Courel. Devesa da Rogueira

04-11-2012
Courel. Devesa da Rogueira

O domingo fixemos un pequeno traxecto de ida e volta pola Devesa da Rogueira, na aldea de Moreda, un dos bosques autóctonos máis importantes da península. A devesa é un dos montes máis característicos do Courel e principal reserva biolóxica, cuns tres quilómetros cadrados de bosque primario. Sitúase na vertente norte do monte Formigueiros, con accesos doados desde Moreda e desde o Alto do Couto. Ademais das especies vexetais, atopamos na Rogueira varios sequeiros e mesmo covas.

A Rogueira é coma unha cuncha de Santiago que está mirando ó norte… é máis un milagre do olfacto ca un milagre da mirada.

(Uxío Novoneira)

Desde o Alto do Couto, e case ao comezo da andaina, o Suso ensinounos o lugar onde se garda memoria do seu cuñado Salvatore. Que momento, pola emoción e alegría de Suso!

O camiño é doado: seguimos o sendeiro ata chegar á Cima de Monte do Servo, alto da devesa, onde a ruta se bifurca e onde tomamos cara á esquerda polo camiño que nos conduce ata as Fontes do Cervo, de dous mananciais distintos partindo dunha mesma rocha (un de augas ferruxinosas con propiedades curativas e o outro de augas calcáreas e transparentes).

A natureza ofrécenos unha paisaxe chea de contrastes, luz e cor. A intensa gama dos ocres pasando por brilantes amarelos para rematar en vermellos intensos… un espectáculo de cor de castiñeiros, carballos, bidueiros, acibros, teixos, carballos e árbores sen pólas que se mesturan con fervenzas e fontes.

En canto á gastronomía, que vos vou dicir! os produtos naturais da zona son o fundamento dun cocido que nos papamos a primeira noite, e un cordeiro asado da segunda que levantaba o ánimo de calquera; para rematarmos, o domingo demos conta da caza dos seus montes, xabarín, e as troitas dos seus ríos, rematados con sabrosos postres que nos deron na Seara, e as noces ou o mel que merquei en Folgoso.

Xa vou coñecendo un pouco máis o Courel. Hai que volver!!

Ruta do val do río Aviouga

4 comentarios sobre “Courel. Devesa da Rogueira”

  1. marisa castiñeira

    “Irei un día do Courel a Compostela por terras liberadas? …
    Uxío Novoneyra

    Eu intentarei ir a fin de semana que ven de Coruña ao Courel!

    1. Aaah, que sorte! Anque xa están anunciando neve polo Cebreiro, sen dúbida é fermoso tamén ver o Courel nevado.
      Pásao ben!
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio