San Fins, e sindicalista vinculado á CNT. A súa primeira acción foi levarse as nóminas da empresa en plena guerra, o 14 de abril de 1937 coincidindo co aniversario da República. Fuxiu da casa en 1941, matando a un dos gardas civís que foran prendelo. Fugado, uniuse aos grupos guerrilleiros que operaban na zona e en 1947, ante a recomendación de abandonar as armas, refuxiouse en Vilamor, onde viviu ata a súa morte en 1967.

A andaina fíxose curta o que deu tempo para parar en Melide e visitar o centro da vila, pola fermosa Praza do Convento, na que está a Capela de S. Antón e a Casa do Concello, antigo pazo, xunto coa igrexa do antigo Convento do Sancti Spiritus, no que atopamos un altar maior barroco, sartegos góticos (o de Inés de Castro) e pinturas murais do século XVI. E tamén houbo tempo para a cervexa cuns pinchos de lacón, que nun día coma o de hoxe souberon a gloria!


Ver Serra do Careón. Toques nun mapa máis grande

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Serra do Careón. Toques”

  1. Coas cores do outono estaría millor, pero se ve que a calor despistou ás árbores e plantas, aínda así ¡moi ben!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio