Courel. Ruta do Val do río Pequeno

Courel. Ruta do Val do río Pequeno

Esta fin de semana fun ao Courel! unha boa estadía outonal por esas terras que tan ben describiu e poetizou Uxío Novoneyra. Un grupo de amigos que frecuentan os roteiros da USC, ademáis de Ánxeles, Paché e Suso, fomos desfrutar dun par de días polo Courel; tendo como posto base Seoane do Courel, Savane para moitos, aloxámonos en Casa Ferreiro, que recomendo vivamente. A casa non é moi bonita pero con bo servizo, boa atención e boa comida.

Xa que estou, tamén recomendo a Guía do Courel elaborada por Javier Guitián, Luís Guitián e José L. Martínez Villar, unha proposta de fácil manexo coa que se pode coñecer en pouco tempo os puntos claves da terra de Novoneyra, considerada como o corazón natural do noso país. A través de 22 rutas excepcionais, con valiosísima documentación, temos a oportunidade de percorrer as paisaxes desta serra, dando a coñecer lugares que hoxe poderían ser modelo de xestión do medio natural e descubríndolle ao viaxeiro a súa vexetación, os mellores bosques, as especies ameazadas e, en definitiva, a beleza e autenticidade dunha paisaxe sobre a que se fundamenta o turismo rural.

Entre as numerosas rutas que hai para descubrir esta paraxe natural e gozar da natureza, fixemos o sábado a do Río Pequeno e deixamos para o domingo un pequeno paseo desde o Alto do Couto ata a fonte de Monte do Cervo na fermosa Devesa da Rogueira. Durante as andainas, o tempo non acompañou moito pois choveunos durante todo o seu pecorrido, pero unha vez rematadas, e como nunca choveu que non delampase,  pudemos desfrutar dos paseos por Seoane, Folgoso ou A Seara.

A Ruta do val do río Pequeno comeza no mesmo Seoane, remontando o río Pequeno en dirección a Paderne. Con pendentes moderadas, pasamos pola Aldea do Mazo e as Cabanas dos Carballois. Estamos indo polo vello camiño que unía Pedrafita con Seoane entre interminables soutos. Para chegar a Paderne tivemos que cruzar varios regos, así como subir unha pequena costa antes de chegar á aldea de Paderne, con varias casas de turismo rural, que atravesamos para volver baixar ao río (o tempo non axudou moito para poder desfrutar destes paraxes).

Desde o río comezamos o duro ascenso ata o Chao Grande, cerca do Castro de Brio, desde onde debe haber unha vista espectacular que non pudemos apreciar polo cuberto que estaba. O que sí atopamos foi aos do motocross de rigor que andan polos roteiros sinalizados… e aínda teñen que dicir! Xa cando o sendeiro comeza a baixar e ser máis doado, volvemos entrar en valiosos soutos característicos desta terra, que nos dirixen sen perda ata Mercurín. A parte baixa deste bosque chámase Val das Mouras, pola súa beleza, ao que continúa un magnífico aciñeiral nas denominadas Taras de Mercurín, desde onde proseguimos o descenso cara a Ferrería; aquí o grupo dividiuse e uns fomos ata Seoane pola estrada que ven de Folgoso, e outros fomos ata a Ferrería Nova, e dende aquí, tras un pequeno ascenso, chegamos de novo a Seoane, que é realmente o percorrido do sendeiro.

E así rematou o día do sábado, en Folgoso mercando noces e mel (as castañas reserváronas para o domingo que celebraban a Festa da Castaña), e que despois da chuvia da mañá regalounos unha bonita posta de sol entre nubes. Volta para Seoane que nos agarda o cordeiro na mesa!… e sesión fotográfica de Picos, Pola de Gordón e roteiros de Suso!

 


Ver Courel. Ruta do Río Pequeno nun mapa máis grande (Autor: jesussimon)

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio